PXOM

Alegación ao PXOM presentada polo CN

Que estando en segunda exposición pública o proxecto de Plan Xeral de Ordenación Municipal de Marín e a Avaliación Ambiental Estratéxica vimos a manifestar o seguinte:

A tramitación do PXOM de Marín careceu desde o principio dunha participación real da cidadanía xa que por vontade de todas as forzas políticas presentes na corporación non se realizou exposición previa á aprobación inicial. A primeira exposición pública fíxose sen ningún tipo de explicación ou argumentación ao pobo de Marín.

Este xeito de actuar furtou un debate social necesario para deseñar entre todos e todas o futuro de Marín. O resultado disto foi a crispación social pola imposición, arbitraria e caprichosa dos responsábeis municipais, de zonas industriais en localizacións pouco axeitadas.

Este proxecto está, igual que o exposto anteriormente, baseado nun modelo caduco de desenvolvemento urbanístico orientado a ofertar segundas vivendas ao mercado inmobiliario foráneo, fomentando a construción masiva sen un deseño de espazos verdes, parques e dotacións para lecer do pobo. As figuras de desenvolvemento escollidas van dar lugar a máis crispación social ao deixar en man da iniciativa privada a urbanización de grandes zonas do noso municipio.

Non se ten en conta a situación de crise económica que vai condicionar o desenvolvemento do PXOM e fai que as previsións económicas do mesmo non sexan reais, xa que aínda que hai unha redución do número de vivendas a construír seguen sendo excesivas.

Mantéñense as previstas canalizacións dos ríos Loira e Lameira, que van supoñer as principais agresións ecolóxicas a estes ríos xunto coa construción no seu percorrido de zonas industriais. Acrecéntase a posibilidade de inundacións nas zonas xa afectadas historicamente polas riadas, pois a proposta en vez de solucionar vai empeorar o problema.

Estamos ante un PXOM que non pensa no pobo de Marín ao carecer de proposta para crear novos espazos públicos e dotación de servizos que garantan a mellora do nivel de vida; centros de día, zonas deportivas, culturais, etc., non son unha prioridade para este goberno. 

Por todo o anteriormente exposto vimos a presentar as seguintes alegacións:

  1. A Lei 29/1985, de 2 de agosto, de Augas, recolle no seu artigo 6º que as marxes dos ríos están suxeitas, en toda a súa extensión lonxitudinal a unha zona de servidume de cinco metros de anchura para uso público, que se será regulamentado; e a unha zona de policía de 100 metros de anchura na que se condicionará o uso do solo e as actividades que se desenvolvan.

Aínda que na nova exposición do PXOM aparecen con máis claridade nos planos as distintas canles e a súa zona de afectación, tamén é certo que continua a afectación aos tramos baixos dos ríos de Marín.

O río Loira e o Lameira ven afectadas as súas marxes nunha zona bastante grande no seu tramo máis baixo, incluíndose en zonas de Servizos Xerais e en polígonos de Solo Urbano Non Consolidado e mantendo a intención de actuar coa canalización destes tramos.

Estas actuacións contrarias á lexislación vixente non teñen xustificación e inciden nos erros que provocan cada certo tempo inundacións . O artigo 104, f) da Louga, di que nas áreas ameazadas por graves riscos naturais como inundacións, afundimentos, incendios, etc., non se permitirá ningunha construción, instalación ou calquera outro uso do solo que sexa susceptíbel de padecer estes riscos.

Máis perigosa é a pretensión de colocar dúas zonas industriais sobre a canle do río Loira, o que vai provocar como puidemos comprobar recentemente co incendio dunha nave en Vigo, que se converta nun vertedoiro de residuos, “escapes accidentais” das industrias ou empresas que se instalen alí.

Propoñemos:

Que se recollan en todas as marxes dos ríos Loira e Lameira, así como dos seus afluentes, as zonas de protección legalmente estabelecidas en 5 metros para uso público e 100 de policía.

Que en ningún caso se proceda á canalizacións dos ríos.

Que non se coloque ningunha zona industrial sobre as canles dos ríos Loira e Lameira. 

