Arquivo da categoría: Marín

Notas de prensa e actos relacionados con Marín

O PP de Marín pretende privatizar o servizo de xardíns

Ante a pretensión do goberno local de privatizar o servizo de xardíns do Concello, desde o Colectivo Nacionalista queremos manifestar a nosa total oposición a esta medida porque non suporá unha mellora no estado dos parques e xardíns, dos que non podemos dar queixa, e si que unha empresa privada se lucre cunha actividade que agora desempeña o servizo municipal.

Coa escusa dunha “mellor xestión e o aforro” goberno tras goberno están intentando privatizar e privatizan cada un dos servizos públicos. Se o bipartito PSOE- Mar-IN privatizaron no seu momento o servizo de recollida do lixo, na anterior lexislatura foron o BNG e o PSOE quen privatizaron o servizo de recadación das multas. Ningunha destas privatizacións trouxeron consigo melloras no servizo, máis ben todo o contrario.A privatización do servizo de recadación fai que aquelas persoas que teñan que pagar unha multa se despracen a Pontevedra para facelo nas oficinas dunha empresa privada, u-la mellora?

O caso da recollida do lixo é aínda máis rechamante, os colectores non se limpan segundo os prazos marcados no contrato coa empresa, como temos denunciado múltiplas veces desde o CN, e aínda por riba a empresa non separa o lixo dos distintos colectores, feito polo que foi expedientada este verán pola Consellaría de Medio Ambiente da Xunta de Galiza.

Se na lexislatura pasada era o duo BNG-PSOE o que pretendía privatizar a limpeza viaria, agora é o Partido Popular o que vai sacar a concurso o servizo de xardíns por un montante de 90,000 euros anuais, empregando o mesmo sistema de contratar a unha empresa que teña un 70% de persoas con discapacidade. Estamos ante a aplicación do modelo neoliberal que pretende pór en venda todos os servizos que prestan as administracións públicas: sanidade, servizos sociais, limpeza, etc.

Non sabemos se o actual servizo de xardíns prestado polos traballadores e traballadoras do concello custa os 90.000€ que pretende pagarlle o PP á empresa, mais tendo en conta que a empresa vai tratar de tirar o máximo beneficio posíbel do servizo moito nos tememos que como en todas as privatizacións serán os traballadores e traballadoras os principais perxudicados/as vendo como as súas condicións laborais empeoran.

No programa de goberno que o PP presentou nas últimas eleccións municipais non falaba nada de privatizar ningún servizo. Só falaba xenericamentede mellorar a súa xestión e o seu custo, cousa que non se vai acadar mediante o uso dunha empresa.

Resultan chocantes as coincidencias entre a anterior tenente de alcalde do BNG, Pilar Blanco, e a actual alcaldesa e anterior opositora á hora de levar adiante políticas similares. Igual que resulta chocante o silencio cómprice dunha oposición que vai de manifestación contra a privatización da sanidade a Pontevedra mentres eles fan o mesmo ou miran para outro lado.

As administracións públicas están para servir aos cidadáns e mellorar as suas condicións de vida, non ao servizo de grandes empresas que se lucran das privatizacións de servizos públicos. Os distintos partidos que pasaron polo goberno do concello de Marín caracterizáronse, independentemente da denominación ideolóxica que se deran, por practicar unha política neoliberal sen contar coa opinión dos veciños e veciñas.

A ARMH de Marín organiza actos de homenaxe aos fusilados o 31 de decembro de 1936

Unha vez máis, como vén acontecendo desde os últimos anos, a Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica de Marín organiza un acto de homenaxe aos veciños de Marín fusilados o 31 de decembro de 1936 polos fascistas. O acto terá lugar no paseo Antonio Blanco (o paseo do porto) a partir da 13h e contará coa presenza de Xosé Álvarez Castro, autor do blogue “Pontevedra nos anos do medo”.

Este ano a ARMH de Marín amplía o número de actos arredor desta efeméride e organiza tamén para o xoves 29 a partir das 20h na biblioteca de Marín a proxección do documental, realizado por Teo Manuel Abad, “Flores Tristes”, premio Mestre Mateo á mellor longametraxe documental. 

