Arquivos mensuais: Febreiro 2012

Nacionalismo do século XXI

“A convivencia é posíbel nos concellos porque non hai conflitos políticos. A  política que imos facer é a mesma que xa estamos facendo” (Martiño Noriega).

Estas verbas deste dirixente de Encontro Irmandiño nos meios de comunicación convidan a reflexionar acerca das verdadeiras causas da ruptura desta corrente co BNG. Onde están as diferenzas ideolóxicas, de programa, que motivan esta separación. Se non hai diferenzas políticas nin de programa, por que se produce esta creba? Nos últimos anos a deriva ideolóxica e a práctica neoliberal do BNG nas distintas institucións onde gobernou ou cogobernou non foron criticadas por ningunha das correntes disidentes. As desercións foron contadas e as voces discordantes contra esta liña política non se escoitaron por ningures.

Nos concellos e na Xunta a actuación de goberno foi contestada na rúa por movementos ecoloxistas e sindicatos para denunciar a política clientelar e a aposta por proxectos insustentábeis. A creación de empresas e o pulo a Fundacións para xestionar o que facian traballadores/as da administración autonómica nos montes ou a aposta pola xestión privada da atención a menores desamparados forman parte do legado dos cargos do BNG. Nos concellos continúan a privatizarse servizos públicos mentres en Santiago convocan manifestación contra as privatizacións; menuda coherencia. Exemplos dunha acción política asumida por todas as correntes, confortadas pola moqueta e o coiro do coche oficial que hoxe non hai para todos.

O Plano Eólico ou o Plano Acuícultura, asumidos polo goberno actual do PP, representan a implantación de industrias de enclave propias dunha economía colonial: unha política de campionato. Os que nos opuxemos, organizacións como Galiza Non se Vende, fomos declarados proscritos e culpabilizados da posterior derrota do bipartito. Podemos falar tamén da política urbanística dos gobernos municipais do BNG, de norte a sur e de leste a oeste, caracterizada por unha aposta polo ladrillo, a especulación e a espoliación da costa. Elaboraron en Vigo, Moaña ou Marín, por poñer uns exemplos que nos caen preto, uns plans de urbanismo que só se poden calificar de salvaxes e especuladores e ao dictado dos intereses empresariais. O que paga manda.

Especial mención podemos facer do acontecido en Cangas con Massó onde os moderados da frente se aliaron claramente cos promotores dun porto deportivo e unha urbanización contra a opinión maioritaria dese pobo. Non vale nesta ruptura o argumento do comunismo, do leninismo, para xustificar a situación de confrontación. Non é ideolóxico o combate: é simplemente a loita polo reparto de poder. As acusacións de leninismo que tanto se escoitan agochan a incapacidade de gañar asembleas e non se corresponden coa práctica real do partido dominante que só usa a fouce o martelo como elemento decorativo. Aínda que hai que recoñecer que os métodos da UPG poden chegar a ser “mafiosos”, sen ser exclusivos deste partido.

A ruptura é a consecuencia lóxica da deriva dun proxecto que optou por facer fóra de tempo a transición e imitar ao PCE na súa asimilación polo sistema, escollendo ser unha parte máis do sistema, aportando un toque “galeguista” á oferta electoral. Pero o pecado máis grande da dirección do BNG, dos que quedan e dos que marchan, foi coverter unha forza política rupturista e defensora do dereito a autodeterminación de Galiza, que aglutinou unha parte importante do nacionalismo deste país, nunha axencia de colocación electoral/institucional acomodada nos escanos parlamentares e que deu as costas á rúa, ás mobilizacións obreiras, aos defensores da costa, do monte, dos ríos. En defintiva, que deu as costas a Galiza en prol da acumulación de poder.

Que vai pasar agora? Imos ter un BNG 2.0? O tempo dirá, mais o que necesita este país neste momento de ofensiva salvaxe do capitalismo é facerlle fronte á reforma laboral, á desaparición do sector público. O que precisa este país e centrar as forzas na defensa dos nosos sectores produtivos (naval, agro, pesca, etc.), en impedir que nos volvan colonizar con empresas que só buscan o beneficio rápido estragando o territorio.

O que non soa nada ben é recorrer a verbas como “nacionalismo do século XXI” ou “esquerda moderna”, moi usadas polos que se van para definir o seu proxecto político. Adxectivos xa vellos e moi usados polos voceiros do sistema e que pretenden a domesticación do lobo. O pobo galego, que non esquezamos que no seu día chegou a converter ao nacionalismo na segunda forza política do país, merece e necesita unha práctica política clara, honrada; necesita librarse das lampreas que chuchan o noso sangue. O verdadeiramente importante é librarnos de España e do Capitalismo. O resto, nin é importante nin a ninguén lle importa.

