Unha vez máis o Concello de Marín incumpre a Ordenanza de Normalización Lingüística coa nova rotulación dos paneis informativos das praias


O Colectivo Nacionalista de Marín demanda unha rectificación e o cumprimento da Ordenanza De Normalización Lingüística Do Concello De Marín e da Lei de Normalización Lingüística na rotulación dos paneis informativos das praias de Marín recentemente colocados pola Concellaría de Turismo.

Mal comezo para esta corporación que volve cos mesmos “erros” da lexislatura pasada, tendo que repoñer os rótulos de varias rúas por colocalos de xeito “ilegal” incumprindo tamén a ordenanza municipal.

Mal comezo para a Concelleira de Turismo que debería ter coñecemento das normas que rexen o concello e polas que ten que dirixir as súas actuacións, e non anunciar publicamente como se fose un gran logro a colocación de paneis que incumpren a norma.

Temos que lembrarlle que a ordenanza municipal que tantas veces incumpren di no seu artigo XX: “Os rótulos, sinalización da Casa do Concello, dos outros edificios e servizos públicos e da rede viaria municipal dependentes do Concello ou instalados polas súas empresas adxudicatarias ou concesionarias ou calquera outra entidade, serán redactados en idioma galego, cinguíndose sempre á normativa oficial. Os textos dos rótulos e sinalización deberán, en todo caso, ser revisados lingüisticamente polo persoal do Servizo de Normalización Lingüística”

Lembrarlle tamén ao goberno municipal que a Lei de Normalización Lingüística que teñen que cumprir di expresamente “que o Goberno Galego e as Corporacións Locais dentro do seu ámbito fomentarán a normalización do uso do galego nas actividades mercantís, publicitarias, culturais, asociativas, deportivas e outras…”

Tendo en conta estes feitos, que se veñen reiterando desde hai tempo, coa rotulación dos nomes de rúas, carteis de actos do concello e impresión de folletos turísticos exclusivamente en español, e visto o programa de festas, cunha pésima redacción e cheo de faltas de ortografía, preguntámonos porque o concello de Marín prescinde da área de normalización lingüística neste mandato?

Publicado en Uncategorized | Deixar un comentario

Comunicado conxunto de apoio á Marcha contra Ence


marcha contra enceOs colectivos sociais Luita Verde, Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, Grupo Cultural O Ronsel, Asociación Defende o Monte Pituco, Asociación Queremos Galego Marín e Colectivo Nacionalista de Marín queren amosar publicamente o seu apoio á MARCHA CONTRA CELULOSAS convocada un ano máis pola Asociación Pola Defensa da Ría, e animamos a veciñanza a participar activamente na mesma dende as alamedas de Marín e de Pontevedra ás 19:30 h. do vindeiro sábado 20 de xuño.

A factoría Ence malia ser condenada por delito ecolóxico continuado no ano 2002 e o grande rexeitamento social que provoca a súa permanencia na ría, semella contar coa complicidade das administracións públicas estatais e autonómicas. Así, as distintas autorizacións ambientais integradas concedidas á empresa nos últimos anos por distintos gobernos xunto coa reforma da Lei de Costas impulsada polo Partido Popular no 2013 ábrenlle as portas á pasteira para seguir ocupando terreos de dominio público marítimo terrestre na ría máis alá do 2018.

As promesas de creación de postos de emprego por parte da empresa, alén dunha chantaxe á veciñanza en tempos de crise para que se opoña ao desmantelamento do complexo, son unha burla aos traballadores da propia empresa que nos últimos anos está a aplicar numerosos ere´s. Fronte a estas promesas incumpridas, existe outra realidade, a dos centos de postos de traballo que xera o marisqueo que se están a ver afectados pola presenza do complexo, a depuradora e os continuos recheos na ría.

Alén dos efectos que, por moito que intente a empresa darlle un lavado de cara, provoca a presenza de Ence con verteduras tóxicas na ría e emisións cheirentas e contaminantes na atmosfera, cómpre salientar que a implantación do complexo a comezos dos anos 60 trouxo consigo un novo “modelo forestal” caracterizado polo monocultivo do eucalipto, especie alóctona, pirófita e invasora que, ademais de reducir a biodiversidade e alterar os ecosistemas até límites alarmantes, propiciou ao longo destes anos sucesivas vagas de lumes, aparición de pragas e fumigacións con produtos agrotóxicos, desestruturando a xestión tradicional e propiciando así mesmo o abandono dos nosos montes.

