O Colectivo Nacionalista de Marín xunto con outras entidades ecoloxistas e ambientalistas do Morrazo vén de apresentar ante a Xunta de Galiza unha petición para que sexa retirada a batea depuradora da ría de Aldán, solicitando ao mesmo tempo o saneamento integral de todas as rías galegas como solución á contaminación por coliformes e metais pesados que afectan a rías como a de Pontevedra e ao marisco extraido da mesma. A seguir reproducimos na súa integridade a nota de prensa conxunta.
Os colectivos ecoloxistas e ambientalistas da comarca do Morrazo queremos advertir dos riscos biolóxicos da instalación da batea de depuración de moluscos na ría de Aldán procedentes de zonas contaminadas C, como a zona de Placeres na ría de Pontevedra e de Baiona, na ría de Vigo.
A zona de Praceres está diante da EDAR (Estación Depuradora de Augas Residuais) que trata as augas residuais da cidade de Pontevedra, Marín e Poio, máis as do complexo industrial ENCE-ELNOSA. Xa é dabondo recoñecido que en conxunto estiveron e están a contaminar a ría de Pontevedra non só con coliformes senón tamén con metais pesados.
A zona de Baiona estivo contaminada até hai pouco por falla de depuración das súas augas residuais. Na actualidade non estaría xustificado que se traian moluscos contaminados desta zona xa que dende xullo do ano pasado posúe unha estación depuradora municipal.
Salientamos que estes moluscos altamente contaminados de zonas C son aqueles que conteñen entre 6.000 e 60.000 coliformes fecais por cada 100 gramos de carne de bivalvo (ameixa, berberecho..) contaminado, que multiplicado polas 450 toneladas que a Xunta agora pretende “depurar” anualmente dá unha cantidade grande e contínua de bacterias fecais que se liberarán na ría de Aldán. Ao anterior hai que engadir a posible presencia de virus ou outros tipos de bacterias e axentes patóxenos que poidan portar estes moluscos. Isto pode alterar totalmente o equilibrio ecolóxico desta pequena ría afectando seriamente as comunidades de fauna (peixes e crustáceos) e “flora” (algas) mariñas. Finalmente pode ter serias consecuencias para a pesca de baixura, o marisqueo e mesmo o mexillón das bateas desta ría.
Por outra parte ademais de afectar unha zona A de marisqueo e un enclave natural con praias e augas conservadas, tamén afecta o LIC (Lugar de Importancia Comunitaria) de Cabo Udra, integrado na Rede Natura, debido a escasa distancia á que está situada a batea e o movemento das augas pola dinámica litoral.
A ría de Aldán nin ningunha outra en Galicia ten porque recibir este marisco contaminado nas súas augas. En concreto esta ría ten a importancia de ser unha das poucas zonas A, libres de contaminación, en toda a costa galega. Consideramos que esta medida sacada de urxencia e por motivos económicos pola Xunta de Galicia, non vén senón a tapar a inacción e a irresponsabilidade en materia de saneamento na xestión levada a cabo por esta administración pública dentro das súas plenas competencias nas últimas décadas. A pesar de dispoñer de recursos economicos, mesmo con subvencións europeas, ao final non levou a cabo o saneamento integral das rías (non chega a tódolos núcleos habitados mesmo no litoral, non se producíu a separación de augas pluviais das fecais en moitas zonas, a maioría das EDAR teñen deficiencias e/ou carencias no seu tratamento, mistúranse augas residuais urbanas con industriais,…) nin a retirada definitiva de empresas altamente contaminantes como ENCE-ELNOSA, incumprindo a Directiva Marco da Auga a nivel europeo e a lexislación en materia de verquidos e saneamento a nivel estatal e autonómico.
Esta medida cremos que vai quedar nun parche mal posto, tendo serias dúbidas de que se cumpra o dito polo INTECMAR, que o tratamento da batea vai ser inócuo para o medio. A proba máis clara xa a tivemos cando no mes de xullo do ano pasado a empresa Pescanova rexeitou a instalación da batea en Xove (Lugo) diante das súas plantas de Rodaballo, en base aos riscos bioloxicos anunciados polos técnicos desta empresa forzando á Xunta a buscar outra ubicación cando xa estaba aprobado e publicado no DOG.
Rexeitamos a instalación da batea depuradora na ría de Aldán e solicitamos a súa retirada por carecer das garantias biosanitarias necesarias.
Como alternativa esiximos que se realice o saneamento integral nas rías galegas, particularmente nas de Vigo e Pontevedra, a correcta depuración en orixe das augas residuais de Baiona e Pontevedra e bisbarra, e a retirada definitiva de ENCE-ELNOSA da súa actual ubicación en Lourizán.
Nestes mesmos termos e por escrito a rexistro nos diriximos este venres 13 de xaneiro á Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños da Consellería de Mar o Grupo Ecoloxista Luita Verde, Foro Social de Cangas, Colectivo Nacionalista de Marín, Grupo de Anelamento Anduriña e a Plataforma para a conservación do litoral de Bueu Anduxía.