  1. Na relación de edificios catalogados a protexer non aparece o edificio e xardín anexo situado nos números 19 e 21 da Avenida Jaime Janer. Construción de interese pola súa antigüidade e as súas características arquitectónicas.

Propoñemos:

A súa cualificación como edificio catalogado. 

  1. Plano C-3

Aparecen relacionados os seguintes polígonos de SUD, o R-1, e SUNC, o P-1 até o P-12. Estas actuacións propostas, que cambian con respecto ao anterior proxecto exposto do PXOM, propoñen unha vez máis solucións distintas para zonas similares. Auméntanse  os polígonos onde antes era solo urbano.

Con este deseño non se van mellorar as condicións de vida das persoas residentes nesta zona, pola contra van ter que facer desembolsos económicos para urbanizar  e van desaparecer lugares dos máis característicos de Marín.

Propoñemos:

que se modifiquen os sectores SUNC e SUD deste plano e se cualifiquen como Solo Urbano e a zona SUD R-1 e o SUNC P-9 como SREP Agropecuaria. 

  1. Plano C-4

Recóllense unha serie de polígonos que van transformar radicalmente esta zona converténdoa nun paraíso da urbanización intensiva e alterando a paisaxe de costa. O SUD DT-2 invade a zona de protección.  A SUD RCHM-1 está dentro dunha zona de protección arqueolóxica, concretamente a do xacemento que se indica no mapa Y29 e está delimitado, como se recoñece por parte dos redactores, sobre unha zona de interese agropecuario.

Propoñemos:

Que o SUD RCHM-1 e o SUNC P-13 sexan cualificados como SREP Agropecuaria.

Que o SUD DT-2 sexa modificado cualificándose como SREP Costas. 

  1. Plano C-5

As actuacións previstas nesta zona supoñen unha alteración grave e irreversíbel da canle do río Lameira incumprindo a Lei 29/1985, de 2 de agosto, de Augas nas distancias de protección.  Concretamente o SUNC P-22, P-14a e P-14b, P-15.

O SUND-1 está delimitado, como se recoñece por parte dos redactores, sobre unha zona de interese agropecuario, como así o cualifica o Ministerio de Agricultura e a Consellaría de Política Territorial no seu informe previo ao PXOM. Nas fichas de impacto recoñecese que son terreos que se caracterizan por ser un “espazo de intensivo aproveitamento agrario”. Polo tanto, e como en casos anteriores, en base á aplicación do Art. 32.2 a), da Lei 9/2002, non cremos valida a xustificación da consecución dun espazo cohesionado que supla a perda de calidade ambiental transformando unha das paisaxes máis fermosas de Marín nun gran entramado urbanístico.

Hai que destacar, ademais, a contestación social que a actuación prevista nesta zona está provocando nas persoas afectadas, que se van ver privadas das súas propiedades por parte da Consellaría de Vivenda dun xeito inxusto.

Propoñemos:

Que se recollan en todas as marxes dos ríos Loira e Lameira, así como dos seus afluentes, as zonas de protección legalmente estabelecidas en 5 metros para uso público e 100 de policía.

Que o SUND-1 sexa cualificado como SREP Agropecuaria.

Que no SUD R-2 se contemple a creación dun gran parque que serva como zona de lecer para a zona urbana de Marín. 

  1. Plano C-6

Nesta zona contemplase a creación dunha gran zona industrial, o SUND PI-1.  E unha ubicación dun gran valor paisaxístico e de interese pera a rede hidrolóxica do municipio, está integrada no Espazo Natural Protexido Montes do Morrazo recollido na normativa urbanística provincial. Afectase, ademais, o contorno do Xacemento (GA36038039) e dos Y16, Y17, Y27 e Y51.

Aínda que neste novo proxecto si se recoñece que se está afectando ao espazo dos Montes do Morrazo, cousa que non se facía no anterior, argumentase dun xeito escaso e sen entrar en grandes xustificacións que se pode cualificar a zona como SUND e instalar unha área industrial.

Propoñemos:

Que se manteña a cualificación do SUND PI-1 como Espazo Natural Protexido. 