Consideramos que xa é o momento de comezar a dar pasos cara a outro modelo produtivo máis respectuoso co medio e a nosa saúde, un modelo que substitúa ao desarrollismo herdado do anterior réxime baseado na produción sen límite e no desbaldimento de recursos, que ten deixado unha enorme pegada ecolóxica a nivel local e global. Por iso, demandamos o desmantelamento do complexo Ence-Elnosa da ría como o primeiro paso necesario para recuperarmos ambientalmente o espazo que agora ocupa para o uso da veciñanza, o desenvolvemento do marisqueo e outras actividades socioeconómicas, culturais e recreativas máis respectuosas co medio.

Publicado en Uncategorized | Deixar un comentario

Eleccións municipais, e agora que?


Desde o Colectivo Nacionalista de Marín, unha vez rematadas as eleccións municipais e coñecendo os seus resultados damos a coñecer o noso punto de vista sobre o acontecido.

Malia poder parecer que este proceso electoral modificou significativamente o panorama político, non podemos perder o norte e crermos unha realidade que aínda non é, pois aínda que a caída do PP e PSOE foron importantes no conxunto do estado seguen a ser a primeira e segunda forza máis votada respectivamente, o que apraza para máis adiante o soño de derrocar o bipartidismo.

a02Con todo, sen dúbida estes resultados foron un pequeno paso para poder botar os populares da Xunta,  e así o entende tamén o PP, que perdendo concellos e deputacións ve como se estende entre as súas fileiras a sensación de que se dirixen cara a un inevitábel afundimento. Non entanto, a alegría non pode ser plena, pois gran parte da perda do PP é capitalizada polo PSOE que, aínda cedendo nas cidades o segundo posto a outras candidaturas, vai quedar coas deputacións de Lugo, A Coruña e Pontevedra.

Así, e por desgraza, non vai caer da noite para a mañá un réxime tecido con numerosos intereses durante case 4 décadas, parido como a continuidade do franquismo. Cómpre, xa que logo, non deixarse levar por triunfalismos e seguir camiñando e afianzado as loitas na rúa.

Pola outra banda, nestas municipais presentáronse distintas opcións, entre as que cómpre salientar a irrupción con certa forza das denominadas mareas. A nova marca electoral, que impulsaron Anova e IU (AGE), co apoio de Podemos en determinados lugares, que obtivo un importante resultado, fundamentalmente na provincia da Coruña, onde en principio gobernará nas tres cidades máis importantes da man do PSOE e o BNG.

Unhas mareas cualificadas como cidadás ou de unidade popular, mais que en moitos casos eran simplemente coalicións de partidos, o que provocou incluso en cidades como Ourense, Lugo ou Vigo loitas polo poder, métodos, etc. chegándose a fragmentar en varias opcións a marea inicial. Unhas mareas que mesmo antes de comezar nalgunhas vilas xa viñan cunha consigna e un obxectivo marcado como era acadar as deputacións para o que xa propuñan unha coordinación artificial entre as mareas e que finalmente se concretou co paraugas electoral SON, posto a disposición por Anova e IU. Como curiosidade, hai que destacar que aquelas mareas onde Podemos, que tiña a súa propia estratexia, participou activamente non participaron dentro da coalición Son. Co cal queda por ver que pasará nas próximas contendas electorais se Podemos non apoia as mareas e presenta lista propia, como xa están anunciando.

En canto ao BNG, parece que tocou fondo; mantén a capacidade de presentar candidaturas e obter algunhas maiorías absolutas ou relativas de certa importancia, como na cidade de Pontevedra. Pero o que non se pode agochar con valoracións ridículas é a práctica desaparición ou representación minúscula nas grandes cidades e vilas de Galiza.

Non se pode obviar que o deterioro dos resultados do BNG, que se repiten xa en bastantes procesos electorais, son fundamentalmente responsabilidade do propio BNG e a súa deriva reformista. Practicar políticas clientelares, neoliberais e xirar ao “centro” na procura do voto despois de ser considerada como unha forza revolucionaria só produce desilusión. Volver xerar ilusión require de pasos firmes e críbeis, non se arranxa cun “xiro soberanista” que non se chega a concretar, nin con actuacións erráticas como a creación e posterior liquidación da plataforma Galiza Pola Soberanía, morta por inanición e medo a abrirse ao mundo do soberanismo e o independentismo.