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo rexeita os polígonos no espazo protexido

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, da que o Colectivo Nacionalista fai parte, vén de tirar un comunicado rexeitando a declaración de supramunicipalidade para o Plan Sectorial de Áreas Empresariais de Galiza e os polígonos proxectados nos Montes do Morrazo. A seguir reproducimos o comunicado na súa integridade.

Ante a declaración de supramunicipalidade, a comezos de decembro por parte do Consello da Xunta, para o Plan Sectorial de Áreas Empresariais de Galicia e posterior presentación do mesmo por parte do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo quere amosar o seu rexeitamento á construción dos polígonos industriais proxectados neste espazo protexido.

Este plan sectorial pretende construír até 2024 uns 42,7 millóns de metros cadrados repartidos en 119 novos polígonos que se virían sumar aos 19 millóns de metros cadrados dos 213 polígonos existentes en toda Galicia. O desenvolvemento de cada un destes novos parques ficaría condicionado a que existise unha demanda mínima dun 30% dacordo cun rexistro de demandantes.

Mais o que non conta a Xunta é que segundo os datos tirados dapáxina de Xestur, organismo dependente do Instituto de Vivenda e Solo da Xunta que se encarrega de xestionar parte do solo industrial galego, só na provincia de Pontevedra hai até un total 386 parcelas baleiras nos polígonos xa construídos e que suman 1.463.566 metros cadrados dispoñíbeis para todas aquelas empresas que as queiran ocupar sen necesidade de construír novos polígonos.

Este plan prevé tres zonas industriais nos Montes do Morrazo, unha no monte Pornedo de 375.000 metros cadrados, outra na Cruz da Maceira de 460.000 metros cadrados e aínda outra máis na Pastoriza de 1.152.021 metros cadrados que suman un total de case 2.000.000 de metros cadrados a recualificar neste espazo natural protexido polas normas subsidiarias provinciais.

A construción destes 3 polígonos industriais nun espazo natural protexido como son os Montes do Morrazo causaría un enorme e irreversíbel impacto ambiental, paisaxístico e patrimonial nunha área natural de grandes desniveis, na que nacen ríos como o Lameiriña, Loira ou o río da Fraga, e que ademais conta cunha grande e diversa riqueza natural (flora e fauna), xeolóxica e arqueolóxica (mámoas e petróglifos), que en total se verían ameazadas e/ou directamente destrozadas coa construción destes polígonos.

Tamén hai que ter en conta o grande impacto que producirán a construción ou adecuación do viais necesarios para conectar estes polígonos, principalmente a adecuación da estrada PO-313 Moaña Marín, xa planificada no seu momento no Plan Vigo Integra, e que xa fora rexeitada por toda a veciñanza dos núcleos de poboación afectados, Broullón, Miñán e Pardavila. Así como as molestias que causarán o continuo tráfico de camións e o propio funcionamento dos polígonos nestes núcleos e noutros como A Pastoriza, A Fraga máis os da Pena e O Caeiro na parroquia de San Xulián.

A construción destes novos polígonos, co seu grande desembolso económico e impacto ambiental, non son ningunha solución para sairmos da crise. Esta crise non foi causada pola falta de espazo industrial, senón que foi causada pola especulación e voracidade do sistema capitalista, polo que a creación de polígonos industriais non garante que se vaian crear postos de traballo. Estes polígonos xa foran planificados antes da crise, cando prevalecía a especulación urbanística e na que un parque industrial era sinónimo de recualificación de solo rústico a baixo prezo para despois vendelo ás empresas por un prezo moito maior, ficando en moitos casos naves baleiras ou cun uso distinto do industrial pola falta de comprador.

A demanda de solo empresarial e industrial no Morrazo non é real como para xustificar a construción destes 3 novos polígonos como así o demostra a decisión hai un ano da propia Xunta de reducir á terceira parte o proxecto inicial de 1.500.000 de metros cadrados a recualificar, entre os montes de Aldán e Beluso, do Parque Empresarial e Industrial do Morrazo (PEIM) en Castiñeiras, recoñecendo que non existía tal demanda empresarial e que a crise así o condicionaba.