  1. Plano C-8

Aparecen recollidas varias zonas, a SX-CP, a SX-61 e a SX-37, cualificadas como Sistemas Xerais  – espazos libres de uso e dominio público- sendo as mesmas masas forestais. A cualificación que se lles da a estas zonas é simplemente para cumprir os obxectivos que marca a lexislación vixente en canto a espazos e zonas verdes no planeamento, por este motivo  estamos ante un intento de sortear a lei e así aumentar a capacidade de edificación e construción noutras zonas do concello.

Propoñemos:

Que se modifique a cualificación das zonas de Sistemas Xerais pasando a ser cualificadas como SREP Forestal. 

  1. Plano C-9

O SUNC P-27 e P-28a e P-28b afectan ao Río Lameira incumprindo a Lei 29/1985, de 2 de agosto, de Augas; non se respectan as distancias de protección.

O SUD PE- I1 afecta a zonas de interese agropecuario e polo tanto, e como en casos anteriores, en base á aplicación do Art. 32.2 a), da Lei 9/2002, non é aplicábel esta cualificación do solo. A isto hai que engadirlle a alarma social que esta proposta está provocando nos veciños da zona que ven afectadas as súas casas e fincas.  Este, igual que outras propostas de chan industrial, faise sen o consenso e a participación do pobo de Marín; e para satisfacer intereses particulares e non da colectividade.

Propoñemos:

Que se recollan en todas as marxes do río Lameira as zonas de protección legalmente estabelecidas en 5 metros para uso público e 100 de policía.

Que o SUD PE- I1 sexa modificado e se cualifiquen os terreos  como SREP Agropecuaria. 

  1. Plano C-11

Recóllense diversas actuacións que van alterar dun xeito grave a desembocadura do río Loira, modificando unha zona que debe ter unha protección especial polo seu interese ecolóxico e paisaxístico.

O desenvolvemento urbanístico en Loira e Seixo é excesivo en número de edificacións e está orientado ao mercado da segunda vivenda para non residentes, incidindo nun modelo fracasado e que vai hipotecar o futuro da zona. Non se pode pretender transformar Seixo nunha nova “Marbella”, e moito menos nunha situación de crise e incerteza económica.

Propoñemos:

Que se modifiquen as zonas propostas PERI 2, SUD PIC-1 e  SUND-2 , recollendo unha zona máis ampla de protección do Río Loira, e cualificándoas como SREP Agropecuaria.

Que as zonas SUND-4 e SUNC P-30, que afectan á zona de protección de costa, sexan cualificadas de xeito máis acaído á realidade como SREP Agropecuaria.

Que os SUNC P-31 e P34 sexan cualificados como Solo Urbano.

Que os SUNC P32, P33 sexan cualificados como SREP Agropecuaria.

Que o SUD RHT 1.2 e RHT 2 sexan cualificados como SREP Agropecuaria. 

  1. Plano C-12.

 

Recollese unha zona empresarial no SUD PET 1 que afecta ao río Loira e está cualificada como zona de interese agropecuario, xunto co SUD RH T2. De levarse adiante suporía un novo atentado ao xa deteriorado curso do río e a transformación dunha das zonas mellor conservadas de Marín, modificando a paisaxe tradicional. Esta actuación non contempla a protección legalmente estabelecida que recolle a Lei de Augas .

Unha vez máis estamos ante unha actuación de gran contestación social debido á forma oscurantista en que se presentou a proposta e a falla de información.

Non é acertado colocar unha zona industrial ou comercial sobre un río polos efectos negativos que provocan os vertidos que sempre hai, accidentais ou non, e que neste caso van afectar a unha zona que no propio PXOM se define como de “interese turístico”, Loira e Seixo.

Propoñemos:

Que se cualifiquen ao SUD PET 1, RH T2 e DT-3 como SREP Agropecuaria, e se contemple na canle do río Loira a zona legal de protección especificada na Lei de Augas. 

  1. Plano C-13

O SUD PE I.2 incumpre a Lei 29/1985, de 2 de agosto, de Augas; non se respectan as distancias de  protección. É unha mostra máis da política de “parches industriais” no proxecto de PXOM que crean contestación social ao facerse de xeito oscurantista e sen consultar cos veciños da zona.

Propoñemos:

Que se cualifique o SUD PE I.2 como SREP Agropecuaria, e se contemple a zona de protección especificada na Lei de Augas. 

