Queremos unhas festas para todos e todas.


A semana pasada nunha conferencia de prensa o Concello de Marín, a través das súas concelleiras de festas e cultura, presentou un programa de festas do verán que esquece a nosa cultura, as nosas e os nosos artistas e exclúe actividades como o cine, o teatro ou os contacontos, recorrendo pola contra á grupos e artistas da radiofórmula que precisamente non se caracterizan pola súa calidade artística.

U-los artistas galegos? U-las artistas galegas? Mais, alén de acudiren aos produtos enlatados e importados da radiofórmula, as concelleiras deixan fóra, consciente ou inconscientemente, da programación festiva as e os artistas galegos e en lingua galega que afortunadamente son moitos e de variados estilos, mais que polo que se ve non contan co apoio do noso goberno local para formar parte das nosas festas.

No Colectivo Nacionalista somos conscientes do grande tirón e éxito que ten a orquestra Panorama entre o público, mais consideramos que traer outra vez a esta orquestra ás festas de Marín, cando xa estiveron este mesmo ano nas de Cantodarea e no 2014 nas de Marín, amosa a falta de imaxinación das concelleiras e é un trato de favor fronte as demais orquestras de Galiza que tamén teñen dereito a tocar.

Esta forma de programar as festas, sen contar coa participación e opinión da veciñanza e sen contemplar todas as disciplinas artísticas, formas de lecer e gustos musicais, fundamentalmente da mocidade, responde a unha forma de facer política resesa e caciquil baseada no reparto discrecional das axudas e subvencións a entidades a cambio dunha foto coa que colgarse medallas.

Así, cando na maioría das administracións públicas está regulada a achega de axudas a asociación, grupos culturais ou musicais, en Marín imponse a fórmula caciquil de ter que pedirlle á concelleira responsábel axudas para as actividades, quedando ao seu libre albedrío financiar unha actividade ou outra en función do seu particular interese ou da súa afinidade política.

A esta forma de actuar temos que sumarlle a improvisación permanente á hora de programar actividades culturais na nosa vila. Por iso reiteramos a nosa denuncia doutros anos, Marín non ten unha programación estábel de ningún tipo, sendo a iniciativa das asociacións da nosa vila a que enche, dentro das súas posibilidades, a oferta cultural. Mentres noutros concellos se fai política cultural e a cultura é considerada como un valor engadido para a imaxe da vila, para o goberno do PP de Marín a cultura carece de interese.

Queremos unhas festas para todos e todas, e nas que todos e todas teñamos a posibilidade de participar na súa programación.

About colectivo nacionalista de Marín

nacionalismo soberanía nacional
Esta entrada foi publicada en Uncategorized. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s