Fronte ao criterio da Xunta do 30% da demanda mínima para desenvolver un polígono, a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo considera que antes se deben encher os polígonos existentes, xa que aínda non teñen todo o seu espazo ocupado, e o resto da oferta de solo empresarial e industrial, no caso de ser necesaria, debe adaptarse á demanda real apostando por áreas municipais máis pequenas, cunha ocupación total de parcelas, fóra de espazos naturais e protexidos e cun menor impacto no medio.

A Xunta volta marxinar a Marín nos orzamentos para o 2012

Os orzamentos elaborados para o 2012 pola Xunta esquecen unha vez máis á nosa vila. Nin para os gobernos do PP de Fraga, nin para o bipartito, nin para o goberno do PP de Feijoo Marín merece a atención.

En ditos orzamentos só aparecen reflectidos os cartos destinados a rematar a eterna obra da variante de Marín, non sendo contempladas partidas destinadas ao centro de saúde, auditorio, escola infantil de Seixo que a Sra. Ramallo, actual alcaldesa, prometera durante a última campaña electoral das municipais. Unha vez máis comprobamos que as promesas electorais fican só niso, en promesas sen dotación orzamentaria que as materialice.

O centro de saúde que nos venderon desde a Consellaría de Sanidade, nun lote para todo o país e que ía ser unha realidade inminente, estaba previsto que fose financiado de xeito privado. O Consello e Contas instou á Xunta a limitar o modelo de financiamento público-privado dos proxectos de obra pública (estradas, centros de saúde, hospitais…) por poñer en perigo a sustentabilidade das finanzas públicas da comunidade autónoma, polo que o Sergas renunciou a este sistema.

Ao ter que limitar este xeito de financiamento economicamente desastroso o PP renuncia a facer os centros de saúde, negándose a usar as formas habituais de investimento público que son totalmente viábeis e que permitirían afrontar a construción dun centro de saúde digno para a nosa vila.

Estamos ante un proxecto de orzamentos que afonda aínda máis nos recortes en materia social, de sanidade, en educación ou infraestruturas públicas. O Partido Popular galego segue o modelo neoliberal que xa aplica en Madrid ou Castilla La Mancha e que manda ao paro a moit@s traballadores/as públic@s eventuais e que non é capaz de crear nin manter o emprego no sector privado. Este modelo agrava a recesión económica e desvía fondos públicos ao sector privado para manter os beneficios económicos dos especuladores financeiros.

Neste corto período de tempo que leva gobernando o PP no concello de Marín o único que se conseguíu da Xunta foron unha chea de visitas de concelleiros e altos cargos que trouxeron consigo máis promesas que cartos e unha triste realidade, a desaparición do servizo da ambulancia nocturna, escasa bagaxe para o “goberno máis preparado” da historia da nosa vila.

Os veciños e veciñas de Marín estamos fart@s da marxinación á que nos condena a Xunta, independentemente da cor política que a xestione. Ano tras ano temos que ver como outros concellos se ven beneficiados mentras o noso fica atrás e segue sen novo centro de saúde, auditorio ou moitas outras infraestruturas tan necesarias para a nosa vila.

Manifestación contra a renovación das AAI a Ence-Elnosa

O Colectivo Nacionalista quere amosar o seu apoio á manifestación convocada pola APDR este venres 21 de outubro ás 20:30h en Pontevedra e fai un chamamento a toda a veciñanza da ría a participar masivamente na mesma.

Múltiplos colectivos, asociacións e cidadanía en xeral téñense manifestado en contra da permanencia na ría por máis tempo do complexo Ence-Elnosa. A pesares destas manifestacións os gobernos de distintas cores que pasaron pola Xunta non fixeron nada non só para adiantar senón para que no ano 2018 feche a empresa. Máis ben todo o contrario, se o bipartito hai 3 anos lle concedeu á empresa as Autorizacións Ambientais Integradas, é agora o PP quen llas pretende renovar novamente.

Estas AAI que foron aprobadas “in extremis” no ano 2008 permítenlle a Ence-Elnosa contaminar por riba do permitido pola Lei de Augas Residuais Urbanas, chegando incluso a verquer, segundo a APDR, mercurio e cadmio á ría cando estes elementos non están presentes en ningunha das materias primas que empregan calquera das dúas empresas, práctica totalmente prohibida pola lei de augas.

