O Goberno municipal do PP de Marín súmase ás medidas de recorte aprobando en solitario o plan de axuste económico. Con estas medidas vai incrementar as taxas e impostos municipais e reducir persoal no concello.
Segundo o publicado en diversos medios de comunicación a suba de taxas vai ser de aproximadamente 12 euros anuais durante 10 anos, é dicir 120 euros. A redución de persoal pensan facela coa eliminación do 30% das prazas vacantes do persoal do concello.
Imos padecer unha suba para pagar a amortización e os xuros dun préstamo que non é necesario para afrontar as débedas do concello de Marín que, como xa manifestaron os grupos da oposición, poden ser asumidas dunha forma máis económica acudindo a un expediente de recoñecemento extraxudicial de crédito.
O PP carga sobre o pobo de Marín un préstamo a dez anos que no fondo é unha coartada para subirnos os impostos e reducir persoal. Súmase á política de recortes e “austeridade” que incrementa o paro e a presión fiscal sobre a poboación sen tocar os máis ricos.
Marín ten nestes momentos 2.744 parados (datos do Servizo Público de Emprego a febreiro de 2012) que forman parte dos case 6 millóns que hai no estado español, e van ter que padecer un incremento da presión fiscal.
Os que prometeron que ían acabar co paro e non aumentarían os impostos subíron o IRPF, conxelaron os salarios dos traballadores/as das administracións públicas, están introducindo o copago en servizos sociais e van subirnos os recibos da luz un 7% e do gas un 5%. Todo o que prometeron en campaña electoral estano incumprindo agora sistematicamente.
Despois da masiva contestación ás políticas do PP dada polos traballadores/as na recente Folga Xeral, deberían rectificar e apostar por outro modelo económico. Demandamos do goberno municipal que rectifique esta política de endebedamento da administración local e de presión sobre a cidadanía.