Nota de Prensa do Colectivo Nacionalista de Marín con motivo dos cortes de subministro eléctrico en Marín.


Levamos varios días en Marín padecendo cortes no subministro eléctrico en diversas zonas do municipio, e na maioría dos casos cunha duración de moitas horas. Esta situación causa un grave prexuízo ás persoas que quedan sen calefacción, sen poder cociñar ou se lles estragan os alimentos dos conxeladores, o mesmo acontece cos negocios de hostalaría e alimentación.

Todos os anos temos que sofrer a mesma historia cada vez que chega unha borrasca un pouco forte. Acaso as empresas eléctricas non saben que en Galiza chove, que temos temporais? Por suposto que o saben, o que non queren e gastar os cartos en manter as liñas. A estas empresas só lles importa cobrar uns recibos cada vez máis altos sen prestar un servizo en condicións.

O mapa de incidencias de Gas Natural Fenosa evidencia o tratamento colonial que recibe Galiza, como facían a Gran Bretaña ou a Francia ás súas colonias africanas. Na páxina web desta empresa puidemos ver centos de incidencias na nosa terra mentres no resto do estado apenas se producían alteracións no subministro de electricidade. Acaso en Asturias ou Cantabria non hai temporais de vento e choiva? 100

Coa suposta liberalización do sector eléctrico vendéronos unha mellora do servizo e unha baixada dos prezos. Nin unha cousa nin a outra. O que realmente temos é un oligopolio dunhas poucas empresas que soben os prezos ano tras anos mentres abandonan o mantemento das liñas, cando menos en Galiza, provocando situacións como as que sofremos estes días.

Estamos fartos de que nos traten coma cidadáns de segunda categoría, somos un país que produce e exporta electricidade ao resto do estado. Asolagaron os nosos vales para centrais hidroeléctricas, encheron os nosos montes de muíños de vento, e temos dúas centrais térmicas contaminantes. E como pago temos o peor servizo, o peor subministro eléctrico e ao mesmo prezo. Os galegos e galegas estamos financiando cos nosos recibos o transporte da electricidade que nós producimos a comunidades como a de Madrid, onde non se produce nin un solo megawatt.

Demandamos unha actuación contundente das administracións, da Xunta e do goberno central, sancionando ás empresas eléctricas e exixindo a mellora das instalacións e do seu mantemento. Queremos unha tarifa eléctrica propia que compense os prexuízos que padecemos.

Aínda que non podemos esperar ren dos que intercambian postos da administración pública por ben remuneradas cadeiras nos consellos de administracións das eléctricas, dando lugar a escandalosos xogos de portas xiratorias como o recente caso do Sr. Fernández de Mesa.

Consideramos necesaria unha intervención do Concello de Marín reprobando a actuación de Gas Natural Fenosa, e outras empresas eléctricas que presten servizo en Marín, que se dirixa a elas para demandar compensacións económicas aos usuarios e usuarias e que se poña ao servizo dos e das afectadas para asesoralas para reclamar polos danos sofridos.

En Marín, 6 de febreiro de 2017.

Colectivo Nacionalista de Marín.

Advertisement
Publicado en Uncategorized | Deixar un comentario

Nin Lomce, nin reválidas!


Este 24 de Novembro as estudantes da Galiza sairán a rúa para defender os seus dereitos.
Contra á Lomce e as Reválidas, por un  ensino público, galego e de calidade.
15036484_332013097178031_3238597038844189988_n

Publicado en Uncategorized | Deixar un comentario

This gallery contains 2 photos.


More Galleries | Deixar un comentario

Resposta ao goberno local sobre as festas.



Desde o Colectivo Nacionalista de Marín ante a resposta do goberno local ás criticas que faciamos públicas, a través dunha nota de prensa, ao programa das Festas do Carme de Marín, quere aclarar un par de cuestións ao respecto.

No noso comunicado do pasado 14 de xuño diciamos que a nosa cultura e lingua, consciente ou inconscientemente, foran excluídas polas responsábeis da área de cultura do Concello de Marín da programación das festas organizada polo propio concello. E reafirmámonos no dito, porque o concello na súa resposta esgrime que a nosa cultura estará presente a través de distintos actos como o Memorial Antonio Fernández, o Certame de Bandas de Gaitas Virxe do Carme ou a Romaría de Trompos aos pés.

