Información sobreo PXOM

Setembro 30, 2008 at 4:28 pm | In Uncategorized | Leave a Comment

A información que teñamos sobre o PXOM, contestación de alegacións, etc… iremos colocandoa aquí:

http://colectivonacionalista.wordpress.com/pxom/

Solidariedade con Cuba

Setembro 30, 2008 at 10:28 am | In Uncategorized | Leave a Comment

A Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil”, ven de habilitar unha conta de solidariedade para recibir as aportacións voluntarias de as persoas que queiran colaborar coa reconstrucción das areas afectadas polos recentes furacáns que asolaron Cuba.
O Goberno da illa asistiu en tempo con recursos materiais das súas reservas aos territorios máis castigados polos furacán. Xunto destas asistencias materiais, manifestouse un exercicio da solidariedade popular que é unha das primeiras divisas da formación en Cuba dende os comezos da Revolución.
Ao tempo, gobernos, organismos e institucións de todo o mundo estableceron contacto para o envío de axuda urxente.
Dende Galiza, a “Francisco Villamil” invita a colaboración nos traballos de recuperación en forma de aportacións a unha conta na que a propia Asociación fixo un ingreso de 5.000 €, procedentes do traballo solidario da institución.
A conta esta residenciada en Caixa Galicia e ten o número 2091 0374 37 3040006520
No rubro CONCEPTO debe especificarse: POR CUBA
Para máis información sobre a iniciativa pódese escribir ao correo da Asociación galegocubana@gmail.com

O Concello comeza a respostar as alegacións ao PXOM

Setembro 30, 2008 at 9:30 am | In Uncategorized | 1 Comment

O Concello de Marín comezou a respostar as alegacións ao PXOM. Polo que parece todas van pola mesma liña de denegar todas as suxestións e manter o Plano tal e como estaba, pasando do informe da Xunta e interpretando as leis de proteción dos ríos e os solos ao seu xeito.

Está claro que seguen apostando por un modelo especulativo, un modelo xa caduco e fracasado, que vai transformar Marín nun vertedeiro de segundas vivendas.

Non en tanto, ainda queda pendente a segunda exposición pública do PXOM e do Informes de Sustentabilidade Ambiental, hai é onde imos comprobar se fixeron algún cambio importante ou non.

Presentación de alegacións ao Plano Vigo Integra

Setembro 16, 2008 at 9:26 am | In Uncategorized | Leave a Comment

A rede de Colectivos “A Ría non se Vende” xunto coas seguintes asociacións: Afectados Ronda Vigo–Lavadores, Alternativa Veciñal, Clube Espeleolóxico Maúxo, Colectivo Nacionalista de Marín, Colectivo Xogo Descuberto, Plataforma Plan de Seguridade Viaria PO-325, Plataforma pola Defensa de Mos, Plataforma Priegue Unido, Plataforma Vive Gondomar e Sárdoma en Loita, entre outros:

Convocamos unha rolda de prensa mañá martes 16 ás 12:00 na Praza da Estrela, na porta da Xunta de Galiza, onde se entregarán, no rexistro, un grande número de alegacións contra o Plano Integra.

A Ría Non Se Vende

http://arianonsevende.nireblog.com/blogs1/arianonsevende/files/alegacion_vigo_integra_arnsv.pdf

Alegación ao Plano Vigo Integra

Setembro 10, 2008 at 11:56 am | In Uncategorized | Leave a Comment

ALEGACIÓNS AO PLANO VIARIO INTEGRAL ÁREA DE VIGO, CLAVE PO/06/009.00
1. O Plano, que afecta ao concello de Marín, e máis concretamente aos lugares de Pardavila, Cadrelo, Miñán, Pastoriza, e ao resto da comarca do Morrazo, Val Miñor, O Rosal, Condado-Paradanta e área de Pontevedra, conleva unha excesiva dependencia viaria e económica con respecto á cidade de Vigo, por enriba da que xa existe na actualidade.

