Estas verbas deste dirixente de Encontro Irmandiño nos meios de comunicación convidan a reflexionar acerca das verdadeiras causas da ruptura desta corrente co BNG. Onde están as diferenzas ideolóxicas, de programa, que motivan esta separación. Se non hai diferenzas políticas nin de programa, por que se produce esta creba? Nos últimos anos a deriva ideolóxica e a práctica neoliberal do BNG nas distintas institucións onde gobernou ou cogobernou non foron criticadas por ningunha das correntes disidentes. As desercións foron contadas e as voces discordantes contra esta liña política non se escoitaron por ningures.
Nos concellos e na Xunta a actuación de goberno foi contestada na rúa por movementos ecoloxistas e sindicatos para denunciar a política clientelar e a aposta por proxectos insustentábeis. A creación de empresas e o pulo a Fundacións para xestionar o que facian traballadores/as da administración autonómica nos montes ou a aposta pola xestión privada da atención a menores desamparados forman parte do legado dos cargos do BNG. Nos concellos continúan a privatizarse servizos públicos mentres en Santiago convocan manifestación contra as privatizacións; menuda coherencia. Exemplos dunha acción política asumida por todas as correntes, confortadas pola moqueta e o coiro do coche oficial que hoxe non hai para todos.
O Plano Eólico ou o Plano Acuícultura, asumidos polo goberno actual do PP, representan a implantación de industrias de enclave propias dunha economía colonial: unha política de campionato. Os que nos opuxemos, organizacións como Galiza Non se Vende, fomos declarados proscritos e culpabilizados da posterior derrota do bipartito. Podemos falar tamén da política urbanística dos gobernos municipais do BNG, de norte a sur e de leste a oeste, caracterizada por unha aposta polo ladrillo, a especulación e a espoliación da costa. Elaboraron en Vigo, Moaña ou Marín, por poñer uns exemplos que nos caen preto, uns plans de urbanismo que só se poden calificar de salvaxes e especuladores e ao dictado dos intereses empresariais. O que paga manda.
Especial mención podemos facer do acontecido en Cangas con Massó onde os moderados da frente se aliaron claramente cos promotores dun porto deportivo e unha urbanización contra a opinión maioritaria dese pobo. Non vale nesta ruptura o argumento do comunismo, do leninismo, para xustificar a situación de confrontación. Non é ideolóxico o combate: é simplemente a loita polo reparto de poder. As acusacións de leninismo que tanto se escoitan agochan a incapacidade de gañar asembleas e non se corresponden coa práctica real do partido dominante que só usa a fouce o martelo como elemento decorativo. Aínda que hai que recoñecer que os métodos da UPG poden chegar a ser “mafiosos”, sen ser exclusivos deste partido.
A ruptura é a consecuencia lóxica da deriva dun proxecto que optou por facer fóra de tempo a transición e imitar ao PCE na súa asimilación polo sistema, escollendo ser unha parte máis do sistema, aportando un toque “galeguista” á oferta electoral. Pero o pecado máis grande da dirección do BNG, dos que quedan e dos que marchan, foi coverter unha forza política rupturista e defensora do dereito a autodeterminación de Galiza, que aglutinou unha parte importante do nacionalismo deste país, nunha axencia de colocación electoral/institucional acomodada nos escanos parlamentares e que deu as costas á rúa, ás mobilizacións obreiras, aos defensores da costa, do monte, dos ríos. En defintiva, que deu as costas a Galiza en prol da acumulación de poder.
Que vai pasar agora? Imos ter un BNG 2.0? O tempo dirá, mais o que necesita este país neste momento de ofensiva salvaxe do capitalismo é facerlle fronte á reforma laboral, á desaparición do sector público. O que precisa este país e centrar as forzas na defensa dos nosos sectores produtivos (naval, agro, pesca, etc.), en impedir que nos volvan colonizar con empresas que só buscan o beneficio rápido estragando o territorio.
O que non soa nada ben é recorrer a verbas como “nacionalismo do século XXI” ou “esquerda moderna”, moi usadas polos que se van para definir o seu proxecto político. Adxectivos xa vellos e moi usados polos voceiros do sistema e que pretenden a domesticación do lobo. O pobo galego, que non esquezamos que no seu día chegou a converter ao nacionalismo na segunda forza política do país, merece e necesita unha práctica política clara, honrada; necesita librarse das lampreas que chuchan o noso sangue. O verdadeiramente importante é librarnos de España e do Capitalismo. O resto, nin é importante nin a ninguén lle importa.