Mais estes actos nos que a colaboración e implicación do concello se reduce, no mellor dos casos, a unha axuda económica, son organizados polas asociacións culturais de Marín que, dentro das súas posibilidades organizativas e económicas, se encargan durante todo o ano de fornecer a nosa vila dos actos e actividades culturais que o concello, por falta de imaxinación ou desidia, non lle ofrece á veciñanza.

Ao noso entender, está moi ben e é de agradecer que a concellaría de cultura colabore neste tipo de actividades, é o que teñen que facer todos os gobernos municipais, mais a súa implicación coa cultura e lingua galega e a súa política cultural non se pode reducir a dar axudas a dedo. Neste sentido para termos en Marín unha política cultural seria, plural e normalizadora a concellaría de cultura debera facer unha convocatoria pública de subvencións, deixando atrás dunha vez a política resesa e caciquil de teren que pasar as asociacións polo despacho da concelleira a pedir a colaboración do concello, facendo depender esta axuda do seu particular interese ou afinidade política.

Un concello serio e consciente que se preocupase de verdade pola lingua, cultura galega e a cultura en xeral alén de se preocupar en facer unha nota de prensa contestando unha crítica, tería unha programación cultural ampla, variada e estábel ao longo de todo o ano. E ese non é o caso do concello de Marín, onde o calendario cultural depende en grande medida ou na súa totalidade do tecido asociativo.

Neste sentido, que pasaría coa nosa cultura e a nosa lingua de non existiren estas asociacións? Pois a realidade é a que é. O concello non as ten en conta – a cultura e a lingua galega-  á hora de programar as festas, prefire tirar de cheque e contratar artistas da radiofórmula e orquestras que só serven para cubrir o expediente festivo pero que non crean conciencia crítica nin fomentan valores como a solidariedade, a xustiza ou a igualdade. A radiofórmula só xera e reforza o pensamento único.

Para alén disto, temos que salientar que afortunadamente a cultura galega é moito máis ampla que as gaitas e os bailes, por moi representativos que estes sexan do noso, e existen outras facetas musicais e artísticas nas que a lingua galega está presente. Existen por exemplo grupos de teatro que gañan premios tanto dentro como fóra do país, existen grupos musicais dos máis variados estilos e dunha gran calidade que as veciñas e veciños de Marín merecen coñecer e escoitar na súa vila, existen contacontos, pallasos, danza e un sen fin de actividades.

A presenza da nosa lingua e cultura non se pode reducir ao folclore, non se pode dar esa imaxe da nosa cultura ás e aos galegos e a xente de fóra que vén pasar uns días a Marín. A nosa cultura e lingua, malia todos os atrancos, está moi viva de diferentes xeitos, simplesmente hai que dála a coñecer, valorizala e darlle a oportunidade para que todas e todos nos sintamos orgullosos do que temos e do que somos, e non ninguneala ou reducir e folclorizar a súa presenza.

Desde o Colectivo Nacionalista insistimos e volvemos reclamar unhas festas nas que a veciñanza poida participar, opinar e propoñer actividades e actuacións de tal xeito que se cubra ou se intente cubrir a totalidade dos gustos musicais e artísticos da veciñanza. Unhas festas nas que a nosa lingua e cultura estean presentes e sexan protagonistas. En definitiva reclamamos unhas festas participativas para todas e para todos.

Publicado en Uncategorized | Deixar un comentario

Queremos unhas festas para todos e todas.


A semana pasada nunha conferencia de prensa o Concello de Marín, a través das súas concelleiras de festas e cultura, presentou un programa de festas do verán que esquece a nosa cultura, as nosas e os nosos artistas e exclúe actividades como o cine, o teatro ou os contacontos, recorrendo pola contra á grupos e artistas da radiofórmula que precisamente non se caracterizan pola súa calidade artística.

U-los artistas galegos? U-las artistas galegas? Mais, alén de acudiren aos produtos enlatados e importados da radiofórmula, as concelleiras deixan fóra, consciente ou inconscientemente, da programación festiva as e os artistas galegos e en lingua galega que afortunadamente son moitos e de variados estilos, mais que polo que se ve non contan co apoio do noso goberno local para formar parte das nosas festas.

