Menos impostos, máis recortes.


É un mantra de case todos os partidos sistémicos propoñer recortes de impostos como a panacea para solucionar todos os males económicos das familias, a clase media, as pequenas e medianas empresas, etc.

O PP, na súa nova etapa con Feijoo á fronte, inicia a súa andaina coa mesma vella e caduca proposta de baixar os impostos. Regala os nosos oídos coa redución do IRPF, do IVE e non sei cantas cousas máis.

Esta melodía xa a temos moi escoitada na Galiza e sabemos o que significa. Non temos necesidade de acudir a un tradutor para decatármonos de que as baixadas de impostos son sempre para as rendas máis altas e, ademais, supoñen o recorte dos servizos públicos e a xustificación para desviar fondos ao sector privado. Recortes en sanidade, en servizos sociais, etc. As matemáticas non fallan, son unha ciencia exacta, e se restamos ingresos tamén temos que restar en gasto ou investimento.

Os galegos e galegas levamos tempo pagando as consecuencias de ter un goberno enganchado ás “baixadas de impostos”. O mesmo goberno que puxo unha taxa ao consumo de auga duplicando o prezo dos recibos que pagamos todas as vivendas galegas.

A sanidade pública galega foi unha das principais “beneficiadas” desta política fiscal de baixadas de impostos.

Só temos que dar unha volta estes días polo servizo de urxencias do Hospital Montecelo par comprobar a situación lamentábel en que se atopa. Podemos ver cos nosos ollos como non só os corredores están cheos de padiolas con pacientes esperando, tamén a sala de espera para os/as acompañantes serven como almacén improvisado de pacientes.

Unha imaxe máis propia dun hospital de campaña, que non coincide coa propaganda oficial da Xunta do PP que nós vende a “mellor sanidade pública do mundo”. E todo isto a pesares da magnifica atención e o bo facer do desbordado persoal de urxencias.

Outra das consecuencias de todo isto é o incremento das listas de agarda para ser operado pola falta de persoal ou por deixar de operar polas tardes. E o Sergas como alternativa deriva aos pacientes a centros privados, un negocio redondo para estas empresas ben relacionadas coas autoridades sanitarias.

A Atención Primaria a gran prexudicada polos recortes.

A saturación das urxencias hospitalarias ten unha causa principal que é o desmantelamento da Atención Primaria. A falta de persoal sanitario e administrativo nos centros de saúde e nos Puntos de Atención Continuada provocan que moita xente acuda ás urxencias hospitalarias, colapsando o servizo, para solucionar os seus problemas de saúde.

Non fai moito o centro de saúde de Marín quedou con tan só catro médicos/as para atender a unha poboación de 25,000 habitantes. E que poden facer eses catro médicos/as? Poden levar un seguimento das persoas enfermas? Non, atendendo a cincuenta ou sesenta pacientes ao día só poden facer xestións administrativas como baixas e partes ou atender urxencias.

Esta non é unha situación excepcional. O normal en Marín é a falla de médicos/as, xa que levamos tempo sen ter todas as prazas cubertas. Como tamén ven sendo habitual as ausencias no PAC cando hai que atender urxencias fóra do centro e queda o servizo desatendido.

A Atención Primaria está padecendo como ningún outro servizo público a política de baixada de impostos da “escola neoliberal” e o desvío de recursos á sanidade privada. Redución de orzamentos, falta de persoal, maltrato nas condicións laborais, etc, isto é o que ven facendo o goberno do PP estes anos.

Esta foi unha das prioridades do PP nos últimos anos, desfacer a Atención Primaria. Para iso empregáronse a fondo reducindo cada ano as partidas orzamentarias e facendo unha política de persoal que botou fóra a un gran número de profesionais de todas categorías. Reino Unido, Portugal, Alemaña, etc, foron o destino de moitos que buscaron mellores condicións laborais e salarios máis altos.

Hoxe non chegan os médicos/as, non hai pediatras, e o responsábel, o que ten as competencias en sanidade, bota balóns fóra e di que a culpa é de outros.

En Marín xa levamos dúas manifestacións contra o deterioro da sanidade convocadas pola Plataforma den Defensa do Centro de Saúde de Seixo, unha en Seixo e outra en Marín, para demandar melloras nos dous centros de saúde.