  1. Plano C-15

O SUD P35 e o SUD PIC 4 afectan ao río Loira, e ademais, supón un anacronismo a colocación dun parque industrial nunha zona que é de interese turístico e que está destinada a unha expansión en base a segundas vivendas e a unha posta en valor de Loira-Seixo. A existencia dunha zona industrial entra en contradición coa proposta de cualificar a desembocadura do Loira como un Sistema Xeral para a súa protección.

Propoñemos:

Que se cualifique os SUD P35 e o SUD PIC 4 como SREP Agropecuaria, e se contemple a zona de protección especificada na Lei de Augas. 

  1. Plano C-24

O SUD DT-1 xustificase en base  ao sinalado na Disposición Transitoria Décimo Terceira da Lei 5/2004, do 29 de decembro, de modificación da Lei 9/2002. Como tamén aparece recollido na mesma Disposición Transitoria, “ o ámbito do sector deberá estar ocupado pola edificación, polo menos, en dúas terceiras partes dos espazos aptos para a mesma, de acordo coa ordenación que o plan estabeleza. En ningún caso poderá afectar a terreos que teñan que incluírse en solo rústico de protección de costas, de augas ou de espazos naturais, segundo a presente Lei.”

Como se pode comprobar no plano o SUD DT-1 está afectado pola zona de protección de augas, non podendo polo tanto xustificarse a cualificación proposta por ir contra a Disposición Transitoria empregada como argumento para a mesma. Ademais, o SUD proposto situase no medio dunha ampla zona de SREP Agropecuaria, tendo ambas zonas as mesmas características.

Propoñemos:

Que se cualifique o SUD DT-1 como SREP Agropecuaria, e se contemple a zona de protección especificada na Lei de Augas. 

  1. Na Avaliación Ambiental Estratéxica, no apartado de medidas correctoras dos riscos de inundabilidade, proponse a canalización dos tramos finais dos ríos Loira e Lameira. Como xa manifestamos na alegación ao anterior proxecto,  estas actuacións suporían a modificación sustancial do ecosistema dos ríos, causando un gran impacto nos mesmos e modificando no caso do Loira unha paisaxe de gran valor.

Son precisamente as canalizacións dos ríos as que provocan os seus desbordamentos e as conseguintes inundacións, que xunto coa invasión das canles pola presión urbanística fan desaparecer as zonas naturais de expansión.

Propoñemos:

Que se retiren estas dúas propostas de canalización dos ríos Loira e Lameira por consideralas un atentando ecolóxico que vai alterar dun xeito innecesario o medio e o curso destes ríos.

Que se poñan en valor as canles e regos de auga de Marín, e máis concretamente dos ríos Loira e Lameira mediante a recuperación das súas beiras para a práctica do sendeirismo e a restauración dos muíños como atractivo etnográfico 

  1. Dadas as desorbitadas previsións de crecemento non son suficientes, cando non inexistentes, as previsións de dotacións para a poboación prevista. A non ser que este previsto un crecemento en base a segundas vivendas, ocupadas nos períodos vacacionais. Só desta forma se pode entender a falla de previsión para aumentar os centros de ensino e garderías, espazos culturais, de atención á terceira idade, etc. Tan só se contempla a substitución dun centro de saúde por outro, polo que non estariamos aumentando as dotacións sanitarias do concello.

 

Tampouco aparece ubicación para a canceira, prometida por todas as forzas políticas presentes na corporación nun acto público conxunto.

Propoñemos:

Que se incorpore un plano de equipamentos sanitarios, de atención á terceira idade, docentes, de servizos sociais, culturais, deportivos e de recollida de animais; todo isto co fin de garantir que non se produzan déficits nos dereitos sociais básicos. 

  1. No proxecto de PXOM aparecen cualificadas como Sistemas Xerais  – espazos libres de uso e dominio público- amplas zonas que son en realidade masas forestais.  A cualificación que se lles da a estas zonas é simplemente para cumprir os obxectivos que marca a lexislación vixente en canto a espazos e zonas verdes no planeamento, por este motivo  estamos ante un intento de sortear a lei e así aumentar a capacidade de edificación e construción noutras zonas do concello.