Con todo, quen analizar estes resultados municipais para avalar a súa estratexia e confrontala co éxito ou fracaso de calquera outra, ao noso pensar erra, pois hai tantas realidades como concellos ten Galiza, e as fotos políticas nunca son fixas pois dependen de moitas variábeis. O que hoxe é unha cousa mañá é outra totalmente distinta.

No que si nos deberamos parar é en reflexionar é no futuro que lle agrada a Galiza, cara a onde vai camiñar. Se temos en conta que as forzas que van dirixir a maior parte dos concellos e das deputacións non teñen como eixo fundamental da súa actuación política Galiza, PSOE, e outros que ou ben son unha sucursal de Madrid, ou ben agardan con fascinación que a solución para os nosos problemas veña dun suposto proceso constituínte construído desde Madrid. Se considerarmos pois que desde España non veñen as solucións senón os problemas, e que a xente que pode dirixir eses procesos constituíntes non recoñecen a Galiza como un suxeito autónomo, o camiño ponse moi costa arriba.

O estado español e a UE son responsábeis das políticas económicas que incrementan os índices de pobreza, provocan os desafiuzamentos, fan que bancos e grandes empresas enerxéticas e de comunicacións teñan uns beneficios disparatados a costa dos nosos recursos e medio, destrúen os nosos sectores produtivos. O noso leite vale menos que o leite de fóra, pagamos a luz que producimos máis cara, os nosos barcos non poden pescar…. Son problemas que temos en Galiza aos que temos que dar solución nós.

É evidente que as forzas propias perden influencia, ben pola perda de votos ou ben porque, coa escusa da emerxencia social, se dilúen ao se integrar directamente en proxectos con forzas estatais cunha visión claramente electoralista deixando para o futuro a cuestión nacional. Cun discurso que vale o mesmo para Pontevedra que para Valladolid estanse levando a base social e parte da militancia do soberanismo a traballar para proxectos políticos estatais que non consideran fundamental o dereito dos pobos a decidir, que non teñen sensibilidade co noso idioma nin coa nosa cultura.

Este fenómeno afecta a Galiza dunha forma máis contundente pero non é alleo a outras nacións sen estado como Euskal Herria ou os Països Cataláns que teñen en Podemos e candidaturas “cidadás” un novo obstáculo no seu camiño cara á independencia.

O eixo esquerda-dereita sobre o que pivotan as chamadas frontes populares, que non deixan de ser coalicións de partidos, son o triunfo tardío do piñeirismo. Un proxecto de entrega e domesticación do pobo galego e de submisión das forzas políticas propias. Onde para salvarnos temos que estar pendentes do que fagan e digan en Madrid líderes alleos construídos polos medios de comunicación do réxime.

Líderes e novas forzas políticas que aparecen para substituír a outras que xa non son funcionais ao réxime. Podemos é a IU o que Ciudadanos é a UpyD. Son forzas políticas que xurdiron cun respaldo político e mediático fundamental para o seu asentamento e crecemento, que medran ou se achican nas enquisas segundo a súa rendibilidade. Como se explica que UpyD, unha forza de ámbito estatal, desapareza en cuestión de meses para dar paso a unha forza similar, Ciudadanos, que só tiña implantación en Catalunya e tivo que facer a correr as súas candidaturas para estas eleccións? O que o sistema che dá, o sistema quítacho.

Do punto de vista do Colectivo Nacionalista non podemos, se quixermos ter futuro como pobo, depender dos procesos que nos constrúan outros, temos que ser quen de construírmos entre todas as forzas galegas un proceso propio que poña o dereito a decidir e a xustiza social como eixos fundamentais. Como fan os cataláns e os bascos, non podemos agardar nin depender do que aconteza no estado para facelo,

Se queremos unha Galiza Ceibe temos que cambiar o rumbo da nave, facer unha reflexión colectiva e xenerosa de tod@s @s que loitamos por Galiza. O conxunto do soberanismo, incluída a organización maioritaria, debe iniciar un proceso de construción dun referente que sirva para o proceso de liberación nacional e social da Galiza.

a02

Publicado en Uncategorized | Deixar un comentario

Ante o desfile militar en Marín.


