APOIO Á MANIFESTACION DA PLATAFORMA DE AFECTADOS POLA HEPATITE C


O Colectivo Nacionalista de Marín quere facer público o seu apoio á manifestación que a Plataforma de Afectados pola Hepatite C ten convocada para o próximo domingo día 1de marzo en Compostela. E facemos nosas as súas xustas e humanas reivindicacións de MEDICACIÓN PARA TODOS/AS.10980750_849372758435513_4059493149521566094_n

As administracións seguen xogando coa vida das persoas aplicando unha política de recortes salvaxe que prima os intereses comerciais dunha multinacional fronte á vida dos enfermos. Alén diso, continúan facendo declaracións nos medios e nos parlamentos coa única intencionalidade de despistar a opinión pública e sen pór un euro para a compra dos medicamentos antivirais.

Crean comisións de expertos que escriben borradores, informes e fan recomendacións, pero non hai solucións reais, ampáranse nestes expertos para xustificar a súa parálise resolutiva, como fixo hai pouco o presidente Feijoo no Parlamento, de onde expulsou os propios enfermos o pasado 11 de febreiro.

A alternativa dos nosos gobernantes é pois criminalizar os enfermos e as plataformas nas que se organizan para reivindicar unha solución aos seus problemas. Plataformas que, por outra banda, están a conseguir facer visíbel o problema e reaccionar ás administracións.

A empresa comercializadora do medicamento, Gilead, escúsase no forte investimento que tivo que facer para acadar o Sovaldi, mentindo descaradamento, para xustificar o seu elevado prezo. O medicamento foi froito dunha investigación, con fondos públicos, allea a esta empresa, quen despois mercou a patente para se enriquecer a costa das e dos enfermos poñendo prezos á súa comenencia en cada estado.

A solución pasa por atender as demandas das Plataformas de Afectados e crear un servizo público de fabricación de medicamentos como fan noutros países. O estado pode, legalmente, negarlle a patente á empresa e fabricar directamente este medicamento por ser de interese público. A oficina de patentes da India rexeitou patentar o medicamento Sovaldi, abrindo a posibilidade de que outras empresas poidan producir xenéricos moito máis baratos.

No futuro é posíbel que cheguen novos medicamentos para curar e tratar enfermidades como o Alzheimer, o cancro…e ningún estado debera deixar nas mans de empresas voitres a saúde das persoas para que estas tiren o máximo beneficio, deixando morrer a aquelas persoas que non poidan asumir o seu custo. É responsabilidade das administracións fomentar e apoiar a investigación pública para que non se volvan repetir problemas como os que están a sufrir os enfermos de hepatite c, non deixando en mans de empresas privadas a saúde pública.

Coa saúde non se xoga nin se fai negocio.

Marin 26 de febreiro de 2015

About colectivo nacionalista de Marín

nacionalismo soberanía nacional
Esta entrada foi publicada en Uncategorized. Ligazón permanente.

Deixar un comentario