Esta forma de actuación vai contra un modelo de planificación moderno que teña en conta as necesidades da poboación, a súa calidade de vida, a dotación duns espazos de esparcemento que fagan do urbanismo unha mellora do nivel de habitabilidade.

Propoñemos:

Que se dote ás novas zonas a desenvolver de amplos espazos abertos, verdes e de uso público. 

  1. Nas zonas de SUND , SUNC e SUD  o sistema de actuación para a maior parte deles é o de Compensación. Este é o sistema máis inxusto para os cidadáns ante a execución de plans de urbanizacións, xa que nos colocan nunha situación de indefensión ante procesos especulativos que son os xerados por estas cualificacións urbanísticas.

Propoñemos:

Que de manterse finalmente as zonas cualificadas como SUD, SUND e SUNC o seu sistema de actuación sexa o de Cooperación. 

  1. O PXOM carece dun plano de actuación sobre as comunicacións e a mobilidade no concello. No estudo de MOBILIDADE tan só se recollen propostas de ampliación de creación de novas estradas, o que non se pode considerar como unha mellora da mobilidade xa que tan só se nomea a posibilidade de implantación de carril bici nunha estrada, peonalización de máis rúas ou a ampliación do transporte público. 

A Consellaría de Medio Ambiente recolle a necesidade de analizar e planear a mobilidade inter e intramunicipal, o deseño de itinerarios peonís, medidas de calmado do tráfico e o deseño de itinerarios para as bicicleta; actuacións que non veñen recollidas no proxecto de PXOM

Propoñemos:

Que se contemple nas vías de nova creación, e nas existentes que sexa posíbel, a implantación do carril bici en todas elas.

Que se amplíen as zonas peonís .

Que se recolla o estudo das necesidades de mobilidade inter e intramunicipal de transporte público.  

  1. No apartado 10.1 Informe de Sustentabilidade Ambiental aparecen recollidos os impactos dos usos do solo e as medidas correctoras propostas. Estamos ante un incumprimento claro da normativa, pois o que deberían ser medidas correctoras transfórmanse en xustificacións dos impactos ambientais. Isto cando se propoñen medidas, que en gran parte das actuacións non aparecen por considerar que o impacto é mínimo.

No apartado 2.2 do ISA que fai referencia ao patrimonio cultural de Marín o equipo redactor inclue uns castros existentes na Illa de Tambo. Queremos recordar tanto ao equipo redactor como a comisión de goberno encargada do plano que a illa aínda que este moi preto de Marín non pertence a este concello senón ao veciño concello de Poio. 
 
No apartado 4.1.2 que trata sobre a incidencia no PXOM do contexto económico, faise referencia ao plano director de portos deportivos e a posibilidade da ampliación do porto deportivo de Aguete cun novo dique cara o oeste, e incluso a creación dun novo no areal de Lapamán. O concello xunto a cidadanía mostro o seu rexeitamento a esta nova ampliación que tería unha repercusión negativa na zona. 

Propoñemos:

Que se faga unha nova proposta de medidas correctoras para todas as actuacións descritas no apartado 10.1 e que se recolla unha maior protección mediambiental.

Reclamamos que se retire calquera actuación ou referencia a esta illa no conxunto do ISA, por non pertencer a Marín.

Polo cal pedimos a retirada da redacción do PXOM e do ISA desta posibilidade descartada xa polo goberno municipal e máis pola cidadanía de Marín de ampliación do Porto de Aguete. 

Por todo o anteriormente exposto SOLICITAMOS:

Que tendo en consideración as graves repercusións que van supoñer para Marín e os seus habitantes esta proposta de PXOM solicitamos a súa retirada por ser insostíbel económica e ambientálmente.

Que se teñan por formuladas as presentes alegacións e se atendan as propostas feitas, e que en todo caso se de unha resposta razoada ao alegado en aplicación do artigo 86 da Lei 30/1992 de RXAP e PAC 

En Marín, 17 de decembro de 2008. 