No Colectivo Nacionalista somos conscientes do grande tirón e éxito que ten a orquestra Panorama entre o público, mais consideramos que traer outra vez a esta orquestra ás festas de Marín, cando xa estiveron este mesmo ano nas de Cantodarea e no 2014 nas de Marín, amosa a falta de imaxinación das concelleiras e é un trato de favor fronte as demais orquestras de Galiza que tamén teñen dereito a tocar.

Esta forma de programar as festas, sen contar coa participación e opinión da veciñanza e sen contemplar todas as disciplinas artísticas, formas de lecer e gustos musicais, fundamentalmente da mocidade, responde a unha forma de facer política resesa e caciquil baseada no reparto discrecional das axudas e subvencións a entidades a cambio dunha foto coa que colgarse medallas.

Así, cando na maioría das administracións públicas está regulada a achega de axudas a asociación, grupos culturais ou musicais, en Marín imponse a fórmula caciquil de ter que pedirlle á concelleira responsábel axudas para as actividades, quedando ao seu libre albedrío financiar unha actividade ou outra en función do seu particular interese ou da súa afinidade política.

A esta forma de actuar temos que sumarlle a improvisación permanente á hora de programar actividades culturais na nosa vila. Por iso reiteramos a nosa denuncia doutros anos, Marín non ten unha programación estábel de ningún tipo, sendo a iniciativa das asociacións da nosa vila a que enche, dentro das súas posibilidades, a oferta cultural. Mentres noutros concellos se fai política cultural e a cultura é considerada como un valor engadido para a imaxe da vila, para o goberno do PP de Marín a cultura carece de interese.

Queremos unhas festas para todos e todas, e nas que todos e todas teñamos a posibilidade de participar na súa programación.

Publicado en Uncategorized | Deixar un comentario

Ence fóra da Ría


O Colectivo nacionalista quere facer público o seu apoio á marcha contra o complexo Ence-Elnosa convocada, desta vez pola Plataforma Ence Fóra da Ría e a Federación Ecoloxista Galega, polo saneamento da Ría e contra a eucaliptización de Galiza.

Esta ano temos un motivo máis par protestar, a prórroga ilexítima concedida a Ence por un goberno en funcións. Unha decisión que supón unha condena de 60 anos para os habitantes da Ría. Que vai supoñer que a política forestal galega sexa condicionada por unha empresa que só pensa no seu lucro e non lle importa o deterioro medioambient20160601_075415al que provoca.

Esta prórroga veu precedida dunha modificación da Lei de Costas que o Partido Popular aprobou no congreso e dun informe elaborado pola Xunta ao servizo dos intereses da pasteira. Algo terá que ver a presenza de destacados ex dirixentes e altos cargos do PP no consello de administración da empresa.

Esta prórroga é un freo para a recuperación e o saneamento da Ría. A permanencia de Ence é un perigo para a saúde das persoas e para a calidade e vida. Imposibilita un desenvolvemento económico sustentábel da Ría e do monte galego.

O Colectivo Nacionalista participa na Plataforma Ence Fóra da Ría e asume as reivindicacións que se fan nesta convocatoria. Queremos que Ence saia da Ría por supoñer un atranco ao medio ambiente e aos postos de traballo no mar, queremos que se proceda ao saneamento integral da Ría, e isto só se vai acadar co desmantelamento de Ence, e queremos que se modifique a política forestal galega que prima a plantación de eucaliptos fronte ás especias autóctonas.

Facemos un chamamento e animamos os veciños e veciñas de Marín a participar na marcha dun xeito masivo para amosar o noso rexeitamento ao futuro que nos queren impor e reclamar unha terra viva e digna para todos e todas.

Marín, 31 de maio de 2016.

Publicado en Uncategorized | Deixar un comentario

O Concello de Marín incumpre a Lei da Memoria Histórica.


Desde o Colectivo Nacionalista de Marín querIMG_1088emos denunciar e amosar a nosa repulsa á restauración realizada recentemente polo concello de Marín nunha fonte da parroquia de Ardán. Queremos sinalar que nos parece ben, que este goberno como outros anteriores, restaure e poña en valor o noso patrimonio, mais o que non é de recibo e que xunto coa restauración desa fonte tamén se restaurase a simboloxía franquista, o xugo e as frechas, que esta tiña, no canto de retirala.

