O vindeiro mércores día 2 de maio o Colectivo Nacionalista de Marín organiza unha charla-coloquio ás 20h na biblioteca municipal de Marín sobre Palestina, a situación no mundo arabe despois revoltas do ano pasado e as continuas ameazas de invasión a Siria e Irán.
Para nos explicar a situación na que está o pobo palestino na actualidade, cal é o día a día d@s palestin@s, os múltiplos atropelos aos que se ven sometid@s a diario por parte do estado israelí, cales son as súas esperanzas, que pasos se teñen dado cara a solución do conflito e a transcendencia que tiveron as revoltas nos paises arabes durante o ano 2011 en Palestina contaremos coa presenza do militante da histórica organización Frente Popular de Liberación de Palestina, Faiez Badawi.
Faiez Badawi, filólogo, analista político e profundo coñecedor do mundo arabe naceu en 1955 no campo de refuxiados de Tal Az- Zatar, ao leste de Beirut. Despois da destrución deste campo en 1976 foi vivir cos seus pais a Chatila , onde foi testemuña da matanza inspirada por Ariel Sharon no ano 1982. Hoxe en día é o embaixador da Frente Popular de Liberación de Palestina no estado español.