ANTE A PROPOSTA DE NOVO HOSPITAL PARA ÁREA SANITARIA PONTEVEDRA NORTE
Xullo 1, 2009 at 10:35 am | In Uncategorized | Leave a CommentO Concello de Marín está integrado na Área Sanitaria Pontevedra Norte e, polo tanto, a nosa asistencia hospitalaria depende do CHOP, é dicir do Hospital Montecelo e do Hospital Provincial. Polo tanto, calquera proposta de ampliación ou construción dun novo centro hospitalario vai afectar ao pobo de Marín como parte integrante e usuaria desa área.
Diante da proposta feita polo Presidente da Xunta, e despois confirmada pola Conselleira de Sanidade, temos que manifestar que non entendemos como despois de gastar 47 millóns de euros na modernización de Montecelo e tendo en marcha un proxecto de ampliación, agora a Xunta o paralice para construír, teoricamente, un novo hospital. Paralizar a ampliación de Montecelo para facer un novo hospital, deixando en mans da iniciativa privada o proxecto, é un fraude para o conxunto da sociedade e non só para Pontevedra pois na súa Área Sanitaria hai moitos concellos, entre eles Marín (toda a zona norte da provincia de Pontevedra).
É unha tomadura de pelo propoñer un mini-hospital de 300-400 camas que só se entende cun cambio do modelo de xestión dos centros sanitarios hospitalarios reducindo o acceso aos hospitais e saturando a atención primaria. Esta redución de camas só pode entenderse desde a intención de favorecer os centros privados subvencionados pola Xunta, que teñen un peor servizo en asistencia, material e persoal, como puideron comprobar os que padeceron eses centros privados. Curiosamente cando se fixo a ampliación do Hospital Domínguez esta veu acompañada da perda de camas na atención pública.
Desde o PP pretenden importar o modelo que veñen implantando en Valencia e Madrid coa sanidade e a educación, e que están levando ao desastre a asistencia sanitaria nestas comunidades. Feijoo como bo aprendiz segue a liña de Camps e Esperanza Aguirre gobernando para os seus amigos e non tardará moito en regalar a xestión da sanidade a empresas privadas, a construción de hospitais ás grandes construtoras e a xestión da Atención Primaria ás empresas de saúde privada. Este modelo privatizador xa fracasou noutros países, como Inglaterra, e en Estados Unidos onde a sanidade pública non existe a asistencia para a maior parte dos seus cidadáns é nula.
Moito nos tememos que detrás desta proposta tamén se agoche un pelotazo urbanístico, pois mentres a conselleira di que se vai manter Montecelo, non se aclara que vai pasar co Provincial e os terreos que ocupa.
Outra preocupación que temos, e que non parece preocupar moito aos nosos políticos locais, é que vai pasar co novo centro de saúde de Marín. O PP desde que chegou á Xunta o único que fixo foi paralizar proxectos sen dar alternativas claras. Vai facer a Xunta o centro de saúde en Marín ou tamén vai parar este proxecto? Levamos anos esperando que desde a administración autonómica invistan algo en Marín e tanto o anterior goberno do PP como o bipartito tan só foron capaces de facer un apeadeiro.
É necesaria unha reacción contundente do conxunto da sociedade para evitar a privatización e o deterioro da Sanidade Pública. Tras a construción e xestión privada dos grandes hospitais o Partido Popular pretende ir máis alá e repartir entre as empresas de sanidade privada a atención primaria, os centros de saúde, como xa está facendo en Valencia. Menos medios, menos persoal, peor atención para beneficiar con cartos públicos a uns poucos.
Marín, 1 de xullo de 2009.
Aínda non hai comentarios »
RSS feed for comments on this post. TrackBack URI
Deixa un comentario
Bloguea en WordPress.com. | Theme: Pool by Borja Fernandez.
Entries and comments feeds.