Cando entramos nun centro de saúde o primeiro que atopamos no mostrador é ao Persoal de servizos xerais.
Esta é unha categoría híbrida inventada polo Sergas onde fusionou as categorías de Celador e Auxiliar Administrativo, unha especie única no mundo dos servizos de saúde do estado español que serve para todo.
Como os PSX valen para todo, o Sergas emprégaos como carne de canón, como primeira liña da fronte na batalla diaria que supón ir e traballar nun centro de saúde en Galiza.
E son un campo de batalla polas políticas privatizadoras e de deterioro intencionado que aplica o Sergas, é dicir o PP, que teñen como finalidade facer desaparecer o modelo de sanidade pública tal e como o coñecemos. E como bos depredadores que son nese partido, aproveitaron a pandemia da Covid para acelerar este proceso fechando centros de saúde ou Puntos de Atención Continuada (PAC). Só hai que ver o incremento de usuarios da sanidade privada.
Non son casuais as enormes colas para acceder aos centros de saúde, nin as listas de agarda para ter unha cita co médico de cabeceira. Tampouco é de recibo, como acontece en Marín ter que esperar máis dun mes polo informe dunha radiografía ou para ser atendido no servizo de fisioterapia.
Se non se cobren as baixas nin os permisos do persoal é imposíbel prestar unha atención sanitaria de calidade. Se tardas unha, dúas ou tres semanas para ser atendido, para que che mire un médico ou che receite a medicación, é normal o cabreo.
A pandemia serviu para deixar aínda máis en evidencia as deficiencias dun sistema sanitario que está sendo desmantelado desde a chegada do Sr. Feixoo á presidencia da Xunta. O aluvión de baixas por positivos en Covid colapsou e puxo nunha situación dramática a Atención Primaria ante a incapacidade dos seus xestores de dar solucións rápidas, tendo que botar man de médicos xubilados mentres os que están en idade laboral búscanse a vida noutros estados onde teñen mellores condicións laborais.
E quen da a cara ante esta situación? Non é o Presidente da Xunta, nin o Conselleiro de Sanidade, nin os Xerentes das Áreas Sanitarias, eses que sempre fan declaracións describindo o ben que o fan e o ben que está a sanidade pública. Quen ten que apandar e dar explicacións e dicirlle á xente que non ten cita, que o especialista lle vai tardar meses, son os PSX. Os que teñen menos responsabilidade e peores condicións laborais e salariais.
Con todo, e volvendo á fronte de batalla, hai que saber quen é o inimigo, quen é o culpábel desta situación, e non disparar contra o primeiro que atopas no mostrador do centro de saúde.
O Persoal de Servizos Xerais non debería soportar os insultos, a mala educación e a falta de respecto de algunhas persoas, como ven acontecendo nos últimos tempos. Non é normal pagar a frustración con quen non ten culpa dos recortes nin da falta de persoal sanitario.
No se poden consentir os insultos e as agresións a un persoal que está facendo o seu traballo o mellor que pode e cos medios que ten.
Toda esa enerxía negativa deberían reconducila e participar nas mobilizacións que as distintas plataformas en defensa da sanidade fan en Moaña ou Marín. O mellor xeito de defender unha sanidade pública de calidade.
Marín, 9 de febreiro de 2022