O Colectivo Nacionalista de Marín quere amosar a súa máis enérxica repulsa aos actos organizados esta fin de semana en Marín polo concello e a escola naval co gallo do día das forzas armadas.desfile-non

O PP que acaba de renovar maioría absoluta este domingo vai estrear o seu novo mandato cun desfile militar polas rúas de Marín como xa fixera, malia as protestas de colectivos sociais e partidos políticos, hai tres anos. Para alén de nos parecer de mal gusto que un colectivo, o militar, dispoña das nosas rúas para desfilar cando xa dispoñen dun enorme espazo que ocupa unha grande superficie do noso concello, cremos que é unha exaltación do máis rancio militarismo lonxe dos valores de calquera sociedade moderna baseada na solidariedade, xustiza social e a paz.

Se no anterior mandato o goberno do PP, que practicamente non vai mudar, estivo caracterizado por saír máis na foto que polos feitos e logros acadados, semella que no novo mandato isto non vai cambiar. A María Ramallo tanto lle ten acudir á celebración do Día da Paz, actos da memoria histórica, actos culturais como organizar un desfile militar, cuestións ao noso entender bastante antagónicas, con tal de saír nunha foto nos medios de comunicación. Eis aí toda a coherencia do goberno de Marín que teremos que aturar os próximos 4 anos.

Desde xa hai moitos anos o Ministerio de Defensa e moitos medios de comunicación, e co PP tamén o concello de Marín, tratan de presentar ante a sociedade, a través de campañas publicitarias e desfiles como este, o exercito español como unha ONG que realiza misións humanitarias cando a realidade é ben distinta. O exercito español funciona como unha forza de ocupación ao servizo de intereses alleos ás poboacións dos distintos territorios do mundo que ocupa.

No contexto de crise económica que estamos a vivir e que está sendo usado polos distintos gobernos para reformar e recortar dereitos laborais, sociais, e os orzamentos destinados a servizos públicos como sanidade e ensino, os gastos militares non están a sufrir ningún tipo de recorte. Séguense a gastar cartos en ocupar outros territorios, en mercar armamento, material militar, etc.

Por este mesmo contexto en moitos lugares suspendéronse ou reducíronse actos deste tipo, mais Marín co goberno do PP ofrecendo as rúas e outros espazos da vila para o desfile e outros actos semella ir a contracorrente. Por iso, desde o Colectivo Nacionalista de Marín, quixeramos saber tamén canto nos vai custar ás e aos marinenses este desfile militar que se podería celebrar, como xa dixemos antes, no propio espazo que ocupa a escola naval.

Demandamos do novo goberno municipal que se deixe de parafernalias militaristas que non piden as e os marinenses e traballe en resolver os verdadeiros problemas da veciñanza, a comezar por crear un plan de emprego, a remunicipalización dos servizos privatizados, a devolución do servizo da ambulancia ás 24h …

Para alén disto, e xa que parecen ter tan boas relacións coa escola naval, esiximos que comecen a traballar na recuperación dos terreos ocupados polo exercito en Marín para lle daren un uso público acorde ás necesidades da vila.

Publicado en Uncategorized | Deixar un comentario

SOLIDARIEDADE COS TRABALLADOR@S DA RECOLLIDA DO LIXO


O Colectivo Nacionalista de Marín ante o anuncio máis que posíbel, despois de fracasaren as negociacións, dunha folga indefinida das e dos traballadores do servizo de recollida de lixo quere amosar o seu apoio ás reivindicacións destes e esixir a resolución do contrato coa empresa concesionaria.

Desde o nacemento do Colectivo Nacionalista, alá polo 2003, un dos temas nos que temos incidido máis é no da privatización do servizo de recollida de lixo. Esta medida tomada no seu momento polo bipartito do PSOE e independentes creou unha grande polémica naquela altura pois, para alén de privatizar un servizo, encareceu enormemente o recibo, pasando a triplicarse o seu prezo.

Xa o denunciabamos naquela altura, e continuamos facéndoo ao longo dos anos, que a privatización do servizo suporía, e de feito supuxo, un forte deterioro na calidade do servizo, incumprindo reiteradamente a empresa concesionaria o prego de condicións ata tal punto que a empresa ultimamente foi expedientada polo propio concello.

Para alén das evidentes repercusións que teñen todas as privatizacións na calidade do servizo privatizado, as e os traballadores deses servizos ven como os seus dereitos laborais e os seus ingresos van minguando polo afán lucrativo da empresa. Non hai que esquecer que o principal fin de calquera empresa privada non é o de ofrecer un bo servizo senón obter o maior beneficio posíbel da actividade reducindo custos, o que nos afecta tanto á veciñanza como ás traballadoras e traballadores do servizo privatizado.