De momento as autoridades sanitarias non fixeron ren. Teremos que continuar coas mobilizacións para facernos escoitar.

Marín, 2 de maio de 2022.

Advertisement
Publicado en Uncategorized | Deixar un comentario

Persoal de servizos xerais


Cando entramos nun centro de saúde o primeiro que atopamos no mostrador é ao Persoal de servizos xerais.

Esta é unha categoría híbrida inventada polo Sergas onde fusionou as categorías de Celador e Auxiliar Administrativo, unha especie única no mundo dos servizos de saúde do estado español que serve para todo.

Como os PSX valen para todo, o Sergas emprégaos como carne de canón, como primeira liña da fronte na batalla diaria que supón ir e traballar nun centro de saúde en Galiza.

E son un campo de batalla polas políticas privatizadoras e de deterioro intencionado que aplica o Sergas, é dicir o PP, que teñen como finalidade facer desaparecer o modelo de sanidade pública tal e como o coñecemos. E como bos depredadores que son nese partido, aproveitaron a pandemia da Covid para acelerar este proceso fechando centros de saúde ou Puntos de Atención Continuada (PAC). Só hai que ver o incremento de usuarios da sanidade privada.

Non son casuais as enormes colas para acceder aos centros de saúde, nin as listas de agarda para ter unha cita co médico de cabeceira. Tampouco é de recibo, como acontece en Marín ter que esperar máis dun mes polo informe dunha radiografía ou para ser atendido no servizo de fisioterapia.

Se non se cobren as baixas nin os permisos do persoal é imposíbel prestar unha atención sanitaria de calidade. Se tardas unha, dúas ou tres semanas para ser atendido, para que che mire un médico ou che receite a medicación, é normal o cabreo.

A pandemia serviu para deixar aínda máis en evidencia as deficiencias dun sistema sanitario que está sendo desmantelado desde a chegada do Sr. Feixoo á presidencia da Xunta. O aluvión de baixas por positivos en Covid colapsou e puxo nunha situación dramática a Atención Primaria ante a incapacidade dos seus xestores de dar solucións rápidas, tendo que botar man de médicos xubilados mentres os que están en idade laboral búscanse a vida noutros estados onde teñen mellores condicións laborais.

E quen da a cara ante esta situación? Non é o Presidente da Xunta, nin o Conselleiro de Sanidade, nin os Xerentes das Áreas Sanitarias, eses que sempre fan declaracións describindo o ben que o fan e o ben que está a sanidade pública. Quen ten que apandar e dar explicacións e dicirlle á xente que non ten cita, que o especialista lle vai tardar meses, son os PSX. Os que teñen menos responsabilidade e peores condicións laborais e salariais.

Con todo, e volvendo á fronte de batalla, hai que saber quen é o inimigo, quen é o culpábel desta situación, e non disparar contra o primeiro que atopas no mostrador do centro de saúde.

O Persoal de Servizos Xerais non debería soportar os insultos, a mala educación e a falta de respecto de algunhas persoas, como ven acontecendo nos últimos tempos. Non é normal pagar a frustración con quen non ten culpa dos recortes nin da falta de persoal sanitario.

No se poden consentir os insultos e as agresións a un persoal que está facendo o seu traballo o mellor que pode e cos medios que ten.

Toda esa enerxía negativa deberían reconducila e participar nas mobilizacións que as distintas plataformas en defensa da sanidade fan en Moaña ou Marín. O mellor xeito de defender unha sanidade pública de calidade.

Marín, 9 de febreiro de 2022

Publicado en Uncategorized | Deixar un comentario

30 anos tarde


Recentemente foi presentado publicamente o Plan de Mobilidade Urbana Sostíbel de Marín pola alcaldesa de Marín. Entre as finalidades deste plan está o de “garantir máis espazos para a xente” e “ir readaptando o espazo urbanos para¨que non sexa acaparado polo estacionamento¨, e todo isto vaise acadar “compatibilizándoo coa mellora das rúas e prazas da vila con necesidade de aparcadoiros”.

Non podemos negar que a música sona moi ben e vai na liña do modelo de desenvolvemento urbano baseado en sacar do espazo público os vehículos e devolverlle o seu uso ás persoas.

