Polo monolingüismo social

Outubro 15, 2009 at 1:31 pm | In Uncategorized | 1 Comment

Os cidadáns e as cidadás de Galiza saímos á rúa para defendermos a Lingua Galega dun proceso histórico de substitución que colle folgos da man das políticas institucionais dos inimigos do galego. Ante os ataques que pretenden consumar o exterminio da Lingua unimos forzas por volta de tres reivindicacións:

Un país socialmente monolíngüe en Galego en que cidadáns e cidadás escollan libremente o dominio e uso de outros idiomas. Recusamos o bilingüísmo harmónico por ser a farsa que permite con aparencias democráticas a substitución do Galego polo español, á vez que oculta un conflito como o lingüístico na retórica das liberdades individuais, cando este só pode ter solucións sociais e colectivas.

A reactivación da acción normalizadora de base en todas as frentes sociais. Se a supervivencia da lingua é fruto da vontade política do pobo que a fala, esta máxima ten aínda máis vixencia baixo institucións indiferentes ou contrarias á normalización que toleraron a súa minorización social nestes 30 anos de Autonomía.

Un novo marco legal superador da desigualdade xurídica existente entre Galego e español que garanta a hexemonía social da lingua do País nun futuro non lonxano. A defensa dos elementos de discriminación positiva existentes na lexislación actual non é o teito das nosas reivindicacións.

 Na Galiza, em 18 de Outubro de 2009

A pista de tenis

Outubro 6, 2009 at 1:07 pm | In Uncategorized | Leave a Comment

Recentemente desde o Concello de Marín, e máis concretamente o sr. Ruibal, anunciaba a inauguración da pista de tenis recentemente construída en San Pedro, detrás do pavillón, dicindo incluso que serviría para competicións oficiais.000_1915333

Parécenos ben que se fagan intervencións para dotar de instalacións deportivas a Marín, pero a pista de tenis que pretende inaugurar o sr. Rubial atópase a día de hoxe nun estado lamentable debido á falla de previsión á hora de realizar a obra. Situase nun nivel inferior á estrada, e deixaron á beira desta un desnivel de terra que agora invade a pista pola acción da choiva. As marabillosas cores con que foi pintada están embaixo dunha morea de area, o que fai impracticábel a práctica do tenis.

Esta actuación, non exenta de polémica, vai deixar sen un espazo libre de xogos a moitos rapaces, e non tan rapaces, que acudían alí a darlle unhas patadas a un balón e que agora non teñen un espazo alternativo onde facelo. É por isto que sería interesante que ademais de servir esta pista para o tenis puidera empregarse para outro tipo de actividades, xa que por moito que nos queiran vender desde o concello poucas “competicións oficiais” se van desenrolar alí.

Confiamos en que se estude e se poña en práctica esta posibilidade que permitiría rendabilizar estas instalacións dándolle máis alternativas de uso.

Marín, 6 de outubro de 2009.

Bloguea en WordPress.com. | Theme: Pool by Borja Fernandez.
Entries and comments feeds.