Contra a reforma laboral, Folga Xeral!

A reforma laboral, que vén de aprobar o PP, supón un enorme salto cualitativo e cuantitativo en canto á perda de dereitos dos traballadores e traballadoras con respecto a todas as reformas laborais feitas con anterioridade, traspasando as liñas vermellas que separan o dereito ao traballo da escravitude.

Con esta reforma o Partido Popular apuntala o enorme poder do capital en detrimento da clase traballadora ao retrotraernos aos inicios do capitalismo onde non existía ningún tipo de regulación. Esta reforma bota por terra todos os dereitos laborais adquiridos durantes moitos anos de loita obreira.

Ningún sector da sociedade vai escapar dos efectos desta reforma, traballadores/as temporais ou indefinidos/as, do sector público ou privado, novos/as ou vellos/as, desempregados/as, todos/as vamos padecer as consecuencias deste brutal ataque á clase traballadora.

Esta enéxima reforma laboral extende a precarización laboral a todos os ámbitos do traballo. Impón o despedimento libre e sen garantías a nível individual e colectivo. Facilita o despedimento por causas económicas sen a autorización previa da autoridade laboral, abarata o despedimento en todos os contratos. Crease un contrato non causal dun ano sen indemnización, podendo chegar a estar un ano nunha empresa e ser despedido/a por non superar o período de proba.

Un dos aspectos máis negativos é a condena á precariedade e a salarios de miseria para as persoas de entre 16 e 30 anos, que poderán encadear contratos en formación durante todo ese período de tempo e cobrando por baixo do salario mínimo. A solución á ecuación está clara: despedirán aos pais/nais para contratar aos fillos/as aos que lles pagarán moito menos.

Desde a chegada ao goberno, o PP deixou claro que ía ser a clase traballadora quen ía pagar a crise que provocaron os bancos e grandes empresas. As medidas fiscais, laborais, conxelacións salariais ao persoal das administracións, os recortes no ensino, sanidade ou servizos sociais, só serven para desviar recursos económicos do traballo cara o capital. Os traballadores/as estamos incrementando os beneficios das grandes empresas e dos bancos a costa de perder dereitos.

Continuando o traballo do PSOE e do goberno de Zapatero, o Sr. Rajoy e Cía. como se fosen un goberno intervido como o de Portugal e Grecia, implementan un programa neoliberal ao ditado de “Europa”, convertindo o estado español nunha “monarquía bananera” sen soberanía e ,xa que logo, sen capacidade de decisión propia.

A reforma laboral non axudará a crear emprego, como xa afirmou o ministro de facenda, posto que o desemprego non é unha consecuencia do respecto e mantemento integro dos dereitos dos traballadores e traballadoras. Esta reforma laboral non vai solucionar problemas como o de Factoría Naval, en todo caso facilitará o ERE da empresa sen a intervención da administración.

O futuro que nos agarda á clase traballadora de non nos mobilizar é a continua perda de dereitos laborais e sociais até nos converter nos escravos do século XXI para superar unha crise que os traballadores e traballadoras non provocamos mentres os verdadeiros culpábeis seguen sen ser xulgados e condenados.

Desde o Colectivo Nacionalista facemos un chamamento á mobilización de toda a cidadanía para frearmos este novo ataque contra os dereitos de todos e todas que supón esta nova reforma laboral.


Máis de 250 persoas participan no roteiro en contra do parque eólico

Algo máis de 250 persoas, a pesares do mal tempo, participaron este domingo, 5 de febreiro, no roteiro polos Montes do Morrazo en contra do parque eólico que Ener Green Power quere instalar neste espazo protexido polas normas subsidiarias provinciais

Deixamos aquí unha crónica do roteiro elaborada pola Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, da cal o Colectivo Nacionalista fai parte.