Para o Colectivo Nacionalista de Marín esta actuación constitúe un claro incumprimento da Lei 52/2007, de 26 de decembro, pola que se recoñecen e amplían dereitos e se estabelecen medidas en favor de quen padeceu persecución ou violencia durante a guerra civil e a ditadura, coñecida como Lei da Memoria Histórica.

Temos que lembrarlle ao Concello de Marín que a actual lexislación obriga claramente a retirar este tipo de simboloxía. Así,tal e como estabelece o artigo 15 da Lei, “É obriga delas, no exercicio das súas competencias tomar as medidas oportunas para a retirada de escudos, insignias, placas e outros obxectos conmemorativos de exaltación da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da Ditadura”.

Calquera escudo, insignia, placa ou obxecto conmemorativo ou de exaltación do levantamento militar, da Guerra Civil ou a represión debe ser retirado dos edificios e espazos públicos. Manter esta simboloxía no noso concello é un agravio á memoria dos galegos e galegas que sofreron o franquismo por defenderen a liberdade e os dereitos democráticos.

Cónstanos a participación da Alcaldesa de Marín, e dalgunhas concelleiras da súa equipa de goberno, nas actividades da Asociación pola recuperación da memoria histórica de Marín. Se esta participación non a fan cun afán propagandístico e oportunista, deberían no menor tempo posíbel rectificar esta actuación e eliminar a simboloxía franquista da fonte de Ardán.

Lamentabelmente, esta fonte non é unha excepción no noso concello e hoxe en día aínda permanecen nas rúas da nosa vila outro tipo de simboloxía fascista. Referímonos, por exemplo, á placa da igrexa vella de Marín. Demandamos do concello a eliminación de todo tipo de simboloxía franquista e que leve a cabo todas as xestións necesarias para que institucións como a igrexa retiren a que se pode ver nos seus edificios.

Marín, 18 de maio de 2016.

Publicado en Uncategorized | Deixar un comentario

O Mar non se Vende. Non á Lei de Acuicultura


Manifestación sábado 27 de febreiro, ás 11,30 na Alameda de Compostela

O Colectivo Nacionalista de Marín fai público o seu apoio á manifestación en defensa do sector do Mar en Galiza e pola retirada total do anteproxecto de Lei de Acuicultura que pretende a privatización da nosa costa e das nosas rías.

O PP pretende privatizar o noso mar para entregárllelo ás grandes multinacionais da alimentación e substituír un sistema de produción responsábel e respectuoso co medio, por outro altamente prexudicial tanto no plano ambiental como no económico.

Cómpre lembrar que no sector pesqueiro galego traballan directamente unhas 33.000 persoas – mariñeir@s, mariscador@s, bateeir@s, redeir@s- constituíndo un verdadeiro sector estratéxico para a nosa economía que agora ve perigar o seu futuro, polo paro e a contaminación que vai traer esta lei, ao favorecer a Xunta os intereses privados das multinacionais do sector acuícola.

Non podemos consentir que as nosas costas e rías se convirtan en focos de contaminación- ben sabemos na nosa ría o que é iso, pola produción de peixes e mariscos tratados con antibióticos e produtos químicos que logo acaban no mar xunto coas enfermidades e parasitos que sofren as especies acuícolas, en moitos casos foráneas, que acaban padecendo tamén as especies salvaxes.

No Colectivo Nacionalista non só nos amosamos en contra deste Anteproxecto de Lei de Acuicultura de Galicia, senón que tamén estamos en contra dos TACs á pesca Artesanal, da contaminación das Rías e do declive dos bancos do Libre Marisqueo.

Demandamos da Xunta medidas realistas e efectivas de protección e promoción do noso sector pesqueiro. Queremos unhas rías limpas, sen contaminación, cunhas augas de calidade. Queremos que se promovan os nosos produtos e se garanta no seu etiquetado a súa orixe, para que outros non se aproveiten do prestixio dos nosos produtos do mar. Queremos, en definitiva, que a Xunta goberne e lexisle para o sector pesqueiro galego, para o pobo galego, e non para as multinacionais.

Marín 23 de febreiro de 2016.

Colectivo Nacionalista de Marín

Publicado en Uncategorized | Deixar un comentario

O PP condena a Ría a 60 anos de contaminación


O Colectivo Nacionalista de Marín quere facer pública a súa posición contraria á permanencia de Ence na ría e o rexeitamento á prorroga concedida por un goberno en funcións. Este feito parécenos grave e reprobábel, así como pouco ético e politicamente impresentábel.

