O PP DETERIORA O ENSINO PÚBLICO EN MARÍN PARA BENEFICIAR Á PRIVADA.

Xuño 18, 2009 at 11:50 am | In Uncategorized | Leave a Comment

 
Dende o Colectivo Nacionalista queremos sumarnos ao malestar producido polas recentes novas que falan da desaparición da escola infantil de Mogor e a redución de aulas no Grupo Escolar e no Colexio Público do Sequelo, mentres a Consellaría de Educación aumenta a oferta na educación privada da nosa vila.

Esta é a austeridade que nos prometeu o Sr. Feijoo, reducir o público para financiar o privado. Actúan con criterios economicistas como se o ensino fora un negocio, para o presidente da Xunta e o seus conselleiros todo parece ser un negocio, e non un servizo público que se ten que prestar con criterios de calidade e para dar unha formación axeitada aos rapaces e rapazas.

Mal comeza o PP a tratar a Marín se as súas primeiras decisións políticas son a supresión de prazas no ensino, máis tendo en conta que o noso concello está en constante crecemento e non sobran prazas no ensino. Nos anos de goberno do PP na Xunta sempre se esqueceron de Marín e agora lémbranse de nós non para investir senón para eliminar o pouco que hai. Cal vai ser o seguinte paso da Xunta, deixarnos sen centro de saúde igual que están facendo cos hospitais de Vigo e Pontevedra?

É necesario darlle marcha atrás a esta decisión e solicitamos un pronunciamento claro e contundente de todas as forzas políticas do concello, incluído o PP local, para dicirlle alto e claro á Xunta que con Marín non se xoga, e moito menos coa educación dos nosos rapaces e rapazas.

Temos que denunciar que mentres desde a Consellaría de Educación se levanta unha cortina de fume coa súa enquisa, tramposa e fraudulenta, sobre o idioma na escola, aproveitan para reducir o persoal docente e as prazas, agrupando nenos de distintos cursos e graos sen ter en conta ningún criterio de calidade e suprimindo prazas.

Pouco a pouco estamos vendo o verdadeiro talante, a verdadeira faciana, do Partido Popular, que gañou unhas eleccións dun xeito populista pero cun programa oculto. Un programa neoliberal e privatizador que pretende destruír todo o que sexa servizo público en beneficio da “iniciativa privada”. Xa coñecemos ese modelo, é o que está fracasando en Madrid e Valencia na sanidade e no ensino.

Estamos asistindo a unha parálise nos investimentos públicos en servizos claves para o nivel de vida das persoas como son a educación e a sanidade. Na sanidade paralizan os proxectos de novos centros e preparan o camiño para a privatización e a participación das grandes construtoras seguindo o modelo valenciano e madrileño. Pretenden vendernos unha forma de xestionar que xa fracasou e que lle custou á administración valenciana moitos millóns de euros para recuperar as perdas dos hospitais con xestión privada.

En Marín, 18 de xuño de 2009.

Maio 29, 2009 at 9:31 am | In Uncategorized | Leave a Comment

cartel galego Iniciativa Internacionalista

Posicionamento do Colectivo Nacionalista ante a proposta do PSOE-BNG para os polígonos industriais

Maio 29, 2009 at 9:27 am | In Uncategorized | 1 Comment

A claudicación do goberno municipal de Marín, ante as xustas reivindicacións dos afectados polos polígonos industriais recollidos no PXOM, non vai supoñer unha solución ás graves consecuencias que vai producir este planeamento. So se retiran dúas propostas quedando outras, tanto ou máis prexudiciais para os veciños e para o medio ambiente do noso concello. Non desaparece a proposta do Pituco, non desaparece a da Pardavila, nin a de Ardán, e queda a porta aberta a que coa nova cualificación e o seu posterior desenvolvemento na Brea e Vistalegre sexan colocadas instalacións nocivas para o medio. O PXOM segue mantendo a súa filosofía especulativa baseada na construción masiva, que non compartimos para nada, o que nos parece unha irresponsabilidade cando estamos nunha situación de recesión económica provocada precisamente polo estoupido da burbulla inmobiliaria. Que lle fagan caso ao Sr. Zapatero que ultimamente está predicando contra a política do “ladrillo” e reivindicando un cambio no modelo económico. Non nos fiamos, como non se fían os afectados do que nos digan o PSOE e o BNG. A proposta de modificación das zonas industriais por outro tipo de cualificación, Superficie urbanizable con uso dotacional público, non é solución ao problema criado. O desenvolvemento urbanístico previsto está baseado no futuro desenvolvemento dun plan sectorial onde o goberno pode colocar instalacións para o tratamento de lixo, almacéns, etc. Esta formula segue sen recoñecer a cualificación de interese agrícola e segue afectando ás ribeiras dos ríos, tal e como expuxemos nas nosas alegacións ao Plan. Se utilizaron a prepotencia para proxectar o PXOM e os polígonos industriais, nada nos fai supoñer que mañá non fagan un plan parcial para modificar a proposta de solo urbanizable dotacional para transformalo non que realmente buscan, colocar caprichosamente zonas industriais para favorecer intereses alleos a Marín. Por último, consideramos lamentábel o papel que está xogando o PP en toda a tramitación do PXOM, xa que comezou apoiando os polígonos industriais que agora rexeita e utiliza eleitoralmente as reivindicacións dos veciños, amparándose no novo goberno da Xunta que non dubida en ameazar ao Concello de Marín con paralizar o PXOM. Esperamos que a capacidade de influencia do PP local sirva tamén para que comece a funcionar a galescola de San Pedro e para que chovan as inversións da Xunta en Marín, que falta nos fan. Marín, 26 de maio de 2009.

