Polo monolingüismo social

Outubro 15, 2009 at 1:31 pm | In Uncategorized | 1 Comment

Os cidadáns e as cidadás de Galiza saímos á rúa para defendermos a Lingua Galega dun proceso histórico de substitución que colle folgos da man das políticas institucionais dos inimigos do galego. Ante os ataques que pretenden consumar o exterminio da Lingua unimos forzas por volta de tres reivindicacións:

Un país socialmente monolíngüe en Galego en que cidadáns e cidadás escollan libremente o dominio e uso de outros idiomas. Recusamos o bilingüísmo harmónico por ser a farsa que permite con aparencias democráticas a substitución do Galego polo español, á vez que oculta un conflito como o lingüístico na retórica das liberdades individuais, cando este só pode ter solucións sociais e colectivas.

A reactivación da acción normalizadora de base en todas as frentes sociais. Se a supervivencia da lingua é fruto da vontade política do pobo que a fala, esta máxima ten aínda máis vixencia baixo institucións indiferentes ou contrarias á normalización que toleraron a súa minorización social nestes 30 anos de Autonomía.

Un novo marco legal superador da desigualdade xurídica existente entre Galego e español que garanta a hexemonía social da lingua do País nun futuro non lonxano. A defensa dos elementos de discriminación positiva existentes na lexislación actual non é o teito das nosas reivindicacións.

 Na Galiza, em 18 de Outubro de 2009

A pista de tenis

Outubro 6, 2009 at 1:07 pm | In Uncategorized | Leave a Comment

Recentemente desde o Concello de Marín, e máis concretamente o sr. Ruibal, anunciaba a inauguración da pista de tenis recentemente construída en San Pedro, detrás do pavillón, dicindo incluso que serviría para competicións oficiais.000_1915333

Parécenos ben que se fagan intervencións para dotar de instalacións deportivas a Marín, pero a pista de tenis que pretende inaugurar o sr. Rubial atópase a día de hoxe nun estado lamentable debido á falla de previsión á hora de realizar a obra. Situase nun nivel inferior á estrada, e deixaron á beira desta un desnivel de terra que agora invade a pista pola acción da choiva. As marabillosas cores con que foi pintada están embaixo dunha morea de area, o que fai impracticábel a práctica do tenis.

Esta actuación, non exenta de polémica, vai deixar sen un espazo libre de xogos a moitos rapaces, e non tan rapaces, que acudían alí a darlle unhas patadas a un balón e que agora non teñen un espazo alternativo onde facelo. É por isto que sería interesante que ademais de servir esta pista para o tenis puidera empregarse para outro tipo de actividades, xa que por moito que nos queiran vender desde o concello poucas “competicións oficiais” se van desenrolar alí.

Confiamos en que se estude e se poña en práctica esta posibilidade que permitiría rendabilizar estas instalacións dándolle máis alternativas de uso.

Marín, 6 de outubro de 2009.

11 de setembro: Trascendental xornada de loita en defensa do Salgueirón

Setembro 12, 2009 at 12:12 pm | In Uncategorized | Leave a Comment

reproducimos da páxina de A ría non se vende o relato da movilización do 11 de setembro en Massó

flota_bajura_ria_vigo_puerto_masso.jpgPARO TOTAL DA FLOTA DE BAIXURA E DAS LONXAS DA RÍA DE VIGO

CENTOS DE BARCOS SE CONCENTRARON NO SALGUEIRÓN E UNHA MANIFESTACIÓN PERCORREU AS RÚAS DE CANGAS

O de onte foi outro día importante na longa loita de Cangas en defensa do Salgueirón. Unha loita que xa non é só de Cangas senón de toda a ría, porque onte toda a Ría de Vigo estivo alí, diante da antiga fábrica de Massó.

O seguimento da folga convocada esixindo a paralización inmediata das obras do porto deportivo foi total. Tódalas lonxas da ría permaneceron pechadas, coa excepción da de Vigo onde só se descargou pesca de altura. A flota pesqueira, bateeira e marisqueira permaneceu amarrada ou concentrouse na zona do Salgueirón, onde máis de douscentas embarcacións procedentes de tódolos portos da ría, e algúns de fora dela, fixeron sonar as súas sirenas insistentemente desde as 11 da mañá. Mesmo había un barco da Garda Civil que tamén se quixo sumar á xornada reivindicativa. Menos este, todos os demais lucían bandeiras nas que se podía ler “Caixa rouba: Stop Massó” e moitos portaban grandes faixas con distintas consignas.