Sen tempo non era, o concello de Marín leva trinta anos de atraso na aplicación deste tipo de medidas, e agora non lle queda mais remedio que aplicalas si ou si para cumprir as directivas da UE. Pontevedra lévanos trina anos de adianto e ahi temos os resultados, hoxe é un modelo que veñen a copiar de moitas partes do mundo.

Con todo, aínda que a música soa ben, nesa presentación só se expuxeron as liñas mestras de actuación sen concretar propostas concretas.

Se como din na presentación o exemplo do que pensan facer son as obras da Avenida de Ourense non imos polo mellor camiño. Esa avenida quedou practicamente como estaba, cun tráfico intenso e sen gañar espazo para as persoas, e cun carril bici que non leva a ningures pero serve para cobrar unha subvención.

Como se vai garantir o cambio de mobilidade? Como se van sacar os coches das rúas? A humanización das rúas vai ser tan pouco ambiciosa como até o de agora? Necesitamos que a humanización do centro de Marín, do seu casco histórico sexa efectiva, e non como agora onde a permisividade nalgunhas rúas fai que a peonalización non sexa real.

Marín necesita afondar na humanización dos núcleos urbanos, o de Marín e o de Seixo, cun proxecto integral que teña en conta a totalidade do espazo urbano. Non se poden ir poñendo parches nunha rúa e despois noutra sen ningún tipo de continuidade.

Fálase de reducir o tráfico e de mellorar o transporte público mais sen facer propostas concretas, agás o transporte a demanda para comunicar as parroquias. Se queremos facer un cambio real na mobilidade son necesarias propostas globais para a mellora do transporte público, non só para comunicar as parroquias, que aborden a comunicación cos outros concellos do Morrazo, con Pontevedra e con Vigo. As propostas para mellorar o transporte público teñen que ser máis ambiciosas.

Aínda que o coche eléctrico non é a solución aos problemas de mobilidade, segue sendo un vehículo que ocupa un espazo, botase en falta un plan de implantación de puntos de recarga. Isto facilitaría o uso de coches menos contaminantes.

Tampouco estaría mal apostar pola renovación do parque móbil municipal substituíndo os vehículos de combustión por vehículos eléctricos, e demandar que o transporte público tamén empregue medios non contaminantes.

Todas estas propostas están moi ben. Porén, para que isto se poida levar con éxito é necesaria moita pedagoxía e moita participación da cidadanía. E nisto non se están facendo as cousas ben.

Non se pode considerar “participación” poñer unha enquisa nunha páxina web e facer unha presentación “fechada” do Plan de Mobilidade a unhas poucas persoas e asociacións. Un discurso da alcaldesa e unha exposición da empresa que elabora o plan non é participación.

Unha participación real ten que darse entre todos e todas. Asociacións, veciños, partidos, organización sectoriais, etc, onde se poidan expoñer ideas, dúbidas, facer propostas.

Estamos diante dos primeiros pasos deste Plan de Mobilidade Urbana Sostíbel, hai que esperar a coñecer o texto onde se van plasmar todas estas intencións do goberno municipal de Marín par valorar se a música que tocan está desafinada ou non.

Publicado en Uncategorized | Deixar un comentario

Democracia é decidir. Manifestación nacional


A Plataforma Galiza con Catalunya está constituída desde o inicio do proceso catalán, que foi acompañando, por diversas organizacións sociais, sindicias, culturais e políticas galegas que queren dar apoio conxunto, desde Galiza, ao proceso democrático iniciado polo pobo catalán. Esta é unha plataforma aberta a todas aquelas organizacións galegas que se queiran aderir. DKKCmfaWkAUssi3

Por acima das normais diferencias que teñen as organizacións que compoñen a plataforma, hai unha causa común: a defensa dos dereitos colectivos dos pobos e a defensa da democracia, e no que como galegos e galegas nos sentimos reflexadas.