Contra a ilegalización das ideas

Maio 21, 2009 at 12:20 pm | In Uncategorized | Leave a Comment

Este xoves, 21 de maio, celebrarase un acto público no que diversas organizacións políticas, sindicais e sociais,  amosarán o seu rexeitamento da ilegalización da candidatura Iniciativa Internacionalista-A Solidariedade entre os Pobos.

O acto desenvolverase no IES Santa Irene, na cidade de Vigo, a partir das 20h00

Solidariedade con Trompos os Pes

Abril 25, 2009 at 10:41 am | In Uncategorized | 1 Comment

Desde o Colectivo Nacionalista de Marín queremos amosar a nosa solidariedade coa Asociación Culturar “Trompos os Pes” ante a situación de desaloxo que están padecendo por parte das autoridades municipais. Non se pode botar á rúa a unha asociación que fai unha grande labor cultural e social non noso pobo sen antes darlle unha alternativa para poder continuar co seu traballo.

Consideramos que non é tan difícil achegar posturas e atopar unha solución satisfactoria para que esta, e outras asociacións culturais, teñan un sitio digno onde desenvolver as súas actividades. Para iso hai que gobernar con claridade e de xeito transparente o que non acontece nin entre os propios membros da equipa de goberno que actúan cada un polo seu lado.

Este último capítulo non sabemos se é por incapacidade ou por satisfacer as ansias de vinganza de algún concelleiro “hostil” con “Trompos os Pes”, pois xa non é o primeiro desencontro con esta asociación.

Estamos ante unha mostra máis de insensibilidade e falla de tacto por parte do goberno municipal de Marín, moi frecuente desde que chegaron ao concello, que non é capaz de actuar sen criar conflitividade social e crispación.

Debe ser unha prioridade de calquera gobernante promocionar e facilitar a creación e actuación das asociacións culturais, pero o tandem PSOE-BNG leva adiante unha política de acoso ao disidente e promoven a cultura multando ás asociacións culturais ou desaloxándoas.

Por último queremos animar á concelleira de cultura a que presente a dimisión, xa que está demostrando permanentemente que non ten capacidade para dirixir esta área tan importante. Máis aínda cando públicamente di que as asociacións culturais teñen que buscarse a vida mendigando locais onde facer as súas actividades.

Marín, 25 de abril de 2009.

A Rede Galiza Non Se Vende perante a mudanza de goberno

Abril 23, 2009 at 9:22 am | In Uncategorized | Leave a Comment

O 16 de Abril o Parlamento galego xurdido das últimas eleccións autonómicas investiu a Nuñez Feijóo como novo presidente da Xunta. De novo o PP volta gobernar Galiza. A Rede GNSV, formada na lexislatura que acaba e moi crítica co goberno saínte, desexa posicionarse publicamente a respecto do período que se abre coa maioría absoluta do Partido Popular.

A Rede Galiza Non Se Vende naceu en Novembro de 2007 como evolución da Rede Litoral Vivo, constituída en Febreiro do mesmo ano por diferentes colectivos ecoloxistas e sociais. A Rede GNSV xurdiu estando PSdeG-PSOE e BNG no goberno galego fronte a unhas políticas e prácticas ambiental e socialmente destrutivas, para defender un ordenamento territorial baseado na sustentabilidade ecolóxica e a xustiza social.