Un goberno do Partido Popular en función, toma unha decisión política para favorecer os intereses privados dunha empresa coa que está moi directamente relacionado. Só temos que ver quen conforman o consello de administración desta empresa. Ministras, conselleiros e altos cargos de distintos gobernos do PP moi ben remunerados.

Con esta irresponsábel medida o sr. Rajoy, coa complicidade de Feijoo, vai hipotecar a ría por varias xeracións facéndolle un regalo a unha empresa condenada por delito ecolóxico. Todo isto contra o sentir maioritario da poboación. Estamos ante un presidente covarde que se agocha e non é capaz de dicirlle publicamente ao pobo galego que vai manter 60 anos máis Ence na ría. Nin el, nin a ministra Pastor, nin o presidente Feijoo. Ten que ser a propia empresa a que faga de portavoz do goberno para darnos esta pésima nova, o que pon de manifesto a confianza e o bo entendemento que teñen.

Esta nova non é só mala para Marín, Pontevedra, Poio, etc. É unha mala nova para toda Galiza, xa que Ence condiciona a política forestal da Xunta e vai continuar transformando os nosos montes nun mar de eucaliptos.

Con esta decisión estase condenando a unha cadea perpetua os habitantes da ría, a ter que sofrer e padecer a contaminación, os fedores e o impacto visual desta empresa, instalada polo franquismo e querendo ser consolidada polos seus herdeiros, e que tan só representa o 1,1% dos postos de traballo da cidade de Pontevedra.

Mentres os que din defender o emprego tentan manter unha industria contaminante, non teñen problema en ver como desaparecen os postos de traballo na ría ou en converter Galiza nunha enorme plantación forestal de eucaliptos en detrimento de especies máis rendíbeis. Onde estaban o PP e os sindicatos que defenden a Ence cando se reducían os postos de traballo no marisqueo na ría?

Tampouco escoitamos nunca por parte deles calquera preocupación pola desaparición dos barcos pesqueiros do porto de Marín. As políticas de recortes do PP provocaron a destrución duns 800 postos de traballo directos no sector público só na sanidade, sector onde traballan como eventuais un importante número de marinenses, a eses hai que sumarlles os postos perdidos na administración autonómica e na central.

O Colectivo Nacionalista de Marín apoiará todas as medidas que se tomen para revocar esta inmoral concesión a Ence e demanda do novo goberno do estado que tome as medidas necesarias para sacar dunha vez esta empresa da ría.

Publicado en Uncategorized | Deixar un comentario

APOIAMOS A MANIFESTACIÓN EN DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA


O Colectivo Nacionalista de Marín quere amosar publicamente o seu apoio á manifestación convocada para este venres en Pontevedra pola plataforma SOS Sanidade Pública.

Máis unha vez as e os veciños da área sanitaria de Pontevedra estamos chamados a manifestarnos contra os recortes do Partido Popular na sanidade pública e para rexeitarmos o proxecto de novo hospital en Monte Carrasco.

O acontecido durante os últimos meses no novo hospital de Vigo, que mesmo comportou a demisión da conselleira de sanidade Rocio Mosquera, é unha boa mostra das “bondades” do sistema privado que quere impor o Partido Popular como modelo de sanidade en Galiza e no estado. Este modelo público privado, que xa demostrou ser un fracaso noutros territorios do estado – como Valencia – e noutros países como Inglaterra no canto de procurar unha mellora da saúde da poboación, procura beneficiar as empresas amigas a costa da saúde das e dos pacientes e os cartos públicos.

Para evitarmos que a Xunta repita o mesmo erro que en Vigo, construíndo o hospital do Monte Carrasco, é preciso saírmos en masa ás rúas e esixirmos e reclamarmos unha sanidade 100% pública, digna e para todas e todos, sen recortes nin en servizos nin en dereitos.

Desde o Colectivo Nacionalista chamamos o conxunto da poboación a saír masivamente ás rúas, e facemos un chamamento especial á veciñanza de Marín por sufrirmos problemas particulares, como a falta de ambulancia nocturna ou a falta de información de como vai ser xestionado o novo centro de saúde, que precisan de transparencia e solución agora.

Publicado en Uncategorized | Deixar un comentario