11sa.jpg En terra centos de persoas acudiron a recibilos entre aplausos e berros de “goberne quen goberne Massó non se vende”, respondendo así á convocatoria de A RÍA NON SE VENDE a pesar de tratarse dun día laborable.

Unha foto malograda

A nota discordante puxérona uns asistentes que non foran convidados. Referímonos aos representantes do BNG, Teresa Táboas, Bieito Lobeira e Begoña Pérez que se presentaron no lugar coa intención de saír na foto. Pero a foto saíulles bastante movida e moi desenfocada.

É un insulto á intelixencia dos veciños e veciñas de Cangas que estas persoas tiveran o descaro e o atrevemento de presentarse alí, cando nas mans da súa compañeira de partido e alcaldesa de Cangas, Clara Millán, está a posibilidade (e a obriga) de parar esas obras con só asinar un papel, pois, entre outras moitas irregularidades, carecen de licencia municipal. Pero Caixanova (ou caixa rouba), accionista maioritaria da empresa promotora, é moi… como dicir… influínte?

E a foto saíulles movida porque os berros de BNG fora de Massó, hipócritas, vendidos, corruptos e outras lindezas, acompañáronnos moi de cerca, cara con cara, tanto cando embarcaron nun dos barcos como cando, unha hora despois, saíron del a toda presa e fuxiron peirao adiante como almas que leva o demo. E aínda no mesmo barco tiveron que oír bastantes cousas. Deuse ademais a circunstancia de que sobre as 11:30 toda a flota tomou rumbo á casa do concello, moi próxima ao mar, para levar á alcaldesa a protesta. As súas caras alí eran todo un poema.

Caixa rouba e Excongal: terrorismo ambiental

Houbo, ademais desa, outras provocacións. Desde as salas nobres de Caixanova en Vigo contratáronse os servizos dunha empresa para que se ocupara de descolgar unhas faixas que, aludindo a Caixa rouba, estaban penduradas en distintos lugares da Alameda de Cangas. Compañeiros e compañeiras do Foro impediron que o fixeran.

A outra viu da empresa construtora (a tristemente célebre “Excongal, terrorista ambiental”). Diante da caseta da obra formaban case militarmente cinco ou seis homes. Brazos cruzados, pernas abertas e mirada desafiante @s manifestantes. Ninguén entrou ao trapo e o desprezo máis absoluto foi a resposta que recibiron.

Arredor das 12:30 e tras despedir á flota, formouse unha manifestación que se dirixiu primeiramente á oficina principal de Caixanova en Cangas. Alí permaneceron @s manifestantes un bo rato entre asubíos e berros de “Caixanova especuladora” ou “Salgueirón expropiación”, para saír logo cara o concello. A Sra. Alcaldesa non estaba e non puido recibir a uns representantes dos mariñeiros que así o solicitaran. É unha muller moi ocupada, claro.

A loita dura xa catro longos anos, pero nós estamos seguros de que ese porto deportivo nunca se vai construír. E cada día que pasa crécenos por dentro máis e máis esa seguridade. A loita continúa, pero a victoria está cada vez máis cerca.

Massó non se vende / A Ría Non se Vende / Galiza Non se Vende

100 DÍAS DE GOBERNO PERXUDICIAIS PARA MARÍN

Setembro 12, 2009 at 12:08 pm | In Uncategorized | Leave a Comment

 Cando xa transcorreron pouco máis de cen días do goberno do PP na Xunta de Galiza podemos valorar de xeito moi negativo a súa acción de goberno que baixo o argumento da austeridade está baseada en derrubar dous piares fundamentais da nosa sociedade: a lingua e os servizos públicos, especialmente o ensino e a sanidade.

No caso de Marín vemos con preocupación que os recortes orzamentarios poden afectan aos centros de ensino público, a Galescola agora galiña azul pode quedar sen uso durante todo un curso e o tan manido novo centro de saúde non se sabe cando se vai construir.