Do Parlamento electo nas pasadas eleccións autonómicas sairá un novo goberno, máis, moi probablemente, debido á xa coñecida traxectoria do PP, non á mudanza de rumo que este país e todo o mundo necesita para saírmos da acumulación de crises que alimentamos e padecemos. Se o bipartito foi continuísta, do novo goberno e Parlamento, qué podemos agardar? E se nos guiamos polo labor do PP no goberno e na oposición, polo feito por PSdeG-PSOE e BNG durante esta lexislatura, polo discurso dos tres durante a campaña, e polas declaracións que vén facendo o novo presidente da Xunta… a situación é preocupante.

A Rede Galiza Non Se Vende olla con preocupación as declaracións que Alberto Núñez Feijoo vén realizando. Se grande é o seu desprezo pola lingua, que rexeitamos, maior aínda semella a súa falta de respecto pola terra. Todo indica que o novo goberno autonómico, escudado na crise, non se vai limitar a continuar coas políticas destrutoras do territorio senón que procederá ao seu endurecemento, sen corrixir as prácticas recentemente denunciadas polo Informe Auken no Parlamento Europeo, e empeorando con isto a xa grave situación ambiental e social, local e global.

Evidentemente a razón de ser de GNSV non desaparece coa mudanza de goberno. A Rede continuará a traballar por unha terra viva e unha vida digna para tod@s e farao goberne quen goberne, por iso continuaremos a esixir que se deteña a destrución do territorio e que este se ordene de forma democrática, participativa e seguindo criterios de sustentabilidade ecolóxica e xustiza social.

Asfalto e formigón non son progreso. O tixolo e a marbellización do litoral galego non fan parte da solución, están no cerne do problema. A acuicultura industrial destrúe a terra e o mar. Os recheos nas rías estragan a riqueza natural destas. A minaría a ceo aberto erosiona a biodiversidade e mata o medio rural. Os portos deportivos indiscriminados alteran as correntes e destrúen recursos pesqueiros… As políticas de destrución ambiental e social son absurdas e suicidas, por moito que haxa quen se lucre con elas.

Goberno e Parlamento deberían comezar a lexislatura non atacando a nosa lingua e a nosa cultura senón comprometéndose á prohibición, de facto, de construír a 500 metros da costa e impedindo o emprego especulativo do territorio.

Completando de xeito efectivo e racional o saneamento integral e o tratamento de residuos urbanos do 100% da poboación galega.

Ampliando a superficie natural protexida e dotando de contido real ás diferentes figuras de protección, e respectando tamén paisaxe e patrimonio.

Promovendo o aforro enerxético, implementando redes de carrís bici, promocionando o transporte colectivo intermodal e de proximidade, e paralizando infraestruturas elitistas e agresivas como o AVE. E establecendo unha moratoria a novas autovías, das que Galiza posúe un quilometraxe por habitante moi superior á media española e europea.

Retirando as industrias perigosas e contaminantes e normativizando o seu troco cara a tecnoloxías limpas e sen riscos en espazos axeitados.

Respectando de xeito estrito a abundante lexislación e facilitando, en fin, a participación e libre expresión da cidadanía, tal como esixen as leis, e rendendo contas sen agardar aos resultados dunha nova consulta dentro de catro anos.

A grave crise mundial na que estamos inmers@s non é só económica e financeira senón tamén de modelo de desenvolvemento e enerxética. Se lle engadimos os negativos e irreversibles impactos do cambio climático, a única alternativa posible é un xiro radical que aposte firmemente por un decrecemento racional.

É necesario mellorar e desenvolver redes de transporte público de proximidade; a autosuficiencia, o aforro e a eficiencia enerxética cara ao emprego dun 100% de enerxías renovables e á progresiva eliminación do uso das que non o son; un urbanismo racional que contemple as necesidades reais de vivenda e solo industrial e unha atención máxima polo medio natural.

O respecto á organización tradicional do territorio, ós seus usos e á súa identidade, o potenciamento do sector primario, a promoción da agricultura ecolóxica e da soberanía alimentaria libre de transxénicos, son fórmulas ineludibles. Alén disto, a relación coas outras comunidades e pobos do estado, Europa e o resto do planeta ten que darse en igualdade de condicións, non con pura competitividade, senón con solidariedade e complementariedade.

GOBERNE QUEN GOBERNE, GALIZA NON SE VENDE

Por unha terra viva e unha vida digna para tod@s

Charla contra a Otan

Abril 17, 2009 at 9:35 am | In Uncategorized | Leave a Comment

Charla colóquio sobre a situación da Brilat en Figueirido e o conflicto cos veciños, dentro da campaña contra a Otan da Coordinadora contra a Guerra.

Xoves 23 de abril ás 20.30 na galería Sargadelos de Pontevedra

Concentración contra a Otan no seu 60 aniversario

Abril 3, 2009 at 8:12 am | In Uncategorized | 1 Comment

Este sábado despregarase unha pancarta denunciando os 60 anos da Otan na Alameda de Pontevedra, o 4 de abril ás 13 horas na cruz da alameda.