A presenza do complexo Ence-Elnosa non só hipoteca o futuro económico e ecolóxico da nosa ría e comarca senón que tamén compromete e pon en perigo a biodiversidade de toda Galiza. A instalación da pasteira durante o franquismo conlevou unha política forestal que primou a plantación do eucalipto para abastecer de materia prima á empresa mudando totalmente a paisaxe dos montes galegos.

A veciñanza da ría está farta xa de promesas, palabras e intencións que non van máis alá diso, promesas e intencións. Queremos feitos, pasos adiante cara o desmantelamento do complexo e por iso reclamamos como o primeiro paso a dar a non concesión das autorizacións ambientais integradas por parte da Xunta.

Charla coloquio en Moaña sobre o parque eólico do Morrazo

Este xoves a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, da cal o Colectivo Nacionalista fai parte, organiza unha charla coloquio en Moaña sobre o parque eólico do Morrazo. A seguir reproducimos a nota de prensa enviada aos medios pola Plataforma.

O próximo xoves 20 de outubro terá lugar en Moaña unha charla informativa sobre o parque eólico previsto para o Morrazo, na zona de Pedras Negras, e que abarcaría os concellos de Marín, Vilaboa e Moaña. Desenvolverase no 1º andar da praza de abastos e Moaña ás 20h. No acto intervirán Cándido Martínez, representante de Luita Verde, e Damián Copena, profesor da Universidade de Vigo.

O parque eólico de Pedras Negras está promovido pola empresa transnacional italiana Enel Green Power España, empresa que ten agredido o medio ambiente coa construción de parques eólicos noutras zonas mesmo do Estado español tendo sido así mesmo sentenciada a nivel xudicial por delito ecolóxico.

A instalación deste parque eólico suporía a instalación de 14 aeroxeneradores de grandes dimensións (119 metros de altura de buxe e 112 metros de diámetro de rotor), a ocupación dunha explanada de 17×17 metros de superficie por cada aeroxenerador, a apertura de novas vías e ampliación en ancho de pistas forestais existentes, que en total suman 17.302 metros lineais de vías entre os de acceso e interiores, 15.702 metros de gabias para instalación de cable eléctrico e de comunicacións e unha subestación eléctrica.

Impacta severamente na paisaxe dunha área que está entre os 500 e os 600 metros de altitude e que pasan por ser as mais altas do Morrazo e con amplas vistas cara ás Rías Baixas, as serras entre Pontevedra e Ourense mais as do Sur de Pontevedra cara a Portugal.

Os habitantes do Morrazo temos que saber o que pretenden instalar nun monte protexido polas normas subsidiarias provinciais, e non enfrontarnos a unha política de feitos consumados. Desde a Plataforma pola defensa dos Montes do Morrazo pretendemos dar a coñecer este proxecto e facelo público, cousa que debería facer a administración responsábel (a Xunta) e non fai.

Rexeitamos a instalación dun parque eólico en Pedras Negras polo seu impacto negativo e facemos un chamamento para que os veciños de Moaña, e do Morrazo, asistan a este acto informativo para coñecer as repercusións do proxecto.

Éxito da manifestación pola sanidade pública en Marín

A manifestación convocada para este venres 14 de outubro resultou ser un éxito ao verse respaldada a convocatoria por centos de veciños e veciñas de Marín. A manifestación convocada pola Plataforma pola sanidade de Marín para protestar polo recorte no servizo do 061 e pedir a construción do novo centro de saúde saiu da alameda pouco despois das 20:30 da tarde e percorreu diversas rúas de Marín até rematar ás portas do concello onde un traballador do 061 leu un manifesto elaborado para a ocasión pola plataforma.

O Colectivo Nacionalista que fai parte da plataforma acudíu a esta manifestación xunto con militantes da Frente Popular Galega (FPG) e de Adiante baixo o lema “Que a nosa saúde non pague a súa crise, sanidade 100% pública”

.