2. Que no Concello de Marín non se fixo a exposición pública do proxecto en tempo e forma, tendo as persoas interesadas que desprazarse a outros organismos ou concellos limítrofes, polo que se dou unha situación de indefensión ao non poder coñecelo, incumprindose coa Lei 30/1992, de 26 de novembro do Réximen Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemiento Administrativo Común


3. Que este proxecto ten un impacto excesivo no tramo previsto de mellora da PO-313 entre a CG-4.1 e a variante de Marín. Aféctanse unha serie de vivendas, até 40, sen ningún tipo de xustificación, provocando unha situación de alarma social e prexuízos para os seus propietarios.


4. Que a proposta de actuación non responde á mellora do vía PO-313 que comunica Marín con Moaña, xa que a actuación que se fai no mesmo é parcial e non sobre todo o percorrido. Non se fan modificacións nos tramos máis perigosos e que rexistran máis accidentes, o que demostra que este proxecto non se pretende unha mellora da seguranza vial.


5. Promove 243,8 novos kilómetros de autovías (autovías de nova construción, ampliacións de vías rápidas, rondas) e 82.4 kilómetros restantes (estradas de circunvalación, variantes e vías de conexión con vías de alta capacidade) que van provocar un enorme e irreversible impacto ambiental (fenda xeolóxica, erosión do solo, perda de biodiversidade, recheo de vales e leitos fluviais, ocupación de solo rústico, efecto barreira, expropiación de leiras e vivendas, etc) no seu ámbito de actuación, tanto dentro da propia cidade como por toda a área comarcal de influencia antes citada.


6. Baseado nun modelo de transporte de mobilidade, vai provocar máis utilización do transporte privado e pesado por estrada e polo tanto máis contaminación atmosférica, acústica e inseguridade viaria e no futuro agravará os problemas circulatorios, xa que a máis e meirandes estradas, vai provocar un irresistible poder de atracción do tráfico, xerando máis atascos e problemas de aparcamento nos accesos.


7. Ao non contemplar o transporte público como elemento de comunicación, o Plano Íntegra incumpre as directrices da Unión Europea por promover un transporte baseado no uso do automóbil en detrimento dun transporte sustentábel.


8. Está ideado para dar servizo a un crecemento urbanístico e industrial totalmente desfasado, onde cada concello está a propor a duplicación da súa edificabilidade actual, que non se corresponde co crecemento real demográfico nin económico.


9. O seu impacto vai ser global, xa que só beneficiará ás grandes industrias multinacionais do sector da construción e do petróleo e ademais incidirá nun notable incremento na emisión de gases de efecto invernadoiro á atmosfera a nivel local.


10. O ISA céntrase sobre todo en facer un inventario ambiental e na avaliación dos impactos que orixinarían as actuacións previstas no Plano. Sen embargo, utiliza unha escala demasiado grande, de tal xeito que non considera as características particulares de cada zona afectada. Isto é un punto importante porque a avaliación dos impactos pode variar dependendo das especificidades de cada zona.

Polo exposto SOLICITAMOS:
1. A anulación e retirada do PLANO VIGO ÍNTEGRA polo seu enorme e irreversible impacto ambiental e pola súa manifesta insostibilidade.

2. Que os orzamentos previstos para este Plano (1.648.217.407 millóns de Euros) se invistan como alternativa en vertebrar, mellorar e humanizar en condicións as estradas existentes; na mellora e fomento do transporte colectivo, tanto por estrada, por ferrocarril, como pola ría; nos carrís bici; e na consecución de outras infraestruturas máis necesarias como centros de saúde, hospitais comarcais, centros educativos, sociais, culturais, e espazos verdes, que fagan máis habitábeis e sociábeis as nosas barriadas, parroquias, pobos e comarcas, ou sexa o noso contorno máis próximo e onde vivimos, actualmente infravalorado e fallo de dotacións, e para que ademais non teñamos que utilizar tanto o vehículo privado e a estrada nos nosos desprazamentos.