A lingua galega, o máis importante sinal de identidade do pobo galego, considérese este ou non nación, foi usado como arma electoral por parte do Partido Popular seguindo os falsos argumentos usados polos galegofogos Galicia Bilingüe. O seu ataque á lingua ten consecuencias concretas como son a modificación do decreto do ensino para pasar dunha situación de aparente igualdade entre linguas a outra totalmente distinta na que auguramos malos tempos para o galego.

Mais tamén ten consecuencias directas que nos afectan a toda a cidadanía, galegofalante ou non, como é o caso das galescolas onde se paralizaron todos os procesos selectivos de persoal e todo o que tivera que ver con elas. En Marín podemos comprobar como unhas instalacións destinadas a ser galescola en San Pedro que están totalmente rematadas pode quedar este curso valeira por falta de persoal e mobiliario.

Dende O Colectivo Nacionalista queremos facer un chamamento ao goberno local de Marín para que fagan novas xestións diante da Xunta para que está situación mude. Por outra banda mentres adican cartos a subvencionar centros privados onde se segrega ao alumnado segundo o seu sexo péchanse aulas de centros públicos para beneficiar á ensinanza privada como no caso de Marín onde se pecharon dúas aulas en beneficio do colexio dos Padres Paules.

 Para completar os recortes no ensino, outra das medidas tomada polo novo goberno que vai afectar a moitas familias é a da supresión da gratuidade dos libros de texto no ensino obrigatorio. A propia consellaría de educación recoñece que só van chegar a financiar os libros dun 25% dos alumnos e alumnas.

Tampouco se salva a sanidade da acción de goberno do Partido Popular, á paralización dos hospitais de Pontevedra e Vigo para estudar “novos modelos de financiación” que de seguro van ser á madrileña e valenciana ou sexa xestión privada dos mesmos e recurtes no número de camas beneficiando ao sector privado, unha das primeiras medidas onde se pode comprobar directamente isto é na supresión de operacións e intervencións en horarios de tarde ao suspender as chamadas peonadas do persoal sanitario. A quen beneficia isto? Casualmente no último consello da Xunta acordábase renovar convenios con hospitais privados por un total de 24 millóns de euros.

En Marín levamos moitos anos agardando por un novo centro de saúde e agora con esta política de “austeridade” implantada pola novo goberno na Xunta preguntámonos que vai pasar con el, vaise construír ou non, canto tempo máis teremos que agardar por un novo centro de saúde?

Marín, 28 de agosto de 2009.

sábado 1 de agosto, manifestación en Cangas – STOP MASSO

Xullo 29, 2009 at 12:23 pm | In Uncategorized | Leave a Comment

Sábado 1 de agosto, ás 20 horas desde a Alameda Vella, manifestación contra o porto deportivo en Massó.

STOP ESPECULACIÓN.

Sanción de Augas de Galiza ao concello de Marín

Xullo 23, 2009 at 1:34 pm | In Uncategorized | Leave a Comment

Resolución do expediente sancionar ao Concello de Marín polas obras no río Lameiriña

Onte recibimos a resolución do expediente sancionar aberto por Augas de Galicia contra o Concello de Marín por denuncia con motivo das obras efectuadas no río Lameiriña e que afectaban á zona de servidume e á canle do río.

Na mesma recoñecese a infracción, por parte da administración local, pola realización dunhas obras incumprindo a normativa vixente ao non ter solicitado a correspondente autorización ante Augas de Galicia para a colocación de colectores de augas residuais, arquetas e cruces de formigón no río.

Como xa denunciamos esta actuación do concello de Marín, e máis concretamente da concelleira de Medio Ambiente Pilar Blanco, supuxeron un atentado ecolóxico e unha aberración paisaxística, incorrendo nunha actuación ilegal.

Augas de Galicia declara ao concello responsábel dunha infracción administrativa, a pesar de que tamén declara prescrita a sanción, polo tanto non haberá que pagar multa algunha. Aínda que por unha banda parécenos ben que o concello non teña que pagar, cos cartos de todos nos, a incompetencia dos seus actos; tamén temos que denunciar que se prescribiu a sanción e se declara a caducidade do expediente é por neglixencia de Augas de Galicia que resolveu o 13 de xullo de 2009 unha denuncia do 25 de outubro de 2007. 

