Presentamos moción para solicitar unha xestión pública do novo centro de saúde


O Colectivo Nacionalista de Marín presentou hoxe no concello unha moción para solicitar o pronunciamento do pleno da corporación sobre a xestión pública do novo centro de saúde. Con esta iniciativa queremos poñer a venda antes da ferida para que non se repita o lamentábel espectáculo que está acontecendo no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, e manifestar unha vez máis a nosa aposta pola sanidade pública.

Marín, 8 de outubro de 2015.

Ao Pleno da Corporación Municipal do Concello de Marín

AOS GRUPOS MUNCIPAIS DO CONCELLO DE MARÍN

Exposición de Motivos:

O futuro novo centro de saúde no Souto pasará en poucos meses, tal como se está a anunciar, de ser unha promesa que facer en cada convocatoria electoral a unha realidade palpábel. Por fin, despois de moitos anos de demanda social para a súa construción, o pobo de Marín poderá facer uso dunhas instalacións que se prevén acordes coa entidade da nosa vila.

Dende o ano 2009, en que se asinou o protocolo entre a consellaría e o concello para a construción do centro de saúde, tivemos que asistir a reiteradas promesas por parte de conselleiras, delegados territoriais e técnicos da licitación e do inminente inicio das obras.

Con todo, a construción dun edificio por si só non vai supoñer a solución aos problemas asistenciais en materia sanitaria que padecemos. O exemplo máis claro témolo coa polémica inauguración do novo hospital de Vigo, feita de xeito precipitado e sen unha mínima planificación e cando as obras aínda non estaban rematadas.

Pingueiras, suspensión de operacións por non ter material cirúrxico esterilizado, enchufes colgando das paredes ou a imposibilidade de empregar material e aparellos por orde da “concesionaria” son algunhas das consecuencias das présas e dun modelo sanitario que vela máis polos intereses privados que pola saúde das persoas.

Como exemplo máis claro disto último, cómpre salientar a esperpéntica xestión do aparcamento por parte da “concesionaria” que deixa en evidencia o carácter especulativo e de espolio a costa do peto das e dos pacientes e familiares do centro hospitalario cuns prezos desorbitados e poñendo atrancos para que estes non aparquen na contorna do hospital.

Todas estas novas que lemos nos medios de comunicación sobre este hospital deixan en evidencia o modelo de financiamento”público-privado” elixido para levar adiante a licitación, construción e xestión deste hospital, e supoñen unha preocupación entre a veciñanza ante a pronta inauguración do centro de saúde de Marín.

Un modelo que só é unha forma máis de descapitalizar os recursos da sanidade pública para aumentar o lucro empresarial, deixando en mans só da sanidade pública o persoal sanitario. Un modelo que introduce masivamente a precariedade laboral entre o persoal do Sergas, cando non é directamente substituído por contratas das empresas concesionarias como acontece no novo hospital de Vigo.

Non queremos que se repita en Marín o que está acontecendo en Vigo. Non queremos que se inaugure precipitadamente e por intereses electorais o centro de saúde de Marín se as obras non están rematadas e as instalacións en condicións de ser empregadas. Non queremos que a precariedade no persoal e nos medios materiais, co correspondente incremento dos problemas sanitarios das e dos pacientes, sexa a norma. Non queremos que as persoas usuarias que acudan ás consultas médicas ou á enfermaría teñan que padecer a falta de material sanitario, a falta de mobiliario, nin o uso de equipamento técnico de baixa calidade ou que directamente non funciona.

En definitiva, a xestión do centro de saúde de Marín debe ser pública na súa totalidade para evitar o espectáculo lamentábel que se está a dar no novo hospital de Vigo, que case todos os días vemos reflectido nos medios de comunicación.

Por todo isto solicitamos do Pleno da Corporación Municipal de Marín a adopción dos seguintes acordos:

  • Demandar da Consellaría de Sanidade da Xunta de Galiza que a xestión do novo centro de saúde de Marín sexa integramente pública.

  • Que se dote ao centro das especialidade anunciadas coas que hoxe non contamos en Marín como radioloxía e fisioterapia.

  • Que os recursos materiais e o equipamento sexan de calidade e que a dotación do persoal, sanitario e non sanitario, non sufra ningunha redución e sexa traballador fixo ou interino do Sergas.

About colectivo nacionalista de Marín

nacionalismo soberanía nacional
Esta entrada foi publicada en Uncategorized. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s