Resposta ao goberno local sobre as festas.



Desde o Colectivo Nacionalista de Marín ante a resposta do goberno local ás criticas que faciamos públicas, a través dunha nota de prensa, ao programa das Festas do Carme de Marín, quere aclarar un par de cuestións ao respecto.

No noso comunicado do pasado 14 de xuño diciamos que a nosa cultura e lingua, consciente ou inconscientemente, foran excluídas polas responsábeis da área de cultura do Concello de Marín da programación das festas organizada polo propio concello. E reafirmámonos no dito, porque o concello na súa resposta esgrime que a nosa cultura estará presente a través de distintos actos como o Memorial Antonio Fernández, o Certame de Bandas de Gaitas Virxe do Carme ou a Romaría de Trompos aos pés.

Mais estes actos nos que a colaboración e implicación do concello se reduce, no mellor dos casos, a unha axuda económica, son organizados polas asociacións culturais de Marín que, dentro das súas posibilidades organizativas e económicas, se encargan durante todo o ano de fornecer a nosa vila dos actos e actividades culturais que o concello, por falta de imaxinación ou desidia, non lle ofrece á veciñanza.

Ao noso entender, está moi ben e é de agradecer que a concellaría de cultura colabore neste tipo de actividades, é o que teñen que facer todos os gobernos municipais, mais a súa implicación coa cultura e lingua galega e a súa política cultural non se pode reducir a dar axudas a dedo. Neste sentido para termos en Marín unha política cultural seria, plural e normalizadora a concellaría de cultura debera facer unha convocatoria pública de subvencións, deixando atrás dunha vez a política resesa e caciquil de teren que pasar as asociacións polo despacho da concelleira a pedir a colaboración do concello, facendo depender esta axuda do seu particular interese ou afinidade política.

Un concello serio e consciente que se preocupase de verdade pola lingua, cultura galega e a cultura en xeral alén de se preocupar en facer unha nota de prensa contestando unha crítica, tería unha programación cultural ampla, variada e estábel ao longo de todo o ano. E ese non é o caso do concello de Marín, onde o calendario cultural depende en grande medida ou na súa totalidade do tecido asociativo.

Neste sentido, que pasaría coa nosa cultura e a nosa lingua de non existiren estas asociacións? Pois a realidade é a que é. O concello non as ten en conta – a cultura e a lingua galega-  á hora de programar as festas, prefire tirar de cheque e contratar artistas da radiofórmula e orquestras que só serven para cubrir o expediente festivo pero que non crean conciencia crítica nin fomentan valores como a solidariedade, a xustiza ou a igualdade. A radiofórmula só xera e reforza o pensamento único.

Para alén disto, temos que salientar que afortunadamente a cultura galega é moito máis ampla que as gaitas e os bailes, por moi representativos que estes sexan do noso, e existen outras facetas musicais e artísticas nas que a lingua galega está presente. Existen por exemplo grupos de teatro que gañan premios tanto dentro como fóra do país, existen grupos musicais dos máis variados estilos e dunha gran calidade que as veciñas e veciños de Marín merecen coñecer e escoitar na súa vila, existen contacontos, pallasos, danza e un sen fin de actividades.

A presenza da nosa lingua e cultura non se pode reducir ao folclore, non se pode dar esa imaxe da nosa cultura ás e aos galegos e a xente de fóra que vén pasar uns días a Marín. A nosa cultura e lingua, malia todos os atrancos, está moi viva de diferentes xeitos, simplesmente hai que dála a coñecer, valorizala e darlle a oportunidade para que todas e todos nos sintamos orgullosos do que temos e do que somos, e non ninguneala ou reducir e folclorizar a súa presenza.

Desde o Colectivo Nacionalista insistimos e volvemos reclamar unhas festas nas que a veciñanza poida participar, opinar e propoñer actividades e actuacións de tal xeito que se cubra ou se intente cubrir a totalidade dos gustos musicais e artísticos da veciñanza. Unhas festas nas que a nosa lingua e cultura estean presentes e sexan protagonistas. En definitiva reclamamos unhas festas participativas para todas e para todos.

About colectivo nacionalista de Marín

nacionalismo soberanía nacional
Esta entrada foi publicada en Uncategorized. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s