Que a nosa saúde non pague a súa crise, non á privatización da sanidade

Desde o comezo da crise tanto o goberno do estado (PSOE) coma o da Xunta (PP) seguindo o ditado do deus mercado, a quen ninguén lle pon cara, están a aplicar unha serie de medidas para salvar un sistema, o capitalista, que fai augas por todas partes. Un sistema que favorece ao 1% da poboación mentres condena ao outro 99% a suplicar as migallas do pastel que deixa o capital.

Mais estas medidas son selectivas, só afectan á clase traballadora, a aqueles e aquelas que xa sufrían para chegar a fin de mes antes da crise. Reforma laboral, reforma das pensións, subida do IVE, dos combustíbeis, dos alimentos… para nós, a clase traballadora, mentres os grandes bancos e grandes empresas, auténticos e únicos culpábeis da crise, reciben axudas multimillonarias e os seus directivos se embolsan verdadeiras fortunas como compensación polo “traballo feito”.

O grande capital que xa tirou grandes beneficios doutros sectores produtivos dirixe agora outra vez o seu punto de mira cara o sector público. Se hai anos o seu obxectivo foron os monopolios públicos de sectores estratéxicos que se venderon a prezo de saldo, como Telefónica, Repsol, Enagás, Iberdrola, Argentaria, etc agora tocan sectores como a sanidade, os servizos sociais, a educación e outros servizos fundamentais para toda a cidadanía.

A aprobación da Lei 15/97 de Novas Formas de Xestión na Sanidade, cos votos de PSOE, PP, PNV, CIU e CC abríu o camiño legal que permite transformar o sector público sanitario nun mercado e en consecuencia na nova oportunidade de negocio que andaba a procurar o grande capital.

As privatizacións de servizos como lavandería, limpeza, cociña, laboratorios, cita previa, etc en hospitais e centros de saúde non son máis que a primeira incursión do grande capital no sector sanitario público. A política de recortes aplicada pola Xunta de Galiza na sanidade está dirixida a provocar un continuo deterioro do sistema público co fin de poder xustificar posteriormente a súa privatización diante da poboación.

O estado español non se caracteriza precisamente por ser un dos da UE dos 25 que máis invista en servizos públicos, se a isto lle sumamos que Galiza pola súa banda tampouco é a comunidade dentro do estado que máis cartos lle adique á sanidade, estes recortes deixannos claro que a súa finalidade é darlle a última estocada a un sector público, como o da sanidade, fundamental para toda a cidadanía.

Tanto PSOE coma PP equivócanse intencionadamente nas medidas tomadas, xa que cargan todo o peso da crise enriba dunha clase traballadora condenada practicamente á excravitude e a non ter dereitos sociais no canto de lle subir os impostos ás grandes fortunas que só tributan un 1% e perseguir unha fraude fiscal que daría para pagar outro sistema sanitario tal como o que temos agora.

É dentro desta política de precarización da sanidade e contra os dereitos sociais e laborais contra a clase traballadora onde temos que enmarcar a medida de recortar o servizo do 061 en Marín. Un servizo necesario e fundamental xa que da súa rápida e eficaz resposta depende a vida de moitas persoas en casos como os infartos ou accidentes de circulación. E se o tempo que tarda en chegar unha ambulancia depende principalmente da distancia que teña que percorrer até o lugar requerido é necesario termos unha ambulancia as 24 horas nun concello como o de Marín.

Aínda estamos á espera de saber cales foron os criterios usados por parte da Consellaría de Sanidade para decidir suprimir polas noites o servizo do 061 en Marín, e preguntámonos se isto non será un primeiro paso para suprimir o servizo enteiro. Mais o que si xa sabemos é que aumentou o tempo de resposta dunha ambulancia polas noites en Marín. Que non se cubren xa todos o servizos, invitando aos/ás pacientes a desprazárense nos seus vehículos até os centros de saúde ou hospitais para ser atendidos/as.

Desde o Colectivo Nacionalista de Marín facemos un chamamento á toda a cidadanía de Marín a amosar o seu rexeitamento contra a medida de redución do servizo do 061 e contra os recortes na sanidade levados a cabo pola Xunta de Galiza na manifestación convocada para este vindeiro venres 14 ás 20:30 desde a alameda de Marín. Só coa mobilización de todos e todas conseguiremos parar este ataque brutal do grande capital e os seus esbirros nos distintos gobernos contra os servizos púbicos e os nosos dereitos.