Malia os incumprimentos reiterados da concesionaria, o enorme deterioro da calidade do servizo e as condicións laborais e salariais das e dos traballadores, lonxe de remunicipalizar o servizo, os distintos gobernos que pasaron por Marín adoptaron unha actitude pasiva, permitíndolle ás distintas empresas que tiveron a concesión non cumprir o prego de condicións. Estas recollen o lixo fóra do horario nocturno, incumpren os prazos estabelecidos de recollida e limpeza de colectores.

Non podemos obviar que os procesos de privatización de servizos públicos foron e van ligados a escándalos de corrupción, e non supoñen ningún beneficio para as vilas que as padecen. Todos os estudos económicos demostran que privatizar é máis caro e só serve para encher o peto das grandes empresas de servizos e dos bancos que están detrás, así como dos políticos corruptos.

A situación en Marín chegou ate o límite do concello abrir un expediente para sancionar a Urbaser cunha multa de 180.000€. Polo tanto non é de recibo que a alcaldesa de Marín, María Ramallo, amosándose neutral “apele á sensatez” e lle pida ás partes que acheguen posturas, ou sexa, que as e os traballadores renuncien á parte das súas reivindicacións.

Do punto de vista do Colectivo Nacionalista de Marín xa chegou a hora de recuperar o servizo, de deixar de ver cara a outro lado e velar polos intereses da vila de Marín e das e dos traballadores do servizo. Reclamamos pois que se faga público este e outros servizos privatizados no Concello de Marín.

Marín, 6 de Mario de 2015.

Publicado en Uncategorized | Deixar un comentario

Non á privatización do rexistro civil


O Colectivo Nacionalista de Marín solidarízase coas e cos traballadores de Xustiza e reclama a paralización da privatización do Rexistro Civil. Marín pode perder este servizo público.

Se o goberno non dá marcha atrás na súa reforma lexislativa, os Rexistros Civís pasarán a mans dos rexistradores mercantís a partir do próximo día 15 de xullo. Isto supón unha privatización dun servizo público que afectará moito as e os cidadáns pois desde ese día imos ter que pagar por todos os papeis e certificacións que até agora eran de balde.

Os Rexistros Civís funcionan desde 1871 e manexan unha inxente cantidade de datos persoais como filiación, residencia, bens, propiedades, etc. que o goberno se dispón a deixar en mans dos rexistradores.

Esta medida impulsada polo Partido Popular en solitario pretende traspasar os datos e servizos públicos do Rexistro Civil aos rexistradores, que nos cobrarán por expedir certificados de nacemento, defunción, matrimonio ou nacionalidade. Todos son documentos moi solicitados para presentar en organismos como o Servizo Público de Emprego, solicitar pensións, colexios ou para identificarse nas herdanzas. Os rexistradores cobran agora entre dez e corenta euros por certificación, se multiplicamos isto polos máis de 1.300.000 trámites anuais do Rexistro Civil no estado, o goberno estalle facendo un bo agasallo aos colegas de profesión de Mariano Rajoy.

O Partido Popular na súa estratexia de reparto e liquidación do sector público pretende deixarnos sen unha institución fundamental como é o Rexistro Civil para poñelo nunhas poucas mans privadas e onde non existe esa tan manida libre competencia.

O Ministro de Xustiza asegurou que os trámites seguirían sendo de balde. Mais o truco está en que os rexistradores mercantís cobrarán, alén das certificacións, por outros servizos que pasarán a ser “obrigatorios”. Por exemplo, pasaría a ser obrigatorio o rexistro das concesións e revogación de poderes. Até hoxe chegaba cunha acta notarial, no futuro estas certificacións (máis dun millón ao ano) deberán ser inscritas para que teñan validez, co conseguinte pagamento de taxas. Tamén vai ser obrigatorio rexistrar os seguros, poderán cobrar polo rexistro da “Vecindade Civil”, é dicir, polo cambio de residencia. Haberá que pagar a expedición dos Libros de Familia, cambios de nome, alteración de apelidos. E aproveitando todo isto, coa reforma do Rexistro Civil repéscase a obriga franquista de declarar se os pais ou nais están casados o non ao inscribir as e os acabados de nacer.