3. Que, en todo caso, se proceda a unha nova exposición pública no Concello de Marín para cumprir co dereito á información pública do proxecto por parte das persoas interesadas.

Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transporte.
Delegación Provincial de Pontevedra

Rexeitamos o Plan Vigo Integra por destrutivo e insostíbel, e pola súa xestión oscurantista.

Setembro 10, 2008 at 11:54 am | In Uncategorized | Leave a Comment

O Plan Vigo Integra debería estar exposto no concello de Marín xa que nos vai afectar directamente ao estar prevista a ampliación e modificación da estrada que vai desde a vía rápida do Morrazo até a entrada na circunvalación de Marín, na Pardavila.

Este plan afecta aos concellos do Morrazo, Val Miñor, O Rosal, Condado-Paradanta e Vigo, e ten previstas unha serie de autovías, circunvalacións e ampliacións de estradas. Estas obras están sempre en función e orientadas a dar servizo a Vigo criando unha dependencia viaria e económica con respecto a esta cidade. De feito no texto do Plan Vigo Integra considera a Marín dentro da súa área de influencia.

Está ideado para dar servizo a un crecemento urbanístico e industrial totalmente desfasado, onde cada concello está a propor a duplicación da súa edificabilidade actual, que non se corresponde co crecemento real demográfico nin económico.

Queremos denunciar que esta actuación da Xunta de Galiza vai provocar unha nova catástrofe ecolóxica ao promover a construción de gran número de novas vías, impactando no entorno e fomentando o uso do automóbil como medio de transporte.

Estase facendo un deseño en función dos intereses económicos da gran cidade de Vigo, pero sen ter en conta as necesidades de mellora dos viais e estradas dos concellos afectados. Marín non vai ver melloradas as súas comunicación internas nin se van mellorar co resto do Morrazo.

Ademais, estase dando de feito unha situación de indefensión para o pobo de Marín xa que a exposición pública que se tiña que facer no concello non se fixo en tempo e forma. Parece ser que polas protestas de algún veciño vai comezar agora. Isto provoca unha indefensión e representa unha atitude impresentábel dos nosos gobernantes municipais, e da oposición por non estar atenta.

Demandamos a retirada do Plan Vigo Integra, e demandamos que se abra un novo prazo de exposición pública para solventar este oscurantismo intencionado, e que veñan a explicarlle ao pobo de Marín en que vai consistir esta obra. Que nos aclaren, e sobre todo aos posíbeis afectados, que vai pasar coas vivendas afectadas.

Que nos expliquen se esta obra non ven a culminar o deseño da variante de Marín e as súas conexións cos previstos parques industriais. Curiosamente as catro saídas da variante van dar ao Pituco, Vista Alegre, A Brea e Ardán. A quen van servir estes parques industriais, a Marín ou están deseñados para dar servizo a Vigo?

Por último, solicitamos que os caros previstos para este plan sexan investidos en vertebrar, mellorar e humanizar en condicións as estradas existentes. Que se mellore e fomente o transporte colectivo, por estrada, ferrocarril, bicicleta, etc. Así como na consecución de infraestruturas e servizos máis necesarios como centros educativos, sociais, de día, de saúde, hospitais, etc.

O Colectivo Nacionalista vai alegar a este plan solicitando a súa retirada, e animamos aos veciños e veciñas de Marín a facer o mesmo, xa que nos vai afectar de xeito negativo e a tramitación se fixo ás costas do pobo criando unha situación de indefensión ante este megaproxecto.

Marín, 2 de setembro de 2008.