 

O CN presenta comentarios ao documento de inicio do procedemento de avaliación de impacto ambiental do parque eólico de Pedras Negras

O Colectivo nacionalista, que fai parte da Plataforma en defensa dos Montes de Morrazo, vén de presentar diante da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas unha serie de suxerencias e comentarios ao documento de inicio do procedemento de avaliación de impacto  do parque eólico de Pedras Negras que afecta aos Montes do Morrazo. Ditas suxerencias pódense ver no seguinte documento.

 

Demandamos a rescisión do contrato a Urbaser e un servizo público de recollida do lixo en Marín

A privatización do servizo de recollida do lixo foi unha medida que no seu momento causou unha grande polémica entre a veciñanza de Marín. Fomos moitos os veciños e veciñas de Marín os que protestamos nos plenos e nunha das maiores manifestacións da historia de Marín contra a decisión tomada naquela altura polo goberno formado polo PSOE e os que agora fan parte de Mar-IN. A privatización deste servizo supuxo para a veciñanza ademais dun enorme deterioro na calidade do servizo unha forte subida do prezo, pasando a triplicarse o recibo.

Desde que a empresa concesionaria, Urbaser, se fixera cargo do servizo foron moitas as notas de queixa por parte do Colectivo Nacionalista con respecto ao incumprimento do pliegue de condicións asinado entre o concello e a empresa concesionaria. O incumprimento de lavar os colectores de lixo cada 15 días no verán e o cheiro destes foi unha das principais queixas por parte da veciñanza en todos estes anos.

Moitos somos os veciños e veciñas, concienciad@s coa importancia da reciclaxe, os que nos sentimos estafad@s e vemos confirmadas agora as nosas sospeitas de que o noso traballo de separar o lixo non servía para nada, cando coñecemos que a Consellaría de Medio Ambiente vén de lle abrir un expediente á empresa concesionaria encargada da recollida do lixo en Marín por non separar as bolsas dos distintos colectores nos seus camións.

No Colectivo Nacionalista estamos, e sempre estivemos, en contra da privatización de calquera servizo público, e así o temos manifestado e distintas ocasións. As empresas que pasan a xestionar estes servizos réxense pola obtención de beneficios e aforro de custes, o que ao final acaba repercutindo nas condicións laborais dos traballadores e traballadoras e na cidadanía en xeral que ve como empeora a calidade do servizo.

Desde o Colectivo Nacionalista consideramos que esta é a gota que enche o vaso por parte da empresa concesionaria e reclamamos do concello de Marín, responsábel subsidiario, unha investigación desta fraude e a rescisión do contrato con esta empresa e a recuperación do servizo.

Tamén queremos que se clarifiquen publicamente as responsabilidade políticas dos que tiñan e teñen a área de Medio Ambiente, que debían controlar o cumprimento do contrato por parte da empresa e adicáronse a deixarlle facer e desfacer durante estes anos.

Alén disto, desde o Colectivo Nacionalista consideramos inviábel tanto económica como medioambientalmente o actual proceso de tratamento do lixo a través da empresa mixta Sogama. A incineración dos residuos que realiza esta empresa representa un grande perigo para o medio e a saúde das persoas ao se xerar durante a queima do lixo distintos compostos moi tóxicos, como o cadmio, que saen polas chemineas e que logo se desprazan polo ar.

Frente a este modelo que ofrece a Xunta para o tratamento do lixo e polo que apostou e aposta actualmente o concello de Marín, no Colectivo Nacionalista apostamos por un modelo máis racional e respectuoso co medio baseado na redución, reutilización, reciclaxe e compostaxe do lixo. As vantaxes que ten este modelo con respecto ao da incineración son enormes, as plantas de compostaxe, funcionando mal, chegan a reciclar até o 34% do lixo que reciben frente ao 8% de Sogama. Reclamamos pois do noso concello que estude a posibilidade de sair de Sogama e apostar por un modelo sostíbel do tratamento do lixo.

 Marín, 19 de agosto de 2011.