 

SR. ALCALDE-PRESIDENTE DO CONCELLO DE MARÍN 

APOIO Á MANIFESTACIÓN DOS AFECTADOS POLO PXOM

Ante a convocatoria o próximo día 13 de decembro da manifestación por parte dos colectivos afectados polos polígonos industriais do  PXOM, os afectados polo Plan de Vivenda Protexida e polo Plan Vigo Íntegra, desde o Colectivo Nacionalista queremos manifestar o noso apoio a esa convocatoria.

Estamos ante un exemplo de actuacións autoritarias e escurantistas por parte das administracións, Xunta e Concello, que sen informar nin consultar con ninguén tentan impoñer os seus criterios sen ter en conta os efectos negativos para o pobo de Marín, para o ecosistema e para o noso patrimonio arqueolóxico. Están atentando contra o noso modo de vida.

Os polígonos industriais que pretenden colocar en Marín están deseñados de xeito caprichoso e en función dos intereses dos grupos políticos do concello, non hai máis que ver os mapas para darse conta do absurdo das propostas. Algunhas localizacións pretenden legalizar a uns, deixando a outros fora, sen máis criterio que a proximidade política; outras están deseñadas desde fora de Marín e responden a intereses alleos a nós.

Tentan colocarnos, como se argumenta claramente no Plano Vigo Integra, as empresas que pretenden sacar de Vigo. Por qué senón van transformar a estrada entre a entrada da circunvalación de Marín e a vía rápida do Morrazo? Non para solucionar un problema de accidentes de tráfico, senón para comunicar os polígonos industriais previstos máis rapidamente con Vigo.

O Colectivo Nacionalista de Marín xa alegou no seu momento, na anterior exposición do Plan, contras as zonas industriais previstas. Como manifestamos anteriormente, rexeitamos a proposta de macro-polígono industrial no Pituco. E unha localización dun gran valor paisaxístico e de interese para a rede hidrolóxica do municipio, e está integrada no Espazo Natural Protexido Montes do Morrazo recollido na normativa urbanística provincial. Afectaríase unha gran cantidade de xacementos arqueolóxicos.

Os polígonos industriais son unha parte do problema deste PXOM, pero cando entre en vigor e comece a desenrolarse vanse dar máis situacións problemáticas pola forma en que se pretenden desenvolver amplas zonas do noso concello deixando a iniciativa en mans privadas.

Queremos denunciar, unha vez máis, que o proxecto de PXOM está baseado nun modelo caduco de desenvolvemento urbanístico, a especulación en base a segundas vivendas para o mercado foráneo. Fomentase a construción masiva sen un deseño con espazos verdes, compútanse como zonas verdes masas forestais próximas. Con este plan construiranse máis de 20.000 vivendas, transformando o que é hoxe Marín nunha monstruosidade como as que invaden a costa mediterránea.

Solicitamos do equipo de goberno do Concello de Marín que cambie de actitude e se sente a negociar cos afectados e con técnicos cualificados e independentes as propostas de polígonos industriais en Marín. Queremos que se estuden realmente as necesidades de chan industrial, e se busquen localizacións axeitadas e de consenso sen afectar a zonas habitadas nin de interese ecolóxico, se é que realmente se poden poñer.

Marín, 2 de decembro de 2008.

RESPOSTA DA COORDINADORA POLA DEFENSA DO LITORAL ÁS CONSTESTACIÓNS DO EQUIPO REDACTOR ÁS ALEGACIÓNS FORMULADAS Á APROBACIÓN INICIAL DO PXOM DE MARÍN

1.- O equipo redactor recoñece que segundo o prego das cláusulas administrativas para a redacción do PXOM de Marín, en canto ás fases da súa redacción non preveu a fase de exposición pública do avance, previa á de aprobación inicial, polo cal non se contou coa participación pública na súa elaboración, non permitíndonos as intencións do mesmo, e non nos vale de xustificación que na fase de exposición publica da aprobación inicial xa se están manifestando as propostas e suxestións propias do avance, xa que son fases totalmente distintas. Deste feito só podemos responsabilizar os grupos políticos do concello que decidiron furtar a exposición previa e negociaron e pactaron un proxecto de costas ao pobo sen ter en conta a súa opinión.