Máis de 250 persoas desafiaron o intenso frío e a ameaza de chuva participando no roteiro organizado este domingo, 5 de febreiro, pola Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo para amosar o noso rexeitamento ao proxecto de instalación de parque eólico no Morrazo.
O roteiro comezou pasadas as 11 da mañá desde a área recreativa de Chan de Arquiña, onde un dos membros da plataforma, antes de sair, explicou que a empresa Enel Green Power pretede instalar un parque eólico nos Montes do Morrazo, espazo protexido polas normas subisidiarias provinciais.
Durante o traxecto, en distintas paradas, explicáronse as distintas afeccións que conlevará a instalación do parque eólico no medio, movemento de terras pola apertura e ampliación de pistas até un total de 17km, 15 km de gabias para soterrar o cableado, a instalación dunha subestación eléctrica…
Ao roteiro tamén asistiron membros do clube de parapente do Morrazo, o máis numeroso de Galicia, cuxa actividade, como tamén se explicou durante o percorrido, se vería enormemente afectada coa instalación dos muíños imposibilitando o seu despegue e voo nos Montes do Morrazo.
O intenso neboeiro e a posterior aparición da chuva fixeron que o percorrido proxectado para o roteiro se tivera que acortar, imposibitando tamén que @s numeros@s participantes puidesen gozar dunhas marabillosas vistas sobre as rías de Pontevedra e Vigo.
A numerosa asistencia a pesares das condicións climatolóxicas dan conta do firme compromiso da veciñanza da comarca coa protección do noso medio e en contra deste parque eólico. Somos sabedores tamén que de ter habido mellor tempo o número de participantes sería moito maior, por iso, queremos comunicar que cando chegue a primavera se volverá a organizar outro roteiro acompañado de múltiplas actividades.

Ver fotos

Acto 50º aniversario da 2ª Declaración da Habana

Este sábado tivo lugar en Marín un acto organizado polo CN, FPG, FOGA, PCPG e a Asociación de Amizade galego-cubana “Francisco Villamil” para conmemorar o 50º aniversario da 2ª Declaración da Habana.

No acto, ao que acudiron numerosas persoas, interviron para falar deste feito histórico o cónsul xeral de Cuba en Galiza, Alejandro Fuentes, e os xornalistas Gustavo Luca de Tena e Xurxo Rodríguez. Alén de falar da 2ª Declaración da Habana, o cónsul fixo unha descrición moi minuciosa da historia recente de Cuba e do coñecido como periodo especial despois da caída da Unión Sovietica.

A embaixada de Cuba no Estado Español dá tamén conta do acto na súa páxina oficial. Pódese ler premendo aquí

Pódese ler a declaración enteira premendo aquí.

Charla sobre os recortes en servizos sociais e sanidade

Arredor dunhas 40 persoas estiveron presentes na biblioteca municipal de Marín na charla organizada polo Colectivo Nacionalista de Marín e a Frente Popular Galega. Durante a charla os conferenciantes, Xiana López e Diego Lores, desmiuzaron os numerosos recortes que se están a producir na Galiza nos servizos sociais e en sanidade.

Diego Lores, da Oficina de Dereitos Sociais de Vigo, na súa intervención salientou que desde o comezo da crise non parou de crecer o número de fogares perceptoras do RISGA, até os 5400 a finais do 2011, mentres o orzamento destinado a esta axuda non se veu incrementado para acompañar esta cifra. Apuntou tamén que noutras comunidades do estado, destacando Euskadi e Nafarroa, se destinan máis cartos a esta axuda e, xa que logo, chega a moitos máis fogares e cunha contía mínima maior que a risga. Destacou que o grande estigma que teñen os servizos sociais xunto coas trabas burocráticas fan abandonar a moitas persoas os trámites, ficando finalmente sen percibir esta axuda.

Xiana López, traballadora social e militante da FPG, comezou a súa intervención falando do “estado do benestar” e os recortes que está a sofrer como unha estratexia,non só de Feijoo ou Rajoy, do capital que busca debilitar o sector público para poder xustificar despois a súa privatización. Despois de enumerar os distintos cambios normativos que facilitan a privatización dos servizos sanitarios, Xiana López, salientou que o gasto do estado español en servizos públicos está por debaixo da media da UE 15, negando así que se estea gastando demasiado no sector público.

Tamén e durante a charla se falou da “renda básica”, non como unha panacea que resolva todos os graves problemas sociais que sofren as poboacións que viven en sociedades capitalistas, senón como un mecanismo eficaz de recoñecemento dos dereitos humanos, da participación cidadá e da redistribución da renda, unha arma política que servise para abrir unha vía cara a unha sociedade alternativa ao capitalismo.

Ante os distintos recortes e reformas que están por vir fíxose un chamamento á mobilización cidadá para frear esta nova ofensiva do capital. Púxose como exemplo a marcha atrás na decisión da Xunta de deixar sen asistencia aos desempregados e desempregadas ante as numerosas protestas cidadás.