Mitin da FPG en Marín

Febreiro 17, 2009 at 12:33 pm | In Uncategorized | Leave a Comment

O próximo mércores 18, ás 20h. na biblioteca municipal de Marín vai ter lugar o Mitin da Frente Popular Galega. No mesmo intervirán os candidatos Pedro Cortegoso, de Marín, Maruchi Álvarez, concelleira de ACE en Cangas, Mariano Abalo, concelleiro e secretario xeral da FPG, e o cabeza de lista por Pontevedra Xosé Lois Méndez Ferrín, coñecido escritor e intelectual.

Manifestación de Galiza non se vende o domingo 15 de febreiro

Febreiro 12, 2009 at 5:24 pm | In Uncategorized | Leave a Comment

O vindeiro domingo 15 de febreiro a rede social Galiza non se vende, composta por preto de 60 asociacións culturais, ecoloxistas, sociais…entre as que se atopa o Colectivo Nacionalista de Marín ten convocada unha manifestación nacional en Compostela que partirá ás 12 da mañá dende a alameda baixo o lema: goberne quen goberne, Galiza non se vende.

As persoas e colectivos que formamos Galiza non se vende expresamos con esta manifestación a nosa máis enérxica protesta contra a política ambiental e social que deixa este goberno disfrazado de progresista. Estas políticas están a arruinar Galiza, destruindo a súa paisaxe, os seus recursos naturais, patrimonio cultural e a súa biodiversidade. Políticas que significan a continuación das de gobernos anteriores, entregando o país, os seus recursos e a súa identidade ás grandes empresas multinacionais e aos grandes intereses económicos, utilizando o gasto público para alimentar un modelo económico e social inxusto e insustentábel.

A lista de puntos de denuncia en Marín é variada e van dende un PXOM especulativo e destrutor, pasando pola posíbel ampliación do porto deportivo de Aguete que  sería a sentenza de morte para a praia de Aguete, e as obras proxectadas para o concello de Marín dentro do Plano Vigo Integra. Pero máis alá da nosa vila tamén por desgraza son múltiplas as denuncias e loitas que se están a levar a cabo con valentía contra a marbellización do litoral, os recheos e contaminación das rías, a degradación dos ríos, o plano acuícola devastador das zonas costeiras mellor conservadas, os portos deportivos que enmascaran urbanizacións e apropiación privada da costa, o caos eólico, a destrución e privatización da terra pola cobiza de graniteiros, louseiros e outras minarías; os campos de golf, a eucaliptización, os cultivos transxénicos, as industrias nocivas e perigosas, os parques industriais desproporcionados e sen planificación, un sistema de transportes irracional, depredador e insostíbel; o urbanismo salvaxe, o deterioro dos núcleos históricos das vilas, a especulación xeralizada, as macroáreas metropolitanas engulidoras e centralizadoras do territorio, a extinción programada da agricultura e da pesca artesanal, o abandono e destrución do rural, a pobreza de espazos naturais protexidos e nulo respeito polos que hai, a desprotección do patrimonio cultural, especialmente do arqueolóxico…

As persoas que berramos GALIZA NON SE VENDE expresamos as nosas ganas de vivir e de recuperar e potenciar os espazos e coñecementos que nos serviron durante séculos, para que nós e as persoas que veñan despois teñamos un futuro garantido. Por iso artellamos unha rede de colectivos e proxectos realmente alternativos e conscientes, ante a incapacidade e covardía duns gobernantes que renuncian a deter esta tolemia, para procurarnos estratexias válidas para poder seguir vivindo na nosa terra e da nosa terra sen necesidade de esmagar ao resto do mundo e ás xeracións futuras.

As persoas que berramos GALIZA NON SE VENDE temos moi claro que non imos quedar indiferentes ante falsos discursos de cidadanías e democracias cando se nos criminaliza por ser cidadás e cidadáns e expresar o que pensamos, non imos quedar indiferentes cando nos seus discursos baleiran de contido as palabras, mentres agochan detrás actuacións cheas de parcialidade.

Por todo isto o Colectivo Nacionalista de Marín como parte integrante da rede Galiza non se vende considera necesaria a presenza de tod@s @s marinenses este vindeiro domingo en Compostela porque:

GOBERNE QUEN GOBERNE, GALIZA NON SE VENDE

Terra viva e vida digna para tod@s!

« Páxina AnteriorSeguinte páxina »

Bloguea en WordPress.com. | Theme: Pool by Borja Fernandez.
Entries and comments feeds.