O máis importante desta resolución é  o prazo que lle da Augas de Galicia ao concello de Marín para que no prazo dun mes “repoña as cousas ao seu estado anterior”, é dicir que ten que desfacer o actuado no río Lameiriña e deixalo no seu estado natural. 

Por último queremos manifestar que seguimos considerando á concelleira de Medio Ambiente un lastre para o medio ambiente, xa que cada actuación que fai supón unha nova agresión ao entorno e non lle pasar por riba de outras institucións ou dos veciños de Marín. 

Marín, 23 de xullo de 2009. 

Solidariedade cos detidos en Cangas, non ao porto deportivo en Masso

Xullo 21, 2009 at 12:59 pm | In Uncategorized | Leave a Comment

Desde o Colectivo Nacionalista de Marín queremos amosar a nosa solidariedade coas persoas agredidas e detidas inxustamente onte en Cangas cando defendían a legalidade fronte a imposición dunha obra que vai arrasar co litoral e que só serve á especulación urbanística.

Solidarizámonos cos membros do Foro Social, de Ace, Luita Verde e de outros colectivos e persoas a título individual que onte tentaron paralizar unha vez máis as obras ilegais do porto deportivo en Massó.

Queremos denunciar publicamente a pasividade cómplice da alcaldesa do BNG, Clara Millán, que está permitindo que se realicen unha obras sen licenza municipal, e que coa súa actuación está demostrando que intereses defende realmente o BNG. Cangas ten unha alcaldesa que se agocha e escapa do concello para non recibir aos mariñeiros e aos membros do Foro, pero non ten ningún problema en permitir que empresas que pretenden apropiarse de terreo público destrocen o litoral. Non ten problemas en permitir que mallen nunha concelleira do seu equipo de goberno sen amosar a menor solidariedade con ela.

En Cangas o BNG e o PSOE están demostrando que gobernan igual que o faría o PP de Sotelo, enganando aos veciños na campaña electoral prometendo que non apoiaría o porto deportivo en Masso, e unha vez instalados na poltrona incumpren o pacto de goberno que asinaron e deixan facer con total impunidade.

Estamos ante unha política de acoso e criminalización das persoas que exercen os seus dereitos e defenden uns valores que non son os da especulación, o ladrillo e o formigón. A Garda Civil actúa en Cangas ao servizo dunha empresa privada, dos intereses de Caixanova, facendo funcións de matóns. Os que teoricamente teñen que defender a aplicación da lei e as normas son os que están amparando unha desfeita ecolóxica na ría provocada polos que pretenden enriquecerse a conta do pobo de Cangas. O subdelegado do goberno actúa como en tempos do máis rancio franquismo e reedita as imaxes das Encrobas, de Catrelo de Miño, e de tantos conflitos que deixaron imaxes que pensabamos que non se repetirían.

Demandamos a inmediata paralización das obras do porto en Massó e a posta en liberdade de todas as persoas detidas, e facemos un chamamento á participación nas mobilizacións previstas.

Marín, 21 de xullo de 2009.

25 de xullo día da patria galega

Xullo 16, 2009 at 1:44 pm | In Uncategorized | Leave a Comment

Manifesto Día da Patria 2009

CausaGz

Amigas e amigos, compañeiras e compañeiros vidos de toda a Galiza e do exterior, presentes e ausentes, delegacións internacionais que nos acompañades: Celebramos hoxe a xornada en que reivindicamos o noso dereito de autodeterminación e reafirmamos a vontade de constituírmos o noso propio Estado: unha República Galega. No actual contexto de crise capitalista, tales reivindicacións son máis necesarias do que nunca: a crise deteriora as nosas condicións de vida e traballo e agudiza os peores efectos da histórica dependencia de España, como o desemprego estrutural, a precariedade ou o empobrecemento de importantes sectores do pobo traballador.

Madrid e Bruxelas pretenden sumar a esta condición de viveiro de man de obra barata e fonte de recursos minerais e enerxéticos, a turistificación da economía nacional, mentres relanzan o asalto ao territorio que arrasa costas, vales, ríos e montes en aras do beneficio privado e planifican desde institucións alleas a liquidación da nosa lingua e identidade. A nivel institucional, após catro anos de goberno bipartito PSOE-BNG, a dereita máis conservadora recuperou o goberno da Xunta. Isto foi posíbel, entre diversos factores, pola aplicación continuísta por parte do PSOE e do BNG de semellantes políticas aplicadas polo fraguismo.