Desda Galiza somos conscientes de que a situación política en Catalunya é de máxima excepcionalidade: chámase “desafío secesionista” ao dereito de autodeterminación dun pobo e “referendo ilegal” a un acto lexítimo de expresión da democracia. Neste sentido, á luz dos feitos acontecidos nos últimos días denunciamos e condenamos a aplicación encuberta do artigo 155 da Constitución e a conculcación sistemáticas dos dereitos individuais e colectivos en Catalunya. En particular, no día de hoxe, queremos condenar expresamente as detencións de cargos da Generalitat a gravísima escalada no estado de excepción imposto a Cartalunya. Neste sentido, ao longo do día de hoxe convocaremos concentracións de solidariedade nas principais cidades e vilas do país.
DKKiiP6WkAAYBNJ

Vigo: 20h Farola Urzaiz

Ferrol: 20:30h Praza Armada (diante Edificio Xunta)

Lugo: 20h Subdelegación do Goberno

A Coruña: 20h Subdelegación do Goberno

Pontevedra: 20h Subdelegación do Goberno

Compostela: 20:30h Praza do Toural

Ourense: 20h Subdelegación do Goberno

Anunciamos ademais que desde a Plataforma Galiza con Catalunya temos convocada unha manifestación nacional para o vindeiro día 30 de setembro con saída ás 12h na Alameda de Compostela baixo o lema “Democracia é decidir” onde nos queremos sumar aos desexos do pobo catalán para decidir libremente o seu futuro sen mais limitacións que as que eles e elas decidan democraticamente.

As organizacións que compoñen a Plataforma son:

Anova-Irmandade Nacionalista

Agora Galiza

Bloque Nacionalista Galego

Briga

Causa Galiza

Ceivar

Centro Social A Galleira de Ourense

Centro Social Gomes Gaioso de A Coruña

Centro Social O Fuscalho de Tui

Centro Social Revolta de Vigo

Centro Social Xebra de Burela

Colectivo Nacionalista de Marín

Confederación Intersindical Galega

Corrente Vermella

Erguer-Estudantes da Galiza

Federación Rural Galega

Fronte Popular Galega

Fundaçom Artábria

Galiza Nova

Isca!

Local Social Faisca de Vigo

Mar de Lumes

Movemento Galego ao Socialismo

Mulheres Nacionalistas Galegas

Sindicato Labrego Galego

Publicado en Uncategorized | Deixar un comentario

APOIO Á MANIFESTACIÓN CONTRA AS TOURADAS


Un ano máis sumamos a nosa voz á reivindicación da eliminación desta tortura animal que non é cultura nin arte, e moito menos forma parte da tradición cultural galega. Como ben dicía Castelao, “Que lástima de bois”.20525421_1436186976498013_1730436174048440491_n

Consideramos necesaria a modificación da lexislación autonómica para a total prohibición das touradas en Galiza. Non poden haber unha excepción para o maltrato animal por unha cuestión claramente ideolóxica, a “festa nacional” que o PP defende e promove a nivel autonómico e estatal é unha barbaridade do pasado que non ten cabida nun mundo respectuoso cos animais.

Declarar os touros patrimonio cultural, como fixo o goberno de Rajoy, é un insulto á intelixencia. E por que non declarar patrimonio cultural tirar unha cabra dun campanario ou estirar o pescozo dun galo até rebentalo?

O apoio e asistencia a este tipo de eventos é minoritario, residual, e só se manteñen con cartos públicos. Isto, nunha situación de crise económica e de necesidade de unha porcentaxe importante da poboación é indecente. O trato de favor á tauromaquia e evidente cando se lle aplica un IVE cultural do 10%, mentres outras actividades realmente culturais teñen gravames superiores.

Reclamamos o cese das subvencións ao mundo dos touros e a prohibición das touradas na Galiza como xa teñen realizado Canarias e Catalunya; e pedimos que non se renove o convenio entre o Concello de Pontevedra e a empresa que xestiona a praza.

O Colectivo Nacionalista quere amosar o seu apoio á manifestación antitaurina convocada por Touradas fóra de Pontevedra este vindeiro sábado 12 de agosto en Pontevedra e fai un chamamento á cidadanía a participar na mesma.

Marín, 3 de agosto de 2017.

Publicado en Uncategorized | Deixar un comentario

SOLIDARIEDADE INTERNACIONALISTA DE GALIZA CONDENA ACTOS TERRORISTAS EN VENEZUELA


As organizacións internacionalistas de solidariedade galegas que apoian ao goberno da República Bolivariana de Venezuela, condenamos enerxicamente os actos terroristas que se produciron onte martes 27 de xuño, na capital do país, contra das sedes do Tribunal Supremo de Xustiza, máximo órgano xudicial da nación, e do Ministerio do Poder Popular para as Relacións Interiores, Xustiza e Paz.18670849_1486637021386703_5092156891649060764_n

Sostemos que accións coma estas evidentemente violan a constitución e as leis venezolanas e están dirixidas a sabotear a realización da Asemblea Nacional Constituínte, que foi convocada polo Presidente Nicolás Maduro Moros e cuxa elección está prevista para o 30 de xullo próximo.