2.- Trala súa falla de resposta, reafirmámonos en que o PXOM de Marín incumpre a Lei 9/2006, de 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no medio ambiente, xa que previa a esta exposición pública do mesmo, ante a fase de elaboración do Documento Inicial, non se estableceu un prazo de 30 días para que se achegasen as consideracións e suxestións oportunas, principalmente do público afectado, co cal non se tivo en conta a legal e obrigatoria participación pública.

Como tamén que a incumpre ó non haber unha análise obxectiva do entorno, non existir unha definición de obxectivos e prioridades coherentes coas variables e os criterios fundamentais a considerar no procedemento de Avaliación Estratéxica Ambiental (Consumo de Solo, Ciclo Hídrico, Enerxía, Emisións contaminantes, Xestión de Residuos, Actividades Económicas, Integración Social, Medio Natural, Medio Rural, Medio Urbano, Rehabilitación e renovación Urbana, Mobilidade Sustentable e Vivenda), non existir unha determinación de impactos significativos e análise de alternativas, non existir medidas preventivas xa que non se seleccionaron alternativas e non existir un establecemento do sistema de seguimento e control da implementación do PXOM, así como as medidas ou mecanismos previstos para a redución ou eliminación de novas afeccións non previstas que poidan xurdir.

A maiores non posúe un Plan de mobilidade, non contén un mapa de ruído nin cartografía de risco de incendio forestal segundo cos PDID (Plan de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais de Distrito), non contén un mapa topográfico nin mapa xeolóxico.

Na realidade non existiu ESTUDO DE SOSTENIBILIDADE AMBIENTAL, IMPACTO TERRITORIAL E PAISAXÍSTICO DO PXOM DE MARÍN, xa que o presentado non deixa de ser un mero panfleto que ignora os valores naturais do medio que pretende ordenar, ou minte directa e claramente, desvirtuándonos.

3.- A pesar desa falta da correcta e legal fase de participación pública na redacción do PXOM o equipo redactor polo contrario accedeu a todo tipo de racalificacións de solo rústico e protexido imposto durante a redacción polos distintos grupos políticos, e se supón que tamén dos económicos do municipio, onde se chega a propoñer a barbaridade de 7 parques industriais, con arredor de 2.000.000 de m2 a racalificar e un tope de 36.234 vivendas en 15 anos para, nada máis e nada menos, que 126.819 persoas ¡¡.

4.- Esa especulación xa está a provocar moito malestar e crispación veciñal, polo gran impacto ambiental e social que supoñen moitas desas actuacións propostas, e do que responsabilizamos única e exclusivamente a este equipo redactor e os distintos grupos políticos e económicos, e que só sucede por non levar a cabo a fase previa e legal de participación pública na redacción arriba citada.

5.- Sigue a propor como urbanizables os SUD SG-1; SG-2 RD, CT-1, CT-2, , CT-3, CT-4; CT-5, SG-17, SG-18, RBG-18, RBG-1 e RBG-2 en solo rústico de protección de Costas; SUD R-A, R-B, R-C, PE-I.1, RB-G.1, RB-G.2, RHT-3.3, PIM-2, DT-1, PIC-1, RHT-3, RHT-4 e RHT-5 en solo rústico de protección agropecuaria, os SUD.PI-1, SUD.I-1.1 e SUD.I-1.2 en solo rústico de protección forestal e de espazos naturais e os SUD.PIM-1 e SUD.PIM-2 en solo rústico de protección agropecuaria e dentro dos 100 metros de leito de polícía do dominio público hidráulico, sin ter en conta o informe previo desfavorable por parte da Dirección Xeral de Urbanismo da CPTOPT.

6.- Xustifica a impactante e lesiva canalización nos últimos 350 metros e 400 metros dos ríos Loira e Lameiriña coa burda contestación de que así se evita a concentración de materiais ante posíbeis desbordamentos. O único que pretenden con estas actuacións e xustificar e amparar posteriores urbanizacións do entorno, como xa se ben facendo na actualidade no Lameiriña.

7.- O equipo redactor non tivo en conta a realidade social, cultural, económica e demográfica do concello de Marín, e redactou un PXOM totalmente sobredimensionado, obviando asimesmo os informes previos emitidos pola Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transporte.

