Recentemente foi presentado publicamente o Plan de Mobilidade Urbana Sostíbel de Marín pola alcaldesa de Marín. Entre as finalidades deste plan está o de “garantir máis espazos para a xente” e “ir readaptando o espazo urbanos para¨que non sexa acaparado polo estacionamento¨, e todo isto vaise acadar “compatibilizándoo coa mellora das rúas e prazas da vila con necesidade de aparcadoiros”.
Non podemos negar que a música sona moi ben e vai na liña do modelo de desenvolvemento urbano baseado en sacar do espazo público os vehículos e devolverlle o seu uso ás persoas.
Sen tempo non era, o concello de Marín leva trinta anos de atraso na aplicación deste tipo de medidas, e agora non lle queda mais remedio que aplicalas si ou si para cumprir as directivas da UE. Pontevedra lévanos trina anos de adianto e ahi temos os resultados, hoxe é un modelo que veñen a copiar de moitas partes do mundo.
Con todo, aínda que a música soa ben, nesa presentación só se expuxeron as liñas mestras de actuación sen concretar propostas concretas.
Se como din na presentación o exemplo do que pensan facer son as obras da Avenida de Ourense non imos polo mellor camiño. Esa avenida quedou practicamente como estaba, cun tráfico intenso e sen gañar espazo para as persoas, e cun carril bici que non leva a ningures pero serve para cobrar unha subvención.
Como se vai garantir o cambio de mobilidade? Como se van sacar os coches das rúas? A humanización das rúas vai ser tan pouco ambiciosa como até o de agora? Necesitamos que a humanización do centro de Marín, do seu casco histórico sexa efectiva, e non como agora onde a permisividade nalgunhas rúas fai que a peonalización non sexa real.
Marín necesita afondar na humanización dos núcleos urbanos, o de Marín e o de Seixo, cun proxecto integral que teña en conta a totalidade do espazo urbano. Non se poden ir poñendo parches nunha rúa e despois noutra sen ningún tipo de continuidade.
Fálase de reducir o tráfico e de mellorar o transporte público mais sen facer propostas concretas, agás o transporte a demanda para comunicar as parroquias. Se queremos facer un cambio real na mobilidade son necesarias propostas globais para a mellora do transporte público, non só para comunicar as parroquias, que aborden a comunicación cos outros concellos do Morrazo, con Pontevedra e con Vigo. As propostas para mellorar o transporte público teñen que ser máis ambiciosas.
Aínda que o coche eléctrico non é a solución aos problemas de mobilidade, segue sendo un vehículo que ocupa un espazo, botase en falta un plan de implantación de puntos de recarga. Isto facilitaría o uso de coches menos contaminantes.
Tampouco estaría mal apostar pola renovación do parque móbil municipal substituíndo os vehículos de combustión por vehículos eléctricos, e demandar que o transporte público tamén empregue medios non contaminantes.
Todas estas propostas están moi ben. Porén, para que isto se poida levar con éxito é necesaria moita pedagoxía e moita participación da cidadanía. E nisto non se están facendo as cousas ben.
Non se pode considerar “participación” poñer unha enquisa nunha páxina web e facer unha presentación “fechada” do Plan de Mobilidade a unhas poucas persoas e asociacións. Un discurso da alcaldesa e unha exposición da empresa que elabora o plan non é participación.
Unha participación real ten que darse entre todos e todas. Asociacións, veciños, partidos, organización sectoriais, etc, onde se poidan expoñer ideas, dúbidas, facer propostas.
Estamos diante dos primeiros pasos deste Plan de Mobilidade Urbana Sostíbel, hai que esperar a coñecer o texto onde se van plasmar todas estas intencións do goberno municipal de Marín par valorar se a música que tocan está desafinada ou non.