Facemos votos polo Pobo e Goberno venezolano para lograr unha contundente vitoria contra desta nova arremetida terrorista da dereita venezuelana, que enchida de odio, intolerancia e ambición de poder, abertamente atenta contra da democracia bolivariana.

Dende Galiza, ratificamos o noso rotundo apoio a Nicolás Maduro Moros, presidente constitucional, quen con valentía enfronta os diversos atentados contra da estabilidade e paz de Venezuela.

Galiza en pé de solidariedade con Venezuela!

Viva a Patria de Bolívar!

Viva Venezuela Bolivariana!

Vigo, 28 de xuño de 2017.

Asinan:

Asociación Galego-Bolivariana Hugo Chávez, ANOVA-Irmandade Galega, Bloque Nacionalista Galego (BNG), Central Unitaria de Traballadores(CUT), Confederación Intersindical Galega (CIG), Colectivo Nacionalista de Marín, ERGUER- Estudantes da Galiza, Esquerda Unida (EU), Frente Popular Galega (FPG), ISCA!- Xuventude Galega, Mar de Lumes, Movemento Galego ao Socialismo, Partido Comunista de Galiza (PCG), Partido Comunista do Pobo Galego (PCPG)

Publicado en Uncategorized | Deixar un comentario

Unha nova agresión á praia de Aguete.


A Praia de Aguete é un dos principais atractivos naturais e paisaxísticos de Marín, unha das praias máis visitadas do noso concello polas persoas que se achegan en temporada estival. Porén, tamén sofreu unha serie de actuacións que a deterioraron, como a construción do porto deportivo que fixo bascular a area dunha beira a outra da praia, ou a construción dun “chale” no medio da praia.064

A pesares destas agresión a Praia de Aguete segue tendo o seu encanto e continúa sendo unha praia bastante natural. Recentemente tivemos coñecemento dunha nova agresión consistente en talar os loureiros e facer movementos de terras na beira este da praia, onde está situada a primeira baixada e o acceso á coñecida como Praia dos Namorados.

Segundo informa o BNG, esta obra consistiría na realización dun muro de 3 metros de altura e 40 metros de lonxitude. Un muro desta altura vai ter un gran impacto visual, e esteticamente vai alterar o entorno, moito máis cando se talan as árbores que podían disimilar ou ocultar esta desfeita.

Parece ser que o propietario dos terreos onde se realizan estas obras ten o permiso de Costas máis non a correspondente licenza municipal. O Concello de Marín é coñecedor desta situación polo tanto ten que actuar paralizando as obras e iniciar un expediente administrativo sancionador. O Concello ten a obriga de velar pola legalidade urbanística e a conservación do medioambiente, independentemente de quen sexa o propietario dos terreos onde se realizan estas obras.

Aínda no caso de ter todos os permisos, iso non quita que o proxecto teña que cumprir cos requisitos da lexislación vixente, que como di a Lei de Costas no seu artigo 44.2 “Deberán prever a adaptación das obras ao entorno en que se atopan situadas e, no seu caso, a influencia da obra sobre a costa…”

Todo isto debería sabelo a delegación de Costas que dou un permiso sen proxecto por un motivo irreal como é unha suposta contención de terras que en ningún intre se moveron do sitio. Costas debeu evitar a tala das árbores e velar polo cumprimento da lei e do interese común, moito máis tendo en conta que esa actuación é de dubidosa legalidade por invadir zonas de paso e superar os límites da liña de costa.

Demandamos a inmediata actuación do Concello de Marín paralizando esta obra e obrigando a reposición da vexetación e do entorno, tal e como estaban anteriormente, por parte do responsábel.

Publicado en Uncategorized | Deixar un comentario

Correos pretende fechar a oficina de Seixo.


Os orzamentos xerais do estado para este ano 2017 levan un recorte de 60 millóns de euros do financiamento do servizo postal público, de Correos.
Parece ser que Correos aproveitando este recorte, pretende fechar bastantes oficinas rurais en concellos como Sanxenxo, Meaño, Barrantes, Cerdedo, Barro, Campo Lameiro, e no lote tamén está a de Seixo.
Esta medida, centrada fundamentalmente en oficinas rurais, suporía unha nova mostra de desprezo polo rural galego e engadiría unha nova dificultade para vivir con dignidade nel. Mentres o goberno de Feijoo enche a boca con plans multimillonarios para o rural, o certo é que as súas políticas e as do goberno español van en sentido contrario para favorecer a desertización do campo.
Temos que lembrar que a oficina de Seixo existe desde o ano 1903 e que está localizada nun edificio público, o mercado municipal.
Non podemos consentir que se feche a oficina de correos de Seixo e deixar a unha gran parte da poboación de Marín sen este servizo.

Publicado en Uncategorized | Deixar un comentario

Polas liberdades democráticas…


cartaz-23-de-abril

Publicado en Uncategorized | Deixar un comentario

A voltas co auditorio e o aparcamento subterráneo.


Levamos anos escoitando aos distintos gobernos municipais, de diversas cores, prometernos e falarnos da construción dun auditorio en Marín, ao auditorio xuntáronlle un aparcamento e agora tamén unha nave de deportes náuticos. A mesma milonga que escoitamos durante anos do centro de saúde, e que hoxe grazas á intervención divina é unha realidade.

Nunhas recentes declaracións a Alcaldesa do PP, a Sra. Ramallo, manifestou que “desde o primeiro momento e salvando moitos obstáculos e dificultades” fixeron estudos, análises e diagnósticos para tomar decisións e estabelecer liñas estratéxicas para saber que facer cos terreos cedidos polo porto. Oito anos para estudar que facer non deixan en moi bo lugar a capacidade de estudo e xestión deste goberno con maioría absoluta.

Segundo a alcaldesa imos ter un “edificio cultural” non un auditorio, e preguntámonos que será iso? Imos ter un aparcamento privado polo que teremos que pagar e con menor número de prazas que as actuais, cando xa temos un público. E por último tamén promete facer a nave de deportes náuticos, proposta que máis ben pretende calar as protestas dos remeiros e remeiras que demandan unhas instalacións dignas .

No 2003, e xa choveu, falábase dunha idea similar. De facer un área de ocio, un auditorio e un aparcamento subterráneo. Unha proposta contraditoria coa grande promesa electoral de todos os partidos nas eleccións municipais anteriores que defendían “abrir Marín ao mar”.

Agora a Alcaldesa de Marín volve insistir en colocar estas edificacións nos terreos do porto, seguindo a tradición d@s polític@s marinenses que sempre quixeron colocar todos as “instalacións” no centro do pobo. Non se dan conta de que Marín é algo máis e temos terreos noutras zonas para facer auditorios? Por que non na Raña, restaurando o Pazo?

Porén, se tivésemos un mínimo de perspectiva de futuro non permitiríamos esta nova aberración urbanística. No permitiríamos que estragaran Marín unha vez máis. Xa pouco mar podemos ver, e moito menos desde a chegada dos contedores de Maerks que nos tiraron diante da Alameda. E @s nos@s políticos insistindo en taponar as vistas.

Non ten sentido seguir dilapidando cartos públicos en arruinar o futuro de Marín poñendo un novo obstáculo entre o pobo e a Ría. Non solucionaría os problemas de aparcamento en Marín privatizar o que hoxe é público para darllo a unha empresa. Non é de recibo transformar o prometido auditorio nun “edificio cultural”, sería a culminación dunha grande tomadura de pelo, para iso xa temos o salón de actos da Biblioteca Municipal. Biblioteca que merece unha maior atención por parte do Concello, merece unha ampliación ou unha nova edificación que sexa útil á gran demanda que ten.

No PXOM que tantos problemas ía solucionar non se incorporaron localizacións para novos equipamentos culturais e deportivos, o que demostra a incapacidade d@s redactor@s e d@s responsábeis polític@s para planificar o desenrolo do noso concello. Agora a solución máis fácil e menos imaxinativa e colocar un “mamotreto” nos terreos cedidos polo porto impedíndonos aínda máis achegarnos á Ría.

Marín, 7 de marzo de 2017

Publicado en Uncategorized | Deixar un comentario