Catro anos perdidos na construción nacional de Galiza e na mellora das condicións de vida do noso pobo. A situación é difícil e alterna episodios de loita exemplar, como a do proletariado do Metal, coa agudización da represión e o control social e a extensión do malestar psicosocial. É imprescindíbel, pois, tomarmos medidas resolutivas. A curto prazo, a convocatoria dunha Folga Xeral Nacional e a coordinación d@s independentistas para facermos fronte con radicalidade á administración que preside Alberto Núñez Feijóo.

A medio, organizándonos para as batallas que se anuncian e avanzando a paso firme no camiño da autodeterminación e a soberanía. Autodeterminación e soberanía son a chave que abre a porta a un futuro distinto do que se perfila no horizonte; son a única alternativa política real neste país. A vía estatutista, a vía do contrato con España, é unha fraude esgotada que apenas foi útil para adormecer conciencias e facilitar que os nosos inimigos históricos avancen no espolio e a destrución de Galiza.

A auténtica democracia e a dignidade virán da loita que nos leve a un escenario de autodeterminación, soberanía e independencia. Con todo, compañeir@s, chamar un pobo á loita é moito máis que lanzar unha proclama. Chamar un pobo á loita, cando tantas vontades están feridas por escepticismos e impotencias, é sobre todo asumir responsabilidades: a responsabilidade de forxarmos ferramentas organizativas lexítimas e duradeiras; de cohesionarmos as forzas disponíbeis so estratexias concretas de intervención e, por riba de todo, de gañarmos con feitos os corazóns e a credibilidade de millares de independentistas e do conxunto do pobo traballador galego.

É evidente que os axentes políticos e sociais e as persoas que vertebramos Causa Galiza non conseguimos materializar nestes dous anos as expectativas creadas no 2007 e desactivar os factores que desaceleran desde dentro a loita soberanista, imposibilitando logros hoxe posíbeis.

 Estas eivas impediron que Causa Galiza estivese á altura do agardado e da necesidade de edificarmos espazos de convivencia e loita sobre os que erguer proxectos máis ambiciosos no futuro. Recuperarmos o rumbo orixinal e a ilusión é, polo tanto, o reto urxente. Pretendemos ser a ferramenta que permita a organizacións, movementos sociais e militantes traballar cóbado con cóbado, desde a esquerda, pola soberanía.

Queremos construír a alianza que estenda a reivindicación da autodeterminación a todo o país e, desde o traballo de base, desde a acción diaria, cree condicións favorábeis para avanzarmos na loita independentista. Neste Día da Patria convidamos quen, día após día, sustentades desde a militancia e o esforzo anónimos o combate pola soberanía, a fortalecerdes esta ferramenta. É necesario, é urxente e danse as condicións necesarias. A loita pola autodeterminación precisa de todas e todos nós.

 Compañeir@s, mans á obra,!

Viva a loita por unha Galiza ceibe! Viva Causa Galiza!

 Galiza, 25 de Xullo do 2009

ANTE A PROPOSTA DE NOVO HOSPITAL PARA ÁREA SANITARIA PONTEVEDRA NORTE

Xullo 1, 2009 at 10:35 am | In Uncategorized | Leave a Comment

O Concello de Marín está integrado na Área Sanitaria Pontevedra Norte e, polo tanto, a nosa asistencia hospitalaria depende do CHOP, é dicir do Hospital Montecelo e do Hospital Provincial. Polo tanto, calquera proposta de ampliación ou construción dun novo centro hospitalario vai afectar ao pobo de Marín como parte integrante e usuaria desa área.

Diante da proposta feita polo Presidente da Xunta, e despois confirmada pola Conselleira de Sanidade, temos que manifestar que non entendemos como despois de gastar 47 millóns de euros na modernización de Montecelo e tendo en marcha un proxecto de ampliación, agora a Xunta o paralice para construír, teoricamente, un novo hospital. Paralizar a ampliación de Montecelo para facer un novo hospital, deixando en mans da iniciativa privada o proxecto, é un fraude para o conxunto da sociedade e non só para Pontevedra pois na súa Área Sanitaria hai moitos concellos, entre eles Marín (toda a zona norte da provincia de Pontevedra).