Polo exposto, SOLICITAMOS:

A retirada e rescisión de contrato deste equipo redactor do PXOM de Marín por non atender a un crecemento urbanístico verdadeiramente sostible para o concello, contravido a Lei 9/2006, de 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no medio ambiente e por atender máis ós intereses especulativos e partidistas que ós da cidadanía e dos veciñ@s do municipio.

Alegación xenérica presentada en defensa do litoral e dos ríos: alegacionpxom20marin

Contestación do Concello de Marín: respostalegacion

Nota do Colectivo sobre a resposta do Concello a nosa alegación

O Concello de Marín está contestando as alegacións ao PXOM, presentadas despois da primeira exposición pública, mantendo a filosofía inicial de construción masiva, afectación de ríos, do litoral e mantendo a ocupación de terreos agrícolas clasificados.

Teremos que esperar á próxima exposición pública do PXOM modificado para coñecer que tipo de modificacións pretenden facer os nosos gobernantes municipais, e a nosa calada oposición.

Aínda así, da resposta á alegación presentada polo Colectivo Nacionalista en defensa dos nosos ríos e do litoral, podemos supoñer que van manter o seu modelo urbanístico desfasado e fracasado baseado na construción de múltiples urbanizacións de segundas vivendas, na instalación de zonas industrias en terreos de clasificación agropecuaria ou forestal, como os Montes do Morrazo, e na destrución das desembocaduras dos ríos Loira e Lameiriña.

Non entendemos como os representantes políticos no concello, goberno e oposición que en definitiva son os que dan o visto bo a este PXOM, poden facer caso omiso ao informe previo á aprobación inicial e ao informe posterior á exposición pública da Dirección Xeral de Urbanismo da Xunta de Galiza.

Tampouco respectan a lexislación en materia de protección de ríos, a Lei de Augas, e as distancias legalmente marcadas paso e policía nas beiras dos ríos. Só se entende a pretensión de canalizar as desembocaduras para facilitar a urbanización e edificación.

O máis chamativo é a argumentación que dan sobre a necesidade das zonas industriais nas localizacións propostas: “está avalada polos intereses amosados por Xestur en desenvolver ese tipo de solo nas proximidades da Vía rápida, con fácil conexión a esta”.

Este organismo condiciona a elaboración do plano urbanístico de Marín en función dos seus intereses, que despois de estudar o Plano Vigo Íntegra esta claro que son favorecer a expansión económica de Vigo e tragarse os concellos limítrofes. É dicir, o desenvolvemento industrial de Marín, as zonas industriais, as vías de comunicación, que están deseñando os nosos políticos municipais están en función de intereses alleos e non se fan para vertebrar o concello de Marín e a comarca do Morrazo.

En canto aos terreos clasificados actualmente de protección agropecuaria e para rematar os despropósitos da resposta á nosa alegación teñen a cara de dicir que se os motivos expostos non son aceptados pola Dirección Xeral de Urbanismo, o Equipo Redactor proporalle a clasificación como Solo Rústico Especialmente Protexido, de Protección Agropecuaria. Ou sexa que os deixan como está e como indicou a Dirección Xeral de Urbanismo que tiñan que ser.

Na mesma resposta recoñecen que son uns terreos de gran potencialidade agrícola, aínda que din que non se traballan, cousa que non é certa. Temos que lembrarlle ao responsábel municipal de promoción económica que na Consellaría do Medio Rural están promocionando a recuperación de terreos agrícolas mediante a creación de bancos de terras e outro tipo de iniciativas. A rendibilidade pode ser maior sen necesidade de desfacer a paisaxe e desperdiciar unha capacidade de produción agraria, integrando terreo e vivendas, o que se chama un desenvolvemento sostíbel.

Somos conscientes de que vai haber unha nova exposición pública do PXOM e do Informe de Avaliación Ambiental, polo que as respostas ás alegacións que se están facendo son un trámite legal que o concello ten que cumprir. Temos que estar atentos á nova exposición, e facemos un chamamento aos veciños e veciñas de Marín para que fagan un seguimento do PXOM aínda que as contestacións ás súas alegacións sexan positivas, xa que o que hoxe aproban poden modificalo mañá.

En Marín, 2 de outubro de 2008