Solidariedade cos detidos en Cangas, non ao porto deportivo en Masso

Xullo 21, 2009 at 12:59 pm | In Uncategorized | Leave a Comment

Desde o Colectivo Nacionalista de Marín queremos amosar a nosa solidariedade coas persoas agredidas e detidas inxustamente onte en Cangas cando defendían a legalidade fronte a imposición dunha obra que vai arrasar co litoral e que só serve á especulación urbanística.

Solidarizámonos cos membros do Foro Social, de Ace, Luita Verde e de outros colectivos e persoas a título individual que onte tentaron paralizar unha vez máis as obras ilegais do porto deportivo en Massó.

Queremos denunciar publicamente a pasividade cómplice da alcaldesa do BNG, Clara Millán, que está permitindo que se realicen unha obras sen licenza municipal, e que coa súa actuación está demostrando que intereses defende realmente o BNG. Cangas ten unha alcaldesa que se agocha e escapa do concello para non recibir aos mariñeiros e aos membros do Foro, pero non ten ningún problema en permitir que empresas que pretenden apropiarse de terreo público destrocen o litoral. Non ten problemas en permitir que mallen nunha concelleira do seu equipo de goberno sen amosar a menor solidariedade con ela.

En Cangas o BNG e o PSOE están demostrando que gobernan igual que o faría o PP de Sotelo, enganando aos veciños na campaña electoral prometendo que non apoiaría o porto deportivo en Masso, e unha vez instalados na poltrona incumpren o pacto de goberno que asinaron e deixan facer con total impunidade.

Estamos ante unha política de acoso e criminalización das persoas que exercen os seus dereitos e defenden uns valores que non son os da especulación, o ladrillo e o formigón. A Garda Civil actúa en Cangas ao servizo dunha empresa privada, dos intereses de Caixanova, facendo funcións de matóns. Os que teoricamente teñen que defender a aplicación da lei e as normas son os que están amparando unha desfeita ecolóxica na ría provocada polos que pretenden enriquecerse a conta do pobo de Cangas. O subdelegado do goberno actúa como en tempos do máis rancio franquismo e reedita as imaxes das Encrobas, de Catrelo de Miño, e de tantos conflitos que deixaron imaxes que pensabamos que non se repetirían.

Demandamos a inmediata paralización das obras do porto en Massó e a posta en liberdade de todas as persoas detidas, e facemos un chamamento á participación nas mobilizacións previstas.

Marín, 21 de xullo de 2009.

Aínda non hai comentarios »

RSS feed for comments on this post. TrackBack URI

Deixa un comentario

XHTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <pre> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>

Bloguea en WordPress.com. | Theme: Pool by Borja Fernandez.
Entries and comments feeds.