O Servizo Provincial de Costas, do Ministerio de Medio Ambiente, pretende construir un paseo marítimo en Loira afectando á costa

Setembro 10, 2008 at 11:42 am | In Uncategorized | Leave a Comment

ESCRITO DE ALEGACIÓNS AO PROXECTO DE PASEO MARITIMO DE LOIRA

Que estando en periodo de Información pública o proxecto de ampliación do paseo en Loira, Fase 1, elaborado polo Servizo de Proxectos e Obras de Pontevedra do Ministerio do Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño; vimos presentar as seguintes

ALEGACIÓNS:
1.- Que se pretende facer unha actuación sobre un conxunto de vivenda e finca que ten unhas connotacións históricas e unha antigüidade que fan necesaria a información e autorización previa da administración responsábel da protección do patrimonio histórico artístico, a Consellaría de Cultura da Xunta de Galiza.
Pola súa antigüidade e características estamos ante un elemento patrimonial a protexer, xa que se cumpre o Art. 15. 1. da Lei 16/1985 de 25 de xuño de Patrimonio, que dí: “Son Monumentos aqueles bens inmóbeis que constituen realizacións arquitectónicas ou de enxeñería, ou obras de escultura colosal sempre que teñan interese histórico, artístico, científico oo social.”
2.- Que no proxecto de planeamento urbanístico que está tramitando o Concello de Marín aparece recollido no catálogo de edificacións a protexer co nome “Edificación de Punta Loira”, clave E39, o edificio e a finca. Cualifícase o grao de protección e as actuacións e usos permitidos, que son o de “conservación, restauración e rehabilitación”. Polo tanto, o que se pretende facer é alterar o estado actual da finca, modificando e derrubando os seus muros, sendo substituídos por outros de distintos materiais.
A restauración dos muros non se fai respectando o estado orixinal dos mesmos, propoñéndose a substitución da pedra por outra totalmente diferente. Isto conleva un impacto visual e contribúe á degradación dos lugares onde se ubican as canteiras das que se estrae a pedra.
3.- Que o proxecto presentado incide negativamente ao afectar a zona de ribeira e non ten en conta a alteración da paisaxe que provoca, modificando o entorno da praia de Loira.
4.- Que o proxecto incumpre o artigo 44.5 da Lei 22/1998 de Costas donde se cita que “os paseos marítimos localizaranse fóra da ribeira do mar e serán peonis”, sendo o máis grave e lamentábel que o faga a propia administración pública que debe velar polo seu cumprimento.
A invasión da zona de ribeira polo paseo proxectado é unha actuación expresamente prohibida pola Lei de Costas. Incumprindo o art. 27.1 que di: “A servidume de tránsito recaerá sobra a franxa de 6 metros, medidos terra adentro a partir do límite interior da ribeira do mar. Esta zona deberá deixarse permanentemente expedita para o paso público peonill e para os vehículos de vixianza e salvamento, agás en espazos especialmente protexidos.
5.- Que a inversión prevista non está suficientemente xustificada e vai beneficiar fundamentalmente a uns propietarios particulares, que teñen que manter en condicións os muros da súa propiedade que nestes momentos están deteriorados.
A administración ten a obriga de velar polos intereses de todos os cidadáns polo que é recomendábel a reutilización dos fondos previstos nun proxecto que sexa realmente útil para a sociedade.
Unha actuación similar á efectuada na finca de Briz sería unha alternativa máis proveitosa. Mediante a adquisición da propiedade e posterior restauración e disfrute público creando un obradoiro de emprego poríase a disposición do pobo de Marín unha edificación histórica e daríase formación e ocupación á mocidade.

Por todo o anteriormente exposto é polo que SOLICITAMOS:

1. Que se retire o proxecto de paseo marítimo en Loira e se modifique procedendo á dotalo dun contido de interese público mediante a compra ou expropiación da edificación de Punta de Loira e a súa finca.
2. Que de procederse á adquisición da casa, se inicien as xestións para a constitución dunha escola obradoiro que rehabilite a edificación e o entorno, dándolle un posterior uso público.
3. Que, en caso de realizarse o paseo, a restauración dos muros se faga respectando na súa totalidade o estado orixinal dos mesmos levándose a cabo na maior medida do posíbel cos materiais (pedra) xa existentes.

En Marín, 29 abril de 2008.


Sr. Alcalde do Ilmo. Concello de Marín

Bloguea en WordPress.com. | Theme: Pool by Borja Fernandez.
Entries and comments feeds.