Estamos ante todo un pelotazo que algunhas fontes cuantifican en 1.200 millóns de euros para os rexistradores mercantís (120 en todo o estado español), cantidade que dun modo ou doutro teriamos que pagar por realizar estas xestións cando hoxe, e tramitadas nun servizo público como son os Rexistros Civís , son gratuítas.  Hai que recordar que na Galiza só existen 5 rexistradores mercantís. Isto supón que desde todas as vilas teremos que nos desprazar ás cidades para realizar trámites que agora faciamos no Rexistro Civil, do Xulgado de Paz, dos concellos e que, polo tanto, obtíñanse sen ningún gasto adicional.

A vila de Marín vai saír unha vez máis perdendo coas políticas privatizadoras do PP, o noso concello vai perder entidade ao desaparecer un novo servizo público. Os veciños e veciñas de Marín imos ter que ir, de novo, a Pontevedra para xestionar todo o referente ao Rexistro Civil. Como xa temos que ir para selar a tarxeta do paro, pagar as multas ou rexistrar unha propiedade. Pouco a pouco imos perdendo servizos e os postos de traballo que crean estas actividades. Temos que lembrar que a reforma dos partidos xudiciais tamén pode facer que os xulgados, igual que o Rexistro Civil, vaian para Pontevedra.

Desde o Colectivo Nacionalista de Marín demandamos a inmediata paralización desta reforma lexislativa prexudicial para os intereses do pobo e emprazamos o equipo de goberno municipal e os partidos que conforman a corporación a un pronunciamento claro e contundente contra esta medida.

Publicado en Uncategorized | 1 comentario

Ante o incendio da gasolineira de Os Praceres


O incendio da gasolineira de Os Praceres deste mércores 4 de marzo xerou unha gran alarma social en Marín e Pontevedra pola espectacularidade e o perigo real para os habitantes e as vivendas limítrofes. Temos que felicitarnos pola actuación dos bombeiros e demais funcionarios públicos que actuaron con rapidez e eficacia evitando a propagación do lume.

 No en tanto, cómpre valorarmos e analizarmos a verdadeira situación de perigo na que estivo a poboación da contorna de Marín e Pontevedra xa que esta gasolineira está situada a menos dun quilómetro de distancia do complexo industrial Ence-Elnosa. O lume atallouse rápido mais o accidente de onte, de chegar a afectar os depósitos de combustíbel, podería ter uns efectos impredecíbeis pois hai que ter en conta que o complexo industrial conta con tanques de materiais inflamábeis e tóxicos como o Peróxido de hidróxeno e o Cloro.

 Tendo en conta o perigo que correu a veciñanza durante o lume da gasolineira dos Praceres queremos facer públicas unha serie de cuestións: Activouse o plan de emerxencias exteriores de Ence-Elnosa? Están operativos todos os medios humanos e materiais para activar este plan de emerxencias?

 Existe un plan de emerxencias, publicado na páxina web da Xunta, que debería ser de coñecemento público da poboación de Marín e Pontevedra. Segundo a lexislación vixente é responsabilidade da “autoridade competente” en colaboración coas industrias que as persoas afectadas por un posíbel accidente grave reciban información sobre as medidas de seguridade que deben tomarse e como actuar en caso de accidente.

 Chega con preguntar a calquera veciñ@ de Marín ou Pontevedra para comprobar que o descoñecemento do plan de emerxencias é xeral. Alén de colgar o plan de emerxencias na web da Xunta, non se fixo nada para dar a coñecer á poboación como actuar, que facer, a onde ir ou non ir.

 Desde o Colectivo Nacionalista de Marín demandamos que se cumpra a lexislación e se dé publicidade a ese descoñecido plan de emerxencias para que sexa de coñecemento público e a poboación saiba como ten que actuar ante este tipo de eventualidades. Aproveitamos tamén para reivindicar unha vez máis o desmantelamento do complexo industrial Ence-Elnosa, pois o accidente da gasolineira de Os Praceres é unha pequena mostra do desastre que pode suceder.

Marín, 5 de marzo de 2015

Publicado en Uncategorized | Deixar un comentario

8 de Marzo Día Internacional das Mulleres


Este domingo 8 de Marzo temos unha nova cita para celebrar o Día Internacional das 1469824_861870140536875_1752290069630028096_nMulleres, baixo o lema “O Feminismo para Avanzar, xuntas nunha mesma loita”. O Colectivo Nacionalista de Marín súmase a esta mobilización e fai un chamamento a mulleres e homes a participar.