É unha tomadura de pelo propoñer un mini-hospital de 300-400 camas que só se entende cun cambio do modelo de xestión dos centros sanitarios hospitalarios reducindo o acceso aos hospitais e saturando a atención primaria. Esta redución de camas só pode entenderse desde a intención de favorecer os centros privados subvencionados pola Xunta, que teñen un peor servizo en asistencia, material e persoal, como puideron comprobar os que padeceron eses centros privados. Curiosamente cando se fixo a ampliación do Hospital Domínguez esta veu acompañada da perda de camas na atención pública.

Desde o PP pretenden importar o modelo que veñen implantando en Valencia e Madrid coa sanidade e a educación, e que están levando ao desastre a asistencia sanitaria nestas comunidades. Feijoo como bo aprendiz segue a liña de Camps e Esperanza Aguirre gobernando para os seus amigos e non tardará moito en regalar a xestión da sanidade a empresas privadas, a construción de hospitais ás grandes construtoras e a xestión da Atención Primaria ás empresas de saúde privada. Este modelo privatizador xa fracasou noutros países, como Inglaterra, e en Estados Unidos onde a sanidade pública non existe a asistencia para a maior parte dos seus cidadáns é nula.

Moito nos tememos que detrás desta proposta tamén se agoche un pelotazo urbanístico, pois mentres a conselleira di que se vai manter Montecelo, non se aclara que vai pasar co Provincial e os terreos que ocupa.

Outra preocupación que temos, e que non parece preocupar moito aos nosos políticos locais, é que vai pasar co novo centro de saúde de Marín. O PP desde que chegou á Xunta o único que fixo foi paralizar proxectos sen dar alternativas claras. Vai facer a Xunta o centro de saúde en Marín ou tamén vai parar este proxecto? Levamos anos esperando que desde a administración autonómica invistan algo en Marín e tanto o anterior goberno do PP como o bipartito tan só foron capaces de facer un apeadeiro.

É necesaria unha reacción contundente do conxunto da sociedade para evitar a privatización e o deterioro da Sanidade Pública. Tras a construción e xestión privada dos grandes hospitais o Partido Popular pretende ir máis alá e repartir entre as empresas de sanidade privada a atención primaria, os centros de saúde, como xa está facendo en Valencia. Menos medios, menos persoal, peor atención para beneficiar con cartos públicos a uns poucos.

Marín, 1 de xullo de 2009.

MARCHA POLO MONTE DE SALCEDO

Xuño 24, 2009 at 8:44 am | In Uncategorized | Leave a Comment

O próximo domingo 28 de xuño está convocada polos veciños de Salcedo unha marcha polo monte de Salcedo contra a franxa de seguridade que pretende a Brilat. Desde o Colectivo Nacionalista de Marín queremos manifestar o noso apoio aos veciños e veciñas afectados por esta situación, na que se atopa tamén Marín, que se van ver prexudicados pola intención do Ministerio de Defensa de ampliar esta zona. Ademais desta ampliación, os militares da Brilat están realizando unha serie de obras ilegais no monte, destrozando o medio natural e o patrimonio cultural. O que non se lle permite a calquera veciño consénteselle ao Ministerio de Defensa, que como organismo público debería ser o primeiro en dar exemplo.

Esta actuación da Brilat impide o normal aproveitamento dos montes por parte das comunidades de montes, limita a capacidade de obrar e realizar melloras nas casas afectadas pola zona de protección. Unha zona claramente exaxerada, de que se ten que protexer a Brilat? Os veciños non van realizar ningunha invasión da base militar, polo tanto non teñen nada que temer deles.

Facemos un chamamento ao pobo de Marín para que participe, pois tamén e parte afectada, nesta mobilización para defender os dereitos lexítimos dos veciños e veciñas da Brilat afectados pola irracional expansión dunha área que para nos é de desprotección. A marchar sairá ás 11 da mañá do Campo de Futbol do Casal – Salcedo, e ao remate estará instalada unha carpa no mesmo campo con polbeiras e comida a prezos populares.

Marín, 23 de xuño de 2009.

Seguinte páxina »

Bloguea en WordPress.com. | Theme: Pool by Borja Fernandez.
Entries and comments feeds.