A celebración do Día Internacional das Mulleres remóntase a hai máis dun século e malia que nun comezo se celebraba nunha data distinta en cada país, todo mudou a partir de 1917. Nese ano un amotinamento de mulleres rusas, ante a falta de alimentos, deu inicio a un proceso revolucionario que acabaría co triunfo da Revolución de Outubro. Os acontecementos deste 8 de marzo de 1917 son importantes, non só porque deron orixe á revolución e porque foron protagonizados por mulleres, senón porque eses sucesos foron os que fixeron que o Día Internacional da Muller pasara a celebrarse sen máis cambios até a actualidade o 8 de Marzo.

Desde aquela as mulleres temos percorrido un longo camiño, gravado a sangue e ferro, que nos levou a gañar moitos dos dereitos que hoxe temos, votar, acceso á cultura, á educación, a un traballo retribuído, a saír e a vestir como queiramos, dereito a decidir, dereito á dignidade.

Mais o panorama non é o que desexamos, non temos conseguido a igualdade real de dereitos. Aínda cobramos salarios inferiores por igual traballo, determinados postos en empresas seguen sendo ocupados unicamente por homes; altos cargos seguen estando copados, e ben copados, por homes. Paro e precariedade laboral teñen nome de muller.

A violencia de xénero está detrás e diante de todas as portas. As mulleres asasinadas pasan sen pena nin gloria de seren unha foto no álbum de politic@s voitres a engrosar frías estatísticas sen que se lle poña solución. As denuncias por malos tratos amoréanse nos xulgados porque a lexislación vixente non lles dá unha verdadeira saída. Os gobernos, as leis, parecen non querer nin facer nada, agás controlar como e cando parimos.

Mentres todo isto acontece as mulleres, e a sociedade no seu conxunto, temos que sufrir un retorno ao pasado caos medidas implantadas polo goberno do Partido Popular. Medidas económicas e sociais que nos levan ao século XIX en materia de educación e aborto, reducindo o papel da muller a coidadoras domésticas e incubadoras de man de obra barata.

O certo é que vivimos nunha sociedade machista, e témolo tan asumido que moit@s de nós non consideramos a maior parte desas condutas como tales. Simplemente se asocian con roles cotiáns de homes e mulleres, e están tan interiorizados nas nosas vidas, no noso xeito de actuar, de comportarnos, de vivir, de vestir, de xogar, etc. que xa non nos decatamos nin nos chama a atención. Senón unha proba, contesten: cantas mulleres foron asasinadas o ano pasado na Galiza, ou no Estado Español? Reaccionamos coa mesma indignación ante as agresións machistas, como o facemos cando se trata doutro tipo de violencia? Verdade que non xulgamos por igual outros tipos de terrorismo?

As mulleres do Colectivo Nacionalista consideramos que neste 8 de Marzo temos que encher as rúas de Compostela para exixir unha vez máis esa igualdade pola que viñeron e vimos loitando desde hai moito tempo as feministas. Non debemos esquecer que a revolución ou se fai coas mulleres ou non haberá revolución e nós as mulleres debemos ser as primeiras en dar un paso adiante. Os cambios que desexamos pasarán necesariamente, en primeiro lugar, por abrirmos ben os ollos e recoñecer as cousas como son e non como queren que as vexamos. Por non aceptar que nos digan que xa temos a igualdade cando a vida das mulleres, de todas nós, das nosas nais e das nosas fillas, non valen máis que un número nas estatísticas.

Queremos cambios na lexislación, mais non faremos nada se non hai un verdadeiro cambio social que elimine as diferenzas entre homes e mulleres indo á raíz do problema e iso só o conseguiremos se non consentimos nin unha discriminación máis.

Marín, 4 de marzo de 2015.

Publicado en Uncategorized | Deixar un comentario

APOIO Á MANIFESTACION DA PLATAFORMA DE AFECTADOS POLA HEPATITE C


O Colectivo Nacionalista de Marín quere facer público o seu apoio á manifestación que a Plataforma de Afectados pola Hepatite C ten convocada para o próximo domingo día 1de marzo en Compostela. E facemos nosas as súas xustas e humanas reivindicacións de MEDICACIÓN PARA TODOS/AS.10980750_849372758435513_4059493149521566094_n

As administracións seguen xogando coa vida das persoas aplicando unha política de recortes salvaxe que prima os intereses comerciais dunha multinacional fronte á vida dos enfermos. Alén diso, continúan facendo declaracións nos medios e nos parlamentos coa única intencionalidade de despistar a opinión pública e sen pór un euro para a compra dos medicamentos antivirais.

Crean comisións de expertos que escriben borradores, informes e fan recomendacións, pero non hai solucións reais, ampáranse nestes expertos para xustificar a súa parálise resolutiva, como fixo hai pouco o presidente Feijoo no Parlamento, de onde expulsou os propios enfermos o pasado 11 de febreiro.

A alternativa dos nosos gobernantes é pois criminalizar os enfermos e as plataformas nas que se organizan para reivindicar unha solución aos seus problemas. Plataformas que, por outra banda, están a conseguir facer visíbel o problema e reaccionar ás administracións.

A empresa comercializadora do medicamento, Gilead, escúsase no forte investimento que tivo que facer para acadar o Sovaldi, mentindo descaradamento, para xustificar o seu elevado prezo. O medicamento foi froito dunha investigación, con fondos públicos, allea a esta empresa, quen despois mercou a patente para se enriquecer a costa das e dos enfermos poñendo prezos á súa comenencia en cada estado.

A solución pasa por atender as demandas das Plataformas de Afectados e crear un servizo público de fabricación de medicamentos como fan noutros países. O estado pode, legalmente, negarlle a patente á empresa e fabricar directamente este medicamento por ser de interese público. A oficina de patentes da India rexeitou patentar o medicamento Sovaldi, abrindo a posibilidade de que outras empresas poidan producir xenéricos moito máis baratos.

No futuro é posíbel que cheguen novos medicamentos para curar e tratar enfermidades como o Alzheimer, o cancro…e ningún estado debera deixar nas mans de empresas voitres a saúde das persoas para que estas tiren o máximo beneficio, deixando morrer a aquelas persoas que non poidan asumir o seu custo. É responsabilidade das administracións fomentar e apoiar a investigación pública para que non se volvan repetir problemas como os que están a sufrir os enfermos de hepatite c, non deixando en mans de empresas privadas a saúde pública.

Coa saúde non se xoga nin se fai negocio.

Marin 26 de febreiro de 2015

Publicado en Uncategorized | Deixar un comentario

APOIO DO COLECTIVO NACIONALISTA DE MARÍN Á MANIFESTACIÓN DO 8 DE FEBREIRO


O Colectivo Nacionalista de Marín fai un chamamento á participación na manifestación convocada este domingo 8 de febreiro en Compostela en defensa do noso idioma. Polas fillas dos nosos fillos. Queremos Galego!

Somos conscientes da necesidade de que o conxunto do pobo galego asuma a súa responsabilidade na defensa e promoción da lingua galega, o legado máis importante que recibimos, para deter esta constante perda de falantes. Se hai algo que caracteriza como pobo e nos fai especiais é o noso idioma propio. Todos os indicadores estatísticos dan aviso dun retroceso, entendemos que buscado por algúns, dos usos habituais do galego.

A Real Academia Galega, unha institución que non se pode considerar “nacionalista”, fixo recentemente un chamamento a mudar as políticas de normalización. Mentres desde a Xunta de Galiza, desde a chegada do Sr. Feijoo, estase a lexislar para situar o idioma propio de Galiza nunha situación de inferioridade.

Converteron a Lei de Normalización Lingüística en papel mollado, pois nunca se chegou a cumprir, e os decretos do bilingüismo-trilingüismo o que fixeron foi facer practicamente desaparecer o galego de todas as etapas do ensino. Hoxe é imposíbel escolarizar un neno ou nena en galego en calquera das cidades galegas, iso si pódese facer en inglés.

Coa falsa promoción do inglés, que despois de moitos anos de estudo non somos capaces de aprender, preténdese arrombar o galego e convertelo nunha materia máis incapacitando os nenos e nenas galegas para empregar e comprender o seu idioma en beneficio do En Catalunya a inmersión lingüística capacita as e os estudantes para dominar o español e o catalán, a política de acoso ao galego do Partido Popular impide a potencialidade de achegarnos ao mundo lusófono da man galego. Esta política, que podemos considerar xenófoba e racista, é propia da España da autarquía franquista e patrioteira.

Queremos un futuro para a nosa lingua no ensino, nos medios de comunicación, na literatura, no cine, nos centros comerciais, queremos un uso normal e normalizado do noso Polo futuro do fillos das nosas fillas, polo noso futuro como galegas e galegos orgullosos da súa lingua, acudamos o próximo domingo a Compostela.

Marín, 4 de febreiro de 2015.

Colectivo Nacionalista de Marín

Publicado